Máis da metade das pensións galegas están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional de 655 euros ao mes

As  pensións de xubilación galegas seguen por debaixo da media estatal


UGT-Galicia denuncia que máis da metade das pensións galegas sitúanse por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional de 655 euros ao mes, esta é una situación que no resto de España non chega ao 40 por cento. UGT insta aos partidos políticos a recuperar o consenso do Pacto de Toledo para reforzar e garantir o Sistema Público de Pensións, elemento esencial para o crecemento da nosa economía e dun modelo social xusto e eficaz.

En Galicia 256.082 pensións de xubilación teñen unha contía mensual de menos de 655,19 euros. Estas pensións representan o 54,7% do total, é dicir de xeito maioritario as pensións na comunidade son inferiores a 655 euros. No conxunto do Estado o peso deste tramo de pensións acada o 39,3%, non chegan a supoñer unha maioría, son máis de 15 puntos de diferenza entre ambos escenarios.

As reformas sobre pensións que o Goberno do Partido Popular levou a cabo durante esta última lexislatura debilitaron intencionadamente a nosa Seguridade Social. Como consecuencia das devanditas reformas, considérase que, a medio e longo prazo, de media, os pensionistas verán reducida a súa pensión entre un 15% e un 26%.

Pero a peor cobertura das contías das pensións en Galicia respecto ao conxunto de España segue reflectíndose se analizamos un tramo máis amplo. Así, o número de pensións de xubilación por debaixo de 1.000 euros ao mes, incluíndo así o tramo anterior, acada o 73,1% en Galicia e no Estado o 60,6%.

A medida que subimos nos tramos de pensións obsérvase que o número diminúe. Entre 1000 e 2.000 euros ao mes atópanse o 19,6% das pensións. E por último, tan só o 7,3% das pensións superan os 2.000 euros ao mes.

Esta é unha situación preocupante, cando a perda de emprego converte aos maiores como o principal sustentador dos fogares.

Segundo datos do IGE 303.666 fogares galegos teñen como sustentador principal a persoas de máis de 65 anos (o total de fogares ascende a 1.060.976)

UGT considera urxente buscar alternativas de ingresos para a Seguridade Social, como incrementar empregos estables e salarios ou establecer cotizacións que contribúan ás arcas da Seguridade Social para os equipos tecnolóxicos que substitúen a traballadores de carne e oso. A destrución de empregos e a perda de cotizantes que están traendo as novas tecnoloxías é necesario compensala con cotizacións para o sistema público de pensión por estes equipamentos.

Nómina mensual de pensións - Tramos de contía por Clase de pensión ​ ​ ​ ​
 XUBILACIÓN%
EstadoGaliciaEstadoGalicia
Ata 655,19 euros2.247.272256.08239,354,7
De 655,20 a 1.000,00 euros1.219.18186.15821,318,4
De 1.000,01 a 2.000,00 euros1.589.43691.81627,819,6
Máis de 2.000,01 euros668.87533.99611,77,3
TODOS OS TRAMOS5.724.764468.052100,0100,0
FONTE: Elaboración propia Gabinete económico UGT Galicia a partir da Seguridade Social ​ ​ ​ ​

 

En 5 anos, de 2011 a 2015, as pensións menores de 1.000 euros só gañaron un 0,1%, practicamente estabilizáronse, e as de maior contía perderon un 3,8% do seu poder adquisitivo. Unha situación á que hai que sumar medidas que repercutiron directamente sobre o peto dos pensionistas, como o copago sanitario, ou o incremento do desemprego, que converteu a moitos dos nosos pensionistas na única fonte de ingresos dos seus fogares.

As diferentes reformas que o Goberno impuxo sobre a pensión de xubilación e a revalorización das pensións (lagoas de cotización, factor de sustentabilidade, xubilación anticipada e parcial ou novo Índice de revalorización) están dirixidas a provocar unha importante redución na contía da pensión e unha perda constante do poder adquisitivo dos pensionistas.

En definitiva, as reformas abordadas polo Goberno nesta lexislatura dirixíronse a erosionar, menoscabar e deteriorar o noso Sistema de protección social; a producir unha perda de confianza na sociedade, co obxectivo de reducir o noso sistema de pensións a un simple provedor de pensións mínimas e facilitar o desembarco dos fondos privados de pensións na xestión da Seguridade Social.

Para UGT é necesario e urxente outro goberno, que teña como prioridade soster e non socavar e privatizar o sistema de pensións. Son necesarias outras políticas que teñan como obxectivo reforzar o sistema de pensións e garantir unha Seguridade Social universal, pública, xusta, igualitaria e solidaria, que proporcione prestacións suficientes, preveña as desigualdades e evite as discriminacións sociais. Todo o contrario do feito polo Goberno nestes 4 últimos anos.          

Fuente: UGT-Galicia