Máis de 630.000 persoas están en Galicia en risco de pobreza e exclusión social, case a cuarta parte da poboación

Preservar o poder de compra dos salarios e un forte escudo social son as claves. UGT-Galicia advirte que vai estar vixiante para que o novo Executivo central que se conforme non desarticule o paraugas de medidas sociais e pídelle á Xunta que sexa máis incisiva nesta materia para evitar que nos vindeiros anos os datos empeoren

Fecha: 18 Ago 2023

Pobreza_08_2023

Case 200.000 persoas viven en Galicia en fogares con baixa intensidade no traballo

Segundo os últimos datos ofrecidos polo INE, pechados a 2022, da poboación total de Galicia, 2.690.464 persoas, case a cuarta parte, 634.950 persoas, viven en risco de pobreza ou exclusión social. Paliar esta situación pasa, necesariamente por preservar o poder de compra dos salarios e garantir por parte das administracións un forte escudo social. Se ben é certo que as medidas do Executivo en funcións amortiguaron a subida desbocada da inflación, non chegando a día de hoxe ao 2%, non se pode esquecer que a taxa subxacente continúa en case un 6%. Por outra banda, UGT-Galicia insiste en que existe un acordo en materia de negociación colectiva formulado para garantir o poder de compra dos traballadores e traballadoras pero que as empresas o teñen que aplicar. Ademais, a posta en marcha de políticas sociais ambiciosas en todos os niveis das administracións é fundamental para cubrir as necesidades daquelas persoas e familias que teñen dificultades. Neste senso, UGT-Galicia insiste en que vai estar vixiante para que o novo Executivo central que se configure tras as eleccións non desarticule o paraugas de medidas sociais establecidas e insta ao Goberno da Xunta a que sexa máis incisivo nesta materia. O contrario, podería supoñer que estes indicadores se disparen e, polo tanto, se creen grandes bolsas de desigualdade e medre a inxustiza social.

Neste contexto, coñecer a realidade dos fogares galegos pasa por analizar cales son as súas condicións de vida e con que medios contan para afrontar o seu día a día.

Segundo os últimos datos que facilita o Instituto Nacional de Estatística, pechados a 2022, a fractura social e a vulnerabilidade para a poboación galega continúa.

Segundo a taxa AROPE, un 23,6% da poboación galega, 634.950 persoas, están en situación de risco de pobreza ou exclusión social, é dicir, case a cuarta parte da poboación galega está en situación de vulnerabilidade.

Esta taxa derívase dun 9,5% das persoas residentes en fogares que rexistran unha baixa intensidade de traballo (188.844 persoas) e do 18% da poboación que está en risco de pobreza (484.284 galegos e galegas). Sen esquecer ao 6,3% da poboación galega (169.499 persoas) que está nunha situación de carencia material e social severa.

Se ben a situación mellorou lixeiramente en relación a anos precedentes, UGT-Galicia insiste en que no se pode baixar a garda e hai que seguir implementando medidas destinadas a fortalecer o escudo social

En relación a anos precedentes, a situación mellorou lixeiramente. A taxa de risco de pobreza ou exclusión social é do 23,6, mentres que no 2021 era do 25,2. A taxa de risco de pobreza foi do 18% no 2022, fronte ao 20,2% do ano anterior, aínda que afastada do 15,4 que se rexistraba no 2014. Sen embargo, o que si subiu foi a taxa de carencia material e social severa ao 6,3%. Estaba esta última no 2021 no 6,2% pero é que no 2020 era do 3,2%. A porcentaxe de poboación (entre 0 e 64 anos) que vivía en Galicia en fogares con baixa intensidade no traballo foi no 2022 de 9,5 puntos, fronte aos 10,2 de 2021. Detrás desta leve mellora, de seguro, que están moitas das medidas postas en marcha que crearon un escudo social. Agora, co novo Executivo que se configure tras as eleccións, UGT-Galicia vai estar vixiante para que se continúe e traballar nunha senda de protección, co fin de garantir unha sociedade máis xusta. Neste senso, o Sindicato tamén lle esixe á Xunta que sexa máis incisiva nesta materia para evitar que os datos en Galicia empeoren nos vindeiros exercicios.

Notas:                                                                                                                                                                       

A poboación en risco de pobreza ou exclusión social é aquela nalgunha desta situacións: 
-En risco de pobreza (60% mediana dos ingresos por unidade de consumo). 
-En carencia material e social severa (con carencia en alomenos 7 conceptos dunha lista de 13 (Non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana. Non pode permitirse unha comida de carne, polo ou peixe, Non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada. Non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos. Tivo atrasos no pago de gastos relacionados co ou alugueiro, recibos de gas, comunidade... ou en compras, non pode permitirse dispoñer dun automóbil, etc.)

- En fogares sen emprego ou con baixa intensidade no emprego (Son os fogares nos que os seus membros en idade de traballar (persoas de 18 a 64 anos, excluíndo os estudantes de 18 a 24 anos, os xubilados ou retirados, así como as persoas inactivas entre 60 e 64 cuxa fonte principal de ingresos do fogar sexan as pensións) fixérono menos do 20% do total do seu potencial de traballo durante o ano de referencia. Esta variable non se aplica no caso das persoas de 65 e máis anos).
Fonte: INE – Enquisa de condicións de vida .

Tanto a renda media por fogar como por persoa é inferior en Galicia

Un das variables que vai marcar as condicións de vida é evidentemente o nivel de ingresos. Neste senso, preguntámonos como é a renda dos galegos?. Segundo a Enquisa de condicións de vida do INE do ano 2022, os galegos e galegas teñen unha renda media por fogar de 29.616 euros, por debaixo dos 32.216 do resto do Estado. E unha renda media por persoa de 12.352 euros ao ano, tamén inferior á media estatal que é de 13.008.

O 16,5% dos traballadores e traballadoras pode considerarse pobre, a pesar de ter emprego

O nivel de ingresos é unha das variables deste quebracabezas que sempre debe terse en conta porque ter un emprego non é garantía de escapar á pobreza ou exclusión social. De feito, o 16,5% dos traballadores e traballadoras pode considerarse pobre, a pesar de ter emprego, dato estatal porque non existe a nivel de comunidades autónomas.

En Galicia o 70% das pensións son inferiores ao SMI e case 150.000 baixan dos 500 euros

E isto agrávase aínda máis para aqueles que están en situación de desemprego, cunha taxa de cobertura do 65,19%. Pero é que deste total, 76.573, tan só o 43,7% son prestacións contributivas e o resto son prestacións con contías moito máis limitadas, 38.541 subsidios e 4.596 RAI. Tampouco é fácil a situación para os pensionistas galegos, aínda que hai que recoñecer que o Acordo de pensións mellorou a súa situación. En Galicia o 69,4% das pensións (535.229) son inferiores aos 1.080 euros ao mes (SMI) e esta porcentaxe sobe ata o 82,07% no caso das mulleres. Pero é que 146.456 pensións son inferiores aos 500 euros, o que os sitúa nunha situación de especial complexidade para chegar a fin de mes.

UGT-Galicia insiste na necesidade de cumprir o AENC e adecuar os salarios ao custe da vida

Xa que, á vista dos datos, o emprego xa non é suficiente para garantir unha vida digna, urxe subir os salarios conforme ao custe da vida, é dicir, hai que negociar os convenios segundo o establecido no AENC e, polo tanto, garantir as cláusulas de revisión salarial para evitar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.

Como sociedade, non podemos conformarnos con que a cuarta parte da poboación viva en risco de exclusión social ou pobreza, mentres as empresas de sectores enerxéticos e doutros aumentan os seus beneficios e especulan cos prezos

UGT-Galicia considera que, como sociedade, non podemos conformarnos con que a cuarta parte dos galegos e galegas vivan en situación de risco de pobreza ou exclusión social, mentres obsérvase o aumento excesivo das marxes das empresas de sectores enerxéticos e doutros que aproveitan a actual conxuntura para especular e elevar os seus beneficios. 

Medrar salarios, seguir na senda do incremento do SMI, actualizar as pensións, fortalecer o escudo social e actuar ante o comportamento especulativo de determinados sectores e empresas

Para UGT-Galicia, a receita é clara e sinxela, os salarios teñen que medrar na mesma medida que o fan os prezos, polo que hai que garantir as cláusulas de revisión salarial;  para protexer ao colectivo de traballadores máis vulnerables, é imprescindible facer unha aposta decidida por seguir incrementando o SMI, cuxas recentes subas xa lograron unha mellora das condicións de vida das persoas con rendas máis baixas e unha redución das desigualdades e hai que seguir nesta senda; non pode ser tema de discusión a actualización das pensións conforme ao IPC, hai que garantir esta suba; e as administracións deben traballar por fortalecer o escudo social que protexa aos máis vulnerables. O Sindicato tamén lle pide ao Goberno unha vixilancia máis contundente do comportamento especulativo doutros sectores responsables da espiral inflacionista, impulsando maior competencia, fixando prezos máximos e establecendo sancións disuasorias para os especuladores. 

UGT lembra que manter a demanda e, polo tanto, o crecemento económico, pasa porque o conxunto da cidadanía teña capacidade adquisitiva suficiente.

 

 

Fuente: UGT-Galicia