Galicia é a terceira comunidade que rexistra máis accidentes laborais graves e mortais, que se incrementan nun 6,25% no primeiro caso e un 26,3% no segundo

Fecha: 06 Nov 2019

Unha análise dos datos de sinistralidade laboral en Galicia dos seis primeiros meses do ano, último dato facilitado polo Ministerio de Traballo, amosa un panorama preocupante ante o cal urxe tomar medidas porque a sinistralidade non pode converterse nunha característica inherente ao mercado laboral desta comunidade.

Para UGT-Galicia, resulta evidente que os anos de crise -que levaron a unha forte precarización do mercado laboral galego-, xunto coa imposición dunha Reforma laboral -que só trouxo precariedade e situou ao traballador na parte máis débil da balanza en relación ao empresario, incluso lle restou moitos dos instrumentos de loita que tiña ata o momento-, están detrás desta realidade.

Unha realidade que fai que UGT-Galicia se vexa na obriga de alertar sobre uns datos moi negativos. Nos primeiros 6 meses de 2019 un total de 13.878 persoas foron vítimas dun accidente laboral nesta comunidade, isto supuxo un incremento dun 3,76% en relación aos datos rexistrados hai un ano neste mesmo período (13.374 sinistros). Ademais, nesta cifra global de sinistralidade Galicia só é superada por comunidades como Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid ou País Vasco, todas elas con moita máis poboación e unha maior actividade económica e produtiva. Deste total, 24 accidentes foron mortais (19 hai un ano), 238 graves (224 hai un ano) e 13.616 tiveron a consideración de leves (13.131 hai un ano).

Neste contexto, o Sindicato fai fincapé no incremento dos sinistros en xornada de traballo en todas os grados de gravidade. No caso dos leves foi dun 3,6%, dun 6,25% nos graves e dun 26,3% no caso dos mortais. Cifras moi preocupantes que sitúan a Galicia como a terceira comunidade do Estado con máis accidentes graves e mortais.En ambos casos só superada por Andalucía e Cataluña. E moi afastada doutras comunidades máis desenvolvidas economicamente.

Porexemplo, resulta moi significativo que só a provincia da Coruña,con 108 sinistros graves nun período de 6 meses, rexistre máisaccidentes que comunidades autónomas como Aragón, Asturias,Baleares, Cantabria, Castela a Mancha, Murcia, Navarra, País Vascoou La Rioja

Unha análise por provincias indica que a sinistralidade medrou en todas, excepto en Pontevedra. Na Coruña, nun 9,6%; en Lugo, nun 10,5%; e en Ourense, nun 1,6%.

Por actividades económicas, destaca a industria manufactureira con 4.028 accidentes; seguida da construción, 2.015; comercio ao por maior e menor e reparación de vehículos, con 1.934; agricultura, gandería, silvicultura e pesca, con 1.088; ou transportes e almacenamento, con 1.096 accidentes con baixa laboral nos primeiros 6 meses de 2019.

 

 

NOS SEIS PRIMEIROS MESES DO ANO FALECEN EN GALICIA CINCO PERSOAS NUN ACCIDENTE LABORAL “IN ITINERE”, TODOS NA PROVINCIA DA CORUÑA,CANDO HAI UN ANO NO MESMO PERÍODO SÓ SE REXISTRABA UN

Pero é que aos accidentes de traballo con baixa, habería que sumarlle os accidentes “in itinere”, un total de 1.410 en Galicia nos seis primeiros meses de 2019, dos cales, 1.377 foron leves; 28, graves; e 5 mortais. Hai que facer fincapé neste último dato, xa que no mesmo período do ano 2018 só se rexistraba un accidente mortal “initinere” e, ademais, todos tiveron lugar na provincia da Coruña.

 

 

POR CADA 100.000 TRABALLADORES EN ACTIVO, GALICIA É A PRIMEIRA COMUNIDADE QUE REXISTRA MÁIS ACCIDENTES MORTAIS

Facendo unha análise comparativa mediante o estudo do índice de incidencia (número de accidentes de traballo por cada 100.000 traballadores coas continxencias profesionais cubertas), que permite relacionar o número de accidentes co número de traballadores afiliados, obsérvase que Galicia é a comunidade do Estado con maior índice de incidencia en media mensual de accidentes mortais (0,403) -duplicando a media estatal (0,207)-.

 

UGT-GALICIA DENUNCIA FALTA DE VONTADE POR PARTE DAS ADMINISTRACIÓNS E DOS EMPRESARIOS PARA POÑER FIN Á LACRA DA SINISTRALIDADE LABORAL

UGT-Galicia xa leva tempo advertindo da gran lacra que supón para o mercado laboral galego os índices que presenta de sinistralidade. Unha barreira que, ano tras ano, parece non poder salvarse. Pero dende o Sindicato se insiste en que si é unha barreira salvable e, cando menos, a curto prazo mellorable. Hai lexislación, hai medidas e medios que se poden implementar, o que falta é vontade por parte dos empresarios e das administracións para poñerlle fin xa a esta lacra.

O mercado laboral precarizouse significativamente, as condicións de traballo empeoraron ata o punto de poñer en serio risco a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores do noso país. Por iso,desde UGT-Galicia esiximos que se derrogue a reforma laboral que deteriorou as condicións de traballo e debilitou a negociación colectiva e insta ás administracións a que inclúan a seguridade e saúde dos traballadores como unha prioridade nas súas políticas e establezan investimentos eficaces nos campos que verdadeiramente axuden á redución da sinistralidade laboral.

Para UGT-Galicia, a prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde no traballo son aspectos de extrema importancia na sociedade e unha mala xestión trae da man consecuencias moi graves, ás veces irreparables, para os afectados, as súas familias e a sociedade en xeral.

Neste contexto, UGT-Galicia reafírmase na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades e para lograr este obxectivo proponse:

  • Derrogar as normas que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde, en particular as reformas laborais que estenderon a precariedade, instalando o medo a perder o emprego, individualizando as relacións laborais, dificultando o exercicio efectivo de dereitos e profundando na desigualdade.

  • Reverter a reforma do marco xurídico das Mutuas que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores e que só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos, privatizando a xestión de actividades que deberían ser exclusivas da Seguridade Social.

  • Intensificar as políticas activas en materia de prevención dotando cos suficientes medios económicos e humanos aos organismos técnicos como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene en Traballo.

  • Reforzar os mecanismos de control do cumprimento da lexislación en materia de igualdade nas empresas e de loita contra a fraude laboral e a economía mergullada.

  • Desenvolvemento da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2016-2020 e da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, facendo especial fincapé en todas as cuestións relacionadas coas enfermidades de orixe laboral.

  • No marco da empresa, a incorporación da perspectiva de xénero na actividade preventiva. Ao mesmo tempo, é preciso que se recuperen os investimentos en prevención e a centralidade da negociación colectiva nas relacións laborais. A negociación colectiva está estreitamente ligada á presenza de sindicatos nos centros de traballo, o que constitúe a mellor garantía para o exercicio de dereitos e para a protección da saúde.

  • O establecemento da figura do delegado de prevención territorial ou sectorial, xa que no conxunto do Estado existen máis dun millón de empresas con menos de 6 traballadores, das cales máis de 62.000 atópanse en Galicia, que non teñen dereito a elixir un delegado de persoal. O obxectivo sería asegurar o exercicio ao dereito á saúde e á seguridade e os niveis de protección a estes traballadores nos mesmos termos que no resto das empresas.

  • Incrementar a vixilancia e control das actuacións en materia de prevención de riscos laborais por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

  • A recuperación dos investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais.​

Fuente: UGT-Galicia