Galicia é a segunda comunidade que rexistra máis accidentes laborais graves, que se incrementan nun 33%

Fecha: 28 May 2018

Unha análise dos datos de sinistralidade laboral en Galicia amosa un panorama preocupante ante o cal urxe tomar medidas porque a sinistralidade non pode converterse nunha característica inherente ao mercado laboral desta comunidade.

Para UGT-Galicia, resulta evidente que os anos de crise -que levaron a unha forte precarización do mercado laboral galego-, xunto coa imposición dunha Reforma laboral -que só trouxo precariedade e situou ao traballador na parte máis débil da balanza en relación ao empresario, incluso lle restou moitos dos instrumentos de loita que tiña ata o momento-, están detrás desta realidade.

Unha realidade que fai que UGT-Galicia se vexa na obriga de alertar sobre uns datos moi negativos. No primeiro trimestre de 2018 un total de 6.649 persoas foron vítimas dun accidente laboral nesta comunidade, isto supuxo un incremento dun 3,53% en relación aos datos rexistrados hai un ano neste mesmo período. Deste total, 8 accidentes foron mortais, 117 graves e 6.524 tiveron a consideración de leves.

Neste contexto, o Sindicato fai fincapé no forte incremento dos sinistros graves, que pasaron de 88 no primeiro trimestre de 2017 aos 117 deste ano. Isto supón un aumento dun 33%. Unha cifra moi preocupante que sitúa a

Galicia como a segunda comunidade do Estado no relativo aos accidentes graves, só superada por Andalucía, e moi afastada de comunidades como Cantabria, con sete; o País Vasco, con 36; Aragón, con 19; Asturias, con 18; ou La Rioja, con sete.

Por exemplo, resulta moi significativo que só a provincia de A Coruña, con 45 sinistros graves nun só trimestre, rexistre máis accidentes que comunidades autónomas como Euskadi, Aragón ou Castela-A Mancha.

Unha análise por provincias indica que a sinistralidade medrou en todas, na Coruña, nun 2,62%; en Lugo, nun 4,57%; en Ourense, nun 6,95%; e en Pontevedra, nun 3,33%. Pero destaca o que sucedeu en Lugo onde, ademais de rexistrarse un forte incremento da sinistralidade en termos xerais, no caso da mortal pásase de non ter accidentes no primeiro trimestre de 2017 aos catro deste ano.

Por actividades económicas, destaca a industria manufactureira con 1.951 accidentes; seguida do comercio, venda e reparación de vehículos a motor, con 923 sinistros; a construción, con 815 accidentes; e as actividades sanitarias e de servizos sociais, que acumulan un total de 565 accidentes con baixa laboral no primeiro trimestre de 2018.

O Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social tamén ofrece unha análise interanual igual de desoladora para o mercado laboral galego no eido da sinistralidade.

ENTRE ABRIL DE 2017 E MARZO DE 2018 GALICIA É A TERCEIRA COMUNIDADE CON MÁIS ACCIDENTES GRAVES E A CUARTA CON MÁIS SINISTROS MORTAIS

De feito, a evolución da sinistralidade no período abril 2017-marzo 2018 indica que Galicia é a terceira comunidade do Estado en números absolutos en canto a accidentes graves (459) e a cuarta no relativo aos mortais (43).

POR CADA 100.000 TRABALLADORES EN ACTIVO, GALICIA É A SEGUNDA COMUNIDADE QUE REXISTRA MÁIS ACCIDENTES GRAVES E MORTAIS

Facendo unha análise comparativa mediante o estudo do índice de incidencia (número de accidentes de traballo por cada 100.000 traballadores coas continxencias profesionais cubertas), que permite relacionar o número de accidentes co número de traballadores afiliados, obsérvase que Galicia é a segunda comunidade do Estado con maior índice de incidencia de accidentes graves (56,7) -duplicando a media estatal-, só superada por Estremadura (61,9) e tamén a segunda con maior índice de incidencia de accidentes mortais (5,3), só superada por Cantabria (7,4).

Ademais, hai que denunciar que Galicia, xunto con Estremadura e a Comunidade Valenciana, son as únicas que no devandito período ven medrar o seu índice de incidencia total, respecto ao período anterior. De feito, no período abril 2017-marzo 2018, en relación a abril 2016-marzo 2018, no conxunto do Estado o índice de incidencia redúcese un 3,2%, mentres que en Galicia increméntase nun 2,7%.

UGT-GALICIA DENUNCIAN FALTA DE VONTADE POR PARTE DAS ADMINISTRACIÓNS E DOS EMPRESARIOS PARA POÑER FIN Á LACRA DA SINISTRALIDADE LABORAL

UGT-Galicia xa leva tempo advertindo da gran lacra que supón para o mercado laboral galego os índices que presenta de sinistralidade. Unha barreira que, ano tras ano, parece non poder salvarse. Pero dende o Sindicato insiste en que si é unha barreira salvable e, cando menos, a curto prazo mellorable. Hai lexislación, hai medidas e medios que se poden implementar, o que falta é vontade por parte dos empresarios e das Administracións para poñerlle fin xa a esta lacra.

O mercado laboral precarizouse significativamente, as condicións de traballo empeoraron ata o punto de poñer en serio risco a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores do noso país. Por iso, desde UGT-Galicia esiximos que se derrogue a reforma laboral que deteriorou as condicións de traballo e debilitou a negociación colectiva e insta ó Goberno a que inclúa a seguridade e saúde dos traballadores como unha prioridade nas súas políticas e estableza investimentos eficaces nos campos que verdadeiramente axuden á redución da sinistralidade laboral.

Pero o Goberno, lonxe de establecer a seguridade e a saúde das persoas traballadoras como unha prioridade nas súas políticas, obviando cifras tan alarmantes e lonxe de loitar contra esta secuela social, que é a sinistralidade laboral, continúa considerando un gasto os recursos destinados á prevención en lugar dun investimento. Chama a atención que o maior incremento orzamentario prodúcese no gasto destinado ás mutuas, en particular á redución das cotizacións por continxencias profesionais das empresas, a través do coñecido como " bonus". Esta partida increméntase un 32%, pasando de 67,5 millóns de euros en 2017 e 2016 a 89 millóns de euros en 2018. Esta cantidade é o triplo do destinado nos anos 2015 e 2014, nos que a partida orzamentaria contaba con 30 millóns de euros. Este enorme incremento orzamentario que se produciu nos últimos anos, e que debería ir destinado a incentivar a redución da sinistralidade nas empresas, está a servir para financiar ás empresas e as mutuas principalmente, mentres se está reducindo a participación activa dos traballadores no proceso de obtención do bonus e diminúense os requisitos para a súa concesión. Para o sindicato, poderíase utilizar de forma máis efectiva este diñeiro investindo realmente en políticas preventivas.

Para UGT-Galicia, a prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde no traballo son aspectos de extrema importancia na sociedade e unha mala xestión trae da man consecuencias moi graves, ás veces irreparables, para os afectados, as súas familias e a sociedade en xeral.

Neste contexto, UGT-Galicia reafírmase na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades e para lograr este obxectivo proponse:



  • Derrogar as normas que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde, en particular as reformas laborais que estenderon a precariedade, instalando o medo a perder o emprego, individualizando as relacións laborais, dificultando o exercicio efectivo de dereitos e profundando na desigualdade.

  • Reverter a reforma do marco xurídico das Mutuas que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores e que só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos, privatizando a xestión de actividades que deberían ser exclusivas da Seguridade Social.

  • Intensificar as políticas activas en materia de prevención dotando cos suficientes medios económicos e humanos aos organismos técnicos como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene en Traballo.

  • Reforzar os mecanismos de control do cumprimento da lexislación en materia de igualdade nas empresas e de loita contra a fraude laboral e a economía mergullada.

  • Desenvolvemento da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2016-2020 e da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, facendo especial fincapé en todas as cuestións relacionadas coas enfermidades de orixe laboral.

  • No marco da empresa, a incorporación da perspectiva de xénero na actividade preventiva. Ao mesmo tempo, é preciso que se recuperen os investimentos en prevención e a centralidade da negociación colectiva nas relacións laborais. A negociación colectiva está estreitamente ligada á presenza de sindicatos nos centros de traballo, o que constitúe a mellor garantía para o exercicio de dereitos e para a protección da saúde.

  • O establecemento da figura do delegado de prevención territorial ou sectorial, xa que no conxunto do Estado existen máis dun millón de empresas con menos de 6 traballadores, das cales máis de 62.000 atópanse en Galicia, nas que traballan dous millóns de persoas que non teñen dereito a elixir un delegado de persoal. O obxectivo sería asegurar o exercicio ao dereito á saúde e á seguridade e os niveis de protección a estes traballadores nos mesmos termos que no resto das empresas.

  • Incrementar a vixilancia e control das actuacións en materia de prevención de riscos laborais por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

  • A recuperación dos investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais.


NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA DE SAÚDE LABORAL E MEDIO AMBIENTE DE UGT-GALICIA, RAQUEL SEIJAS. TELÉFONO: 620787871.







Fuente: UGT-Galicia