Máis de 18.000 traballadores do metal da provincia de A Coruña están chamados á folga por un convenio xusto

Fecha: 21 Jun 2017

Mañá, día 22 de xuño, máis de 18.000 traballadores do sector do metal da provincia de A Coruña están chamados a secundar unha xornada de folga, convocada por UGT-FICA, xunto con CCOO e CIG, para demandar un convenio xusto tras dous anos de negociación e continuos atrancos por parte da patronal para pechar un acordo que garanta unhas condicións salariais e sociais dignas para os traballadores do sector.

Esta será a primeira xornada á que lle seguirán outras o día 27 de xuño e os días 4 e 5 de xullo, se non chega antes a solución á parálise no eido da negociación do convenio.

Dende UGT-FICA insístese en que xa van 18 reunións entre sindicatos e patronal e esta última non acepta practicamente ningunha das reivindicacións presentadas polos sindicatos. Ademais de non avanzar, pretenden ir cara atrás porque persisten na idea de eliminar dereitos xa adquiridos como a revisión salarial ou afondar aínda máis na distribución irregular da xornada.

Pola contra, os traballadores consideran que urxe a mellora dos salarios, establecer a subrogación no sector, trasladar os acordos á industria auxiliar do naval, regular as gardas localizadas fóra de xornada, mellorar as licenzas retribuídas, limitar a utilización das ETT`s e non aumentar nin desregularizar aínda máis a distribución da xornada irregular.

O Sindicato cre que a implicación dos traballadores nas xornadas de folga e nas mobilizacións convocadas conseguirá mudar a situación de parálise actual.


Precisamente, para informar aos traballadores do seu dereito a folga e da importancia de participar na mesma de cara a buscar unha saída equilibrada e xusta para o convenio do metal da provincia de A Coruña, UGT-FICA adianta que despregará piquetes informativos nas comarcas de Compostela, Ferrol e A Coruña.

Ademais, están convocadas tres mobilizacións, como símbolo da protesta. Unha manifestación en Santiago que sairá ás 12.30 do Polígono do Tambre; en Ferrol sairá unha ás 11.45 da porta de Navantia-Ferrol que se xuntará as 12.00 na Praza de España co resto dos manifestantes; e unha concentración en A Coruña, fronte á sede da Confederación de Empresarios, ás 12.00 horas.





Fuente: FICA