Hai aínda moita marxe para mellorar o emprego

O ano 2023 foi positivo para o emprego pero debemos continuar mellorando as condicións laborais. Hai que combater a temporalidade do sector público, reducir a contratación parcial involuntaria, avanzar na redución da xornada laboral, mellorar as Políticas Activas de Emprego e endurecer as causas e custos do despedimento.

Fecha: 26 Ene 2024

epa

UGT-Galicia insiste no pouco dinamismo do mercado laboral galego, cunha taxa de actividade de tan só o 53,2%, fronte ó 59% do resto do Estado

Hai aínda moita marxe para mellorar o emprego



 

Santiago, 26 de xaneiro de 2024. O ano 2023 foi positivo para o emprego pero debemos continuar mellorando as condicións laborais. Hai que combater a temporalidade do sector público, reducir a contratación parcial involuntaria, avanzar na redución da xornada laboral, mellorar as Políticas Activas de Emprego e endurecer as causas e custos do despedimento.

O INE publicou hoxe os datos da EPA correspondentes ao cuarto trimestre de 2023, nos que se mostra unha nova aceleración do crecemento do emprego, que aumentou un 3,1% anual, o que se traduce en 34.400 persoas ocupadas máis respecto ao cuarto trimestre de 2022. Ademais, o paro reduciuse en 16.700 persoas en termos anuais e, para este trimestre, sitúase en 114.700 persoas desempregadas. Mentres que a temporalidade segue en valores moito mellores aos que existían antes da reforma laboral, sendo neste trimestre dun 16,2%, 8,1 puntos menos que no cuarto trimestre de 2021.

En termos xerais, 2023 foi un ano positivo para o emprego, mantendo un ritmo de crecemento do 2,3% en termos anuais de media, conseguindo bater récords de ocupación e mantendo a mellora na calidade do emprego que introduciu a reforma laboral. Esta fortaleza no mercado de traballo é unha mostra máis da resiliencia que mostrou a economía española ante dificultades como o conflito bélico en Ucraína ou os que están a brotar en Oriente Próximo.

O ano 2024 debe certificar o cambio de rumbo instaurado tras a reforma laboral e consolidar un cambio no mercado laboral que persista na creación do emprego de calidade. A eses efectos, é o momento de afrontar a temporalidade no sector público, que aínda permanece en valores similares aos que existían antes da reforma laboral (31,24% fronte ao 29,14% no cuarto trimestre de 2021). Outro problema que reflicte a EPA é a elevada parcialidade involuntaria, é dicir, quen traballa a tempo parcial, pero desexan facelo a completa, que supoñen un 49,1% do total. Esta é unha das principais causas da pobreza laboral que debe afrontarse, sendo a redistribución das horas unha das mellores ferramentas para iso. Neste sentido, sería importante alcanzar as 35 horas de xornada laboral nesta lexislatura, sempre con visos de continuar ata o obxectivo exposto por UGT, unha xornada de 32 horas sen redución salarial.

Ademais, é fundamental que se acompañe o emprego de calidade cunha protección adecuada das persoas traballadoras, para o que se deben modificar as causas e custos do despedimento, de forma que se axusten á Carta Social Europea Revisada. Así mesmo, é preciso realizar unha reforma en profundidade das Políticas Activas de Emprego que facilite a incorporación a un emprego das persoas desempregadas. É o momento de dirixir estas políticas ás persoas en paro de longa duración, que neste trimestre eran un total de 41.800 persoas desempregadas.

En resumo, a EPA do cuarto trimestre pecha 2023 cuns bos datos, fiel reflexo da fortaleza económica que mostrou España ao longo de todo o ano e completando o segundo ano tras a reforma laboral cunha notable creación de calidade de emprego e de mellor calidade. Pero, como se sinalou anteriormente, UGT-Galicia considera que hai que seguir dando pasos na mesma dirección durante este 2024, mellorando aqueles aspectos onde se seguen reflectindo debilidades ou resultados insatisfactorios. Para iso, é crucial aumentar a protección do emprego creado, reforzar o papel do sector público na redución da temporalidade, atallar a parcialidade involuntaria e promover unhas Políticas Activas de Emprego eficientes. 

Radiografía da EPA en Galicia

Os datos amosan que hai en Galicia 34.400 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 3,1%) e, en relación ó terceiro trimestre de 2023, hai 5.500 ocupados menos, o que supón unha baixada do 0,5%.

Aínda así, aínda que a EPA amosa unha clara remisión dos efectos da pandemia, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,2%, fronte ó 59% do resto do Estado.

Interanualmente, o paro baixou en 16.700 persoas, o que supón o 12,7%. E, en relación ó trimestre anterior, o paro tamén diminuíu, un 2,1%, en 2.500 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 114.700 persoas desempregadas, no 9,1%. No caso dos homes esta taxa é do 8,2% e do 10,1% no caso das mulleres. Entre os menores de 25 anos esta sube ata o 20,9%.

Por sectores, interanualmente, o emprego mellora na agricultura e pesca, cunha suba da ocupación dun 0,7% (500 ocupados máis); no sector servizos, cun aumento do 1,9% (15.400 ocupados máis); na construción, cun incremento do 9,4% (6.600 ocupados máis); e na industria o aumento foi do 7,3% (11.900 ocupados máis).

Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube só na industria, un 3,7% (6.300 persoas ocupadas máis). Pola contra, baixa un 1,7% no primario (1.200 ocupados menos); un 1,1% no sector servizos (8.700 ocupados menos); e un 2,3% na construción (1.800 ocupados menos).

Hai en Galicia un total de 927.800 asalariados, baixando con respecto ó trimestre anterior en 15.700 (1,7%), e ó ano soben en 29.600 (3,3%).

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 16,2%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 3,8%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 300 e baixaron os temporais en 16.000, o que supón unha diminución do 9,6%.

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 14,4%, sendo o 49,1% da mesma de carácter involuntario.

Difícil situación para moitos fogares e 41.800 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.

Hai en Galicia un total de 46.500 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 28.800 fogares que non perciben ingresos.

Das 114.700 persoas que están no desemprego, 41.800 levan máis dun ano nesta situación.

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.



 

Fuente: UGT-Galicia
EPA