As lacras laborais seguen a ter rostro de muller, a pesar de certas melloras grazas a medidas como a reforma laboral ou a subida do SMI
A corresponsabilidade no fogar, a gran materia pendente. A súa ausencia dificulta o acceso ao mercado laboral das mulleres e lastra as súas carreiras profesionais
Fecha: 05 Mar 2024
A corresponsabilidade no fogar, a gran materia pendente. A súa ausencia dificulta o acceso ao mercado laboral das mulleres e lastra as súas carreiras profesionais
As lacras laborais seguen a ter rostro de muller, a pesar de certas melloras grazas a medidas como a reforma laboral ou a subida do SMI
Santiago, 5 de marzo de 2024.- Un ano máis, este 8 de marzo, Día da muller traballadora, UGT-Galicia vese na obriga de denunciar a situación sociolaboral das mulleres galegas marcada por unha menor actividade e ocupación, máis desemprego, segregación horizontal e vertical, maior temporalidade e parcialidade, a brecha salarial e a asunción das tarefas e coidados familiares, todos eles factores que seguen a lastrar a vida laboral das mulleres e as súas carreiras profesionais. Se ben é certo que hai dúas medidas lexislativas, impulsadas e apoiadas por ambos sindicatos, que están a acurtar algunhas destas eivas, a subida progresiva do SMI nestes últimos anos e a reforma laboral, o camiño por andar aínda é arduo e longo porque as mulleres no eido do traballo seguen a levarse a peor parte das eivas que o mercado laboral presenta.
Facendo unha radiografía da situación, segundo os datos da EPA do ano 2023 (media anual), a poboación activa feminina en Galicia é inferior á masculina en 35.600 persoas, cunha taxa de actividade do 49,5%, fronte ao 57,2% no caso dos homes, o que supón unha diferenza de case 8 puntos.
Galicia rexistra a segunda taxa de actividade feminina máis baixa do Estado
En canto á comparativa co resto das comunidades autónomas, Galicia rexistra a segunda taxa de actividade feminina máis baixa do Estado, só Asturias, cun 47,7%, ten un índice máis baixo. O diferencial coa media estatal, do 54,4, é de 4,9 puntos.
Aínda que a principal causa da inactividade entre as mulleres, igual que no caso dos homes, é está en situación de xubilación, a esta séguelle de preto a causa marcada como “labores da casa”. Hai 619.600 mulleres inactivas, fronte a 480.700 homes, e, destas, 230.100 o son por ser xubiladas e 144.900 por “labores da casa”. No caso dos homes, 297.800 están en situación de inactividade por xubilación e por “labores da casa” tan só hai 21.400. A falta de corresponsabilidade no fogar, como se vai ratificar por outros datos presentados ao longo desta nota, eríxese como un dos principais factores que lastran ás mulleres, frean o seu acceso ao mundo laboral e, cando están nel, merman as súas carreiras profesionais.
E aínda incidindo máis nesta liña, hai que apuntar que das persoas inactivas que non buscan emprego polo “coidado de menores, persoas adultas enfermas, discapacitados ou maiores”, o 86,9% son mulleres e por “ter outras responsabilidades familiares ou persoais” as mulleres representan o 78,5% do total.
De cada cen persoas ocupadas, 48 son mulleres, a pesar de representar o 52,2% da poboación. A brecha na taxa de emprego é de 7,9 puntos
En termos de ocupación, as mulleres galegas tamén se levan a peor parte. Hai 548.400 mulleres ocupadas, fronte a 590.500 homes, 42.100 mulleres menos. De cada cen ocupados, o 48,2% son mulleres, aínda representando o 52,2% da poboación (maior de 16 anos). Isto tradúcese nunha taxa de emprego masculina do 52,4% e de tan só o 44,5% no caso das mulleres, o que supón unha brecha de 7,9 puntos.
Segregación horizontal e vertical
E, aínda estando ocupadas, as mulleres galegas seguen a sufrir tanto a segregación ocupacional horizontal como vertical. O gran foco de ocupación feminina céntrase nos servizos, representando as mulleres o 57% do total (o 85,5% das mulleres ocupadas o están neste sector). Na agricultura, gandería, caza e silvicultura, as galegas representan o 34,4%. A porcentaxe baixa ao 30,5% no caso da industria, o 18,9% na pesca e acuicultura e o 8,5% na construción.
Tamén segue a existir a segregación vertical, tan só o 29,6% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só o 1,6% das mulleres ocupadas o están nestes postos. Outro datos relevante é que as mulleres tan só representan o 30,07% dos órganos de dirección das empresas do IBEX35.
En canto á situación profesional, o 21,2% dos homes teñen unha ocupación por conta propia, fronte ao 15,1% das mulleres. Por sectores, as mulleres galegas teñen maior presenza que os homes no sector público, representando o 58,25%.
A igual formación, os homes sempre teñen taxas de ocupación maiores
A relación entre formación e ocupación segue a ser máis beneficiosa para os homes. A igual formación, os homes acadan sempre maiores taxas de ocupación. A diferenza tan só é mínima no caso de estudos superiores, de feito, con este nivel formativo xa hai a día de hoxe máis mulleres que homes, 290.700 fronte a 235.000. Tamén se comproba que a maior nivel formativo, maior empregabilidade, polo que se deduce que a formación é a principal ferramenta para lograr a inclusión da muller no mercado laboral.
As taxas concretas de ocupación por nivel de formación son: con estudos primarios, do 13% entre os homes e do 5,4% entre as mulleres; educación secundaria primeira etapa, 45,4% entre os homes, 33% entre as mulleres; educación secundaria segunda etapa, 58% entre os homes, 49,5% entre as mulleres; e educación superior, 72,7% entre os homes, 71,9% entre as mulleres.
Teletraballo
O traballo a distancia, teletraballo, irrompeu con forza como consecuencia da pandemia e, en moitos sectores e centros de traballo mantívose máis aló, o que obrigou a lexislar ao respecto. Non obstante, polas connotacións que moitas veces se lle da a esta modalidade, como se fixo co Plan Mecuida, no que se pretendía asimilar como unha medida de conciliación, dende UGT insístese en que o teletraballo non pode converterse nunha medida de conciliación, xa que córrese o risco de que sexan as mulleres unha vez máis as que as que asuman estas tarefas ante a ausencia de políticas públicas efectivas. No 2022 en Galicia as mulleres representan o 48,33% das persoas que traballaron a metade dos días dende o seu domicilio e no ano 2023 esta cifra pasa ao 51,4%. As diferenzas por sexos son mínimas, motivado isto polos sectores de actividade altamente feminizados como sanidade, hostalería, comercio ou ensino onde o teletraballo é máis difícil.
De todas as persoas asalariadas con contrato temporal, o 58,9% aínda son mulleres. Aínda que a reforma laboral está a deixar a súa pegada, a contratación indefinida pasou dunha porcentaxe do 9,8 no 2021, 32 no 2022 ao 32,5 no 2023
Que efectos está a provocar a reforma laboral de 2022?. Esta modificación lexislativa está a transformar o mercado laboral cara a estabilidade en ambos sexos. Non obstante, aínda hai que deixar un tempo para observar os beneficios da reforma a máis longo prazo. No 2023 a taxa de temporalidade foi do 19,5% entre as mulleres e do 13,6% entre os homes. Ambas están a experimentar un descenso progresivo. No 2019 a masculina era do 25,1% e a feminina do 27,8%. De toda a poboación asalariada con contrato temporal, o 58,9% aínda son mulleres. En canto á contratación indefinida, estase a ver claramente a pegada da reforma laboral, se no 2021 a porcentaxe da contratación indefinida era do 9,3%, entre as mulleres, pasou ao 32,5% no 2023.
Non obstante, a brecha persiste. As mulleres asalariadas con contrato indefinido son o 48,2% do total, ben sexa permanente ou descontinuo.
Hai 58.100 mulleres máis en 2023 que no ano 2021 que teñen un contrato de duración indefinida.
A parcialidade ten rostro de muller. O 73% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres. Do total das mulleres ocupadas, o 21,5% teñen contrato parcial, fronte ao 7,4% de homes
A parcialidade ten rostro de muller. Hai 116.700 mulleres con contrato a tempo parcial, fronte a 43.100 homes, o 73%, fronte ao 27%. Do total de mulleres ocupadas, o 21,5% teñen un contrato a tempo parcial, porcentaxe que no caso dos homes baixa ao 7,4%. Unha brecha de 14,1 puntos.
A taxa de paro feminina é 1,7 puntos superior á masculina e elas representan o 51,1% do desemprego de longa duración
Que acontece no desemprego? A situación tamén é máis gravosa para as mulleres. No 2023 houbo 64.400 mulleres en situación de desemprego, fronte a 57.300 homes. A taxa de paro feminina é do 10,6% e a masculina do 8,9%.
En canto ao desemprego de longa duración, máis dun ano nesta situación, as mulleres galegas tamén se levan a peor parte, representando o 51,1% do total. É dicir, das 43.100 persoas en situación de desemprego de longa duración que había no 2023, 21.700 eran mulleres, fronte a 21.400 homes. Se se fai unha análise comparativa co ano 2022, os datos son positivos, dáse unha contracción no paro de longa duración feminino de catro puntos.
Nas taxas de cobertura por desemprego, as mulleres tamén se levan a peor parte, cunha taxa do 63,2% que no caso dos homes sube ata o 73,2%.
Suspenso absoluto para os fogares galegos en materia de corresponsabilidade
Outro ano máis, a materia de corresponsabilidade nos fogares galegos resólvese cun suspenso. Seguen a ser as mulleres as que asumen, na maior parte dos casos, os coidados, o que as obriga, ou ben a renunciar a estar no mercado laboral ou a facelo en condicións máis limitadas para poder atender as dúas frontes.
Das persoas que teñen contrato a tempo parcial por responsabilidades familiares, 29.600 son mulleres e 11.600 homes
Aí están os datos. Das persoas que teñen un contrato a tempo parcial por ter que “coidar a menores ou a persoas adultas enfermas, incapacitadas ou maiores ou por ter que atender outras responsabilidades familiares”, 29.600 son mulleres e tan só 11.600 homes.
O 76,4% das reducións por garda legal son solicitadas por mulleres e o 80,8% das excedencias
As reducións de xornada por garda legal (menores de 12 anos) son solicitadas por mulleres no 76,4% dos casos. As excedencias por coidado familiar son solicitadas no 80,8% dos casos por mulleres. Vólvese así aos niveis prepandemia. A pandemia deu unha falsa aparencia, xa que incrementouse o número de excedencias solicitadas polos homes.
A brecha salarial, consecuencia tamén de moitos dos aspectos denunciados hoxe, persiste, aínda que, grazas a medidas como a mellora do SMI, vaise limando, aínda está en Galicia no 18,96%.
Acoso sexual e acoso por razón de sexo
En canto ao acoso sexual e acoso por razón de sexo, resulta evidente que os maiores factores de risco están na precariedade ou na realización de tarefas en condicións de illamento. Segundo o informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social de 2022, no Estado realizáronse 810 actuacións por acoso sexual no traballo, cun resultado de 36 infraccións en acta e 1.532 persoas traballadoras afectadas.
A pesar diso, tanto consideramos que isto non é máis que a punta do iceberg. O acoso sexual e o acoso sexista é un fenómeno habitual, normalizado e moi estendido, e tal e como pon de manifesto a Resolución do Parlamento Europeo, do 11 de setembro de 2018, sobre as medidas para previr e combater o acoso sexual e psicolóxico no lugar de traballo, “nos espazos públicos e na vida política da Unión, un gran número de casos de acoso sexual non chega a denunciarse como consecuencia da escasa sensibilización social respecto diso, o medo ao despedimento, a dificultade para conseguir probas, unhas insuficientes canles de denuncia, seguimento e protección da vítimas e a normalización da violencia”.
Aínda queda moito por facer. Propostas de UGT:
En definitiva, aínda que hai aspectos do mercado laboral que están a mellorar para as mulleres, grazas a algunhas das medidas lexislativas aprobadas co respaldo de UGT, o camiño é longo e arduo e aínda queda moito por facer para que a metade de poboación goce da mesma situación no mercado laboral que o outro 50%.
Para UGT é prioritario:
Desde UGT reivindicamos políticas de emprego que impulsen a incorporación das mulleres ao traballo, e en condicións de calidade, con contratos a tempo completo e de duración indefinida e nas mesmas condicións que os homes para poder alcanzar a igualdade efectiva entre mulleres e homes.
Impulsar a negociación colectiva de medidas e plans de igualdade, esixindo o cumprimento da negociación dos plans de igualdade nos termos que obriga a lexislación e aproveitando a potencialidade da negociación colectiva como correctora de desigualdades.
Reforzar e garantir os instrumentos e recursos de vixilancia, control e sanción da Autoridade Laboral para o cumprimento efectivo do principio de igualdade no ámbito laboral.
Seguir a liña de incremento do SMI ata situalo no 60% da media salarial, en cumprimento da Carta Social Europea, e garantir o incremento de salarios por Convenio, en cumprimento do V AENC.
Mellorar as políticas activas de emprego e, en especial, as dirixidas ao incremento da inserción e permanencia laboral de determinados grupos de mulleres con dificultades específicas (maiores de 45 anos, novas, sen cualificación ou con necesidades de recualificación, residentes no ámbito rural, con discapacidade, migrantes etc.).
Adoptar políticas con perspectiva de xénero en todos os ámbitos e, especialmente, en materia de coidados. Dignificar o sector de coidados e adoptar políticas de corresponsabilidade efectiva. Transposición real da Directiva 1158 sobre conciliación da vida familiar e a vida profesional das e dos proxenitores e coidadores, garantindo que o permiso parental de 8 semanas sexa retribuído na súa totalidade.
◦ O Permiso parental debe ser retribuído totalmente as oito semanas e proceder ao desenvolvemento regulamentario do seu exercicio de forma que as semanas poidan ser continuas ou descontinuas ou en réxime de xornada completa ou en réxime de xornada a tempo parcial. Tamén a normativa debe precisar a obrigación de cotizar por parte das empresas.
◦ O permiso para coidadores debe modificarse na lexislación laboral, o Estatuto dos Traballadores e Estatuto Básico do Empregado Público e os cinco días por accidente, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario, deben recoñecerse como laborais de acordo á Directiva comunitaria e a doutrina do Tribunal Supremo.
◦ Debe concretarse o concepto de ausencia do traballo por forza maior por motivos familiares urxentes relacionados con familiares ou conviventes, para garantir o seu exercicio por parte das persoas traballadoras.
Reducir a xornada de traballo e ordenación do tempo de traballo con participación da representación das persoas traballadoras. Maior flexibilidade na xestión do tempo para as persoas traballadoras, modificando o dereito ás adaptacións de xornada e reducións para incluír tamén expresamente dereito a bolsa de horas flexibles.
Investir en infraestruturas públicas adecuadas, suficientes, alcanzables e de calidade para o coidado de familiares e fortalecer a oferta pública de infraestruturas e servizos relacionados co coidado (dependencia, maiores, sanidade, servizos sociais) con emprego e recursos públicos.
Acometer os aspectos pendentes da ratificación do Convenio 189 da OIT, especialmente, polo dereito efectivo á negociación colectiva das traballadoras do fogar.
Realizar as modificacións lexislativas necesarias para a plena implementación do Convenio 190 da OIT, ratificado por España, sobre a eliminación da violencia e o acoso no mundo do traballo, para garantir que os espazos de traballo e as relacións laborais estean libres de violencia.
Combater a violencia machista desde os centros de traballo, adoptando protocolos de acoso sexual e acoso por razón de sexo, e introducindo nestes protocolos as novidades introducidas pola Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de Garantía Integral da Liberdade Sexual.
Impulsar unha reforma educativa baseada na coeducación que integre a educación na igualdade e no respecto á diversidade e estender as infraestruturas públicas para a atención e coidados de calidade, accesibles e adecuados, a toda a poboación de 0 a 3 anos.
Que se garanta o dereito ao aborto sen ningún tipo de coacción fronte á libre decisión das mulleres na sanidade pública de todo o territorio nacional sen excepción, acabar coa violencia obstétrica e garantir todos os dereitos reprodutivos e sexuais das mulleres como unha prioridade nas políticas públicas do territorio nacional.
INFORME SITUACIÓN SOCIOLABORAL MULLER EN GALICIA 8M
Actos programados por UGT en Galicia para celebrar o Día Internacional da Muller 2024