Máis de 300 delegados de UGT e CCOO demandan na Delegación do Goberno máis emprego público, recuperación de dereitos e un salario xusto na Administración xeral do Estado
Fecha: 29 Ene 2018

Máis de 300 delegados e delegadas, convocados polas federacións de servizos públicos de CCOO e UGT, concentráronse esta mañá fronte á Delegación do Goberno (A Coruña) para demandar máis empregos públicos, recuperación de dereitos e un salario xusto na Administración Xeral do Estado (AXE).
Esta mobilización forma parte dun calendario máis amplo que comezou xa no mes de xuño do ano pasado e que se está a repetir en todo o Estado, de feito, hoxe tamén houbo concentracións en Madrid e Valencia. Concretamente, en A Coruña participaron os responsables estatais da AXE de ambos sindicatos, Carlos Álvarez (UGT) e José Manuel Vera (CCOO).
Os traballadores e traballadoras da Administración Xeral do Estado denuncian que dende o 2010 o persoal reduciuse nun 14 por cento, o que situou preto do colapso a boa parte dos servizos públicos que presta a AXE. E, aínda que os últimos acordos en materia de emprego supuxeron un tímido avance, a situación está lonxe dunha solución. Hai que ter en conta que a previsión de xubilacións nos próximos cinco anos na AXE está próxima aos 25.000 efectivos.
A situación retributiva é insostible. Dende 2010 as reducións e conxelacións salariais e os incrementos ridículos colocaron aos traballadores da AXE, que xa se atopaban en situación desfavorable en relación aos de outras administracións, nunha conxuntura insostible salarialmente.
UGT e CCOO instan ao Goberno a que se sente a negociar xa unha política de emprego para frear a progresiva perda de postos de traballo na AXE e as políticas privatizadoras de servizos.
Tamén urxe o desenvolvemento do Estatuto Básico do Empregado Público e o desbloqueo do IV Convenio único para adaptar o sistema de clasificación profesional coa aplicación efectiva do grupo B, o desenvolvemento retributivo no seu conxunto, incluíndo aquelas retribucións que corresponden ás características dos postos de traballo, á carreira profesional ou o desempeño, rendemento ou resultados.
Demándanse procesos de provisión de postos que atendan aos criterios de igualdade, capacidade e mérito. Tamén urxe recuperar os dereitos arrebatados en materia de IT, formación, accións social ou masa salarial dos plans de pensións.
En materia salarial os traballadores da AXE demandan a recuperación do poder adquisitivo e a garantía do mantemento no seu futuro. Concretamente fixan unha suba nos salarios de 250 euros lineais que permita ao persoal desta Administración acadar un nivel retributivo xusto e digno. Estes 250 euros supoñen o 10 por cento da masa salarial, fronte ao 13,3 por cento que levan perdido dende o 2010.