A fortaleza do mercado laboral debe implicar unha mellora nas condicións das persoas traballadoras

UGT-Galicia reclama adaptar o réxime de despedimento aos estándares da Carta Social Europea, un incremento salarial do 4% ata 2028 e estender a cobertura das cláusulas de garantía salarial

Fecha: 02 Jul 2026

paroxull26

A fortaleza do mercado laboral debe implicar unha mellora nas condicións das persoas traballadoras

UGT-Galicia reclama adaptar o réxime de despedimento aos estándares da Carta Social Europea, un incremento salarial do 4% ata 2028 e estender a cobertura das cláusulas de garantía salarial

Santiago, 2 de xullo de 2026.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social correspondentes a xuño, publicados hoxe, consolidan a positiva evolución do mercado laboral, cun importante aumento do emprego e un descenso do paro rexistrado. Aínda que estas cifras están condicionadas polo patrón estacional característico deste mes, marcado polo impulso da contratación asociado ao comezo da tempada estival, convén destacar que, máis aló do compoñente estacional, os datos de afiliación sitúan a este xuño cun máximo histórico.

A afiliación á Seguridade Social crece en 11.166 persoas, ata alcanzar un total de 1.123.034, unha nova marca histórica. En comparanza con hai un ano, o número de persoas ocupadas aumenta en 20.383, situando a taxa de crecemento do emprego no 1,9%. Trátase dun dato especialmente positivo, que reforza a fortaleza do mercado laboral e a capacidade da economía para seguir xerando emprego. Pola súa banda, o paro rexistrado descende en 3.587 persoas. 

Durante este mes formalizáronse un total de 81.340 contratos, dos cales 23.984 corresponden a contratos indefinidos, o que supón o 29,49% do total, 20,87 puntos máis que en xuño de 2021, previo á entrada en vigor da reforma laboral. 

No que respecta á temporalidade da afiliación, en xuño situouse no 14,65%, 14 puntos inferior ao rexistrado no mesmo mes de 2021, antes da reforma laboral, confirmando o impacto positivo na redución da temporalidade, un dos problemas históricos do mercado de traballo español.

Destaca o positivo comportamento da afiliación de persoas estranxeiras

Hai que destacar tamén o positivo comportamento da afiliación de persoas estranxeiras, que creceron no mes de maio (último dato dispoñible en Galicia) en 12.429 con respecto ao mesmo mes do ano anterior, o que supón máis do 72% do aumento anual, e que reflicte o positivo impacto do proceso de regularización, cuxo prazo legal terminou onte. Se no conxunto da cidadanía o incremento no ano en maio da afiliación foi de 17.601 (+1,6%), na poboación estranxeira o aumento é de 12.429 (+17.13%).

Con iso, as persoas traballadoras estranxeiras supoñen xa en Galicia 85.000, o 7,6% (6,6% en maio de 2025) do conxunto de persoas ocupadas afiliadas, un favorable comportamento que non só permite impulsar a actividade e o emprego, senón elevar os ingresos tributarios e por cotizacións do noso país e, con iso, garantir a sustentabilidade do noso estado de benestar.

Con todo, a evolución favorable do emprego en xuño resulta coherente cos datos máis recentes da Contabilidade Nacional, que confirman o dinamismo da economía española. Nun contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica e a desaceleración de boa parte das economías europeas, España continúa situándose entre os países que lideran o crecemento e a creación de emprego na Unión Europea. Un comportamento que, ademais, está a producirse de forma compatible co fortalecemento dos dereitos laborais e sociais impulsado nos últimos anos, demostrando que a mellora das condicións de traballo non só non constitúe un obstáculo para o crecemento, senón que contribúe a facelo máis sólido, equilibrado e sostible.

Non obstante, a evolución favorable do emprego non debe facer perder de vista que persiste un importante número de persoas en situación de desemprego de longa duración, para quen a reincorporación ao mercado de traballo resulta especialmente difícil. Esta realidade fai imprescindible reforzar e modernizar as políticas activas de emprego, mellorando os servizos de orientación, formación e intermediación laboral para ofrecer respostas adaptadas ás necesidades de cada persoa. Só así será posible que o actual dinamismo do mercado de traballo alcance tamén a quen afronta maiores obstáculos para acceder a un emprego.

Precisamente, nun contexto de fortaleza do mercado de traballo, resulta necesario abordar as reformas que seguen pendentes para mellorar a protección das persoas traballadoras. Entre elas, destaca a adaptación do réxime de despedimento aos estándares da Carta Social Europea, tal e como reiteraron as institucións europeas, garantindo indemnizacións verdadeiramente reparadoras e cun efecto disuasorio fronte aos despedimentos improcedentes. Avanzar nesta dirección permitiría seguir mellorando a calidade do emprego e reforzar os dereitos laborais sen poñer en risco o dinamismo do mercado de traballo.

En definitiva, a fortaleza do mercado de traballo debe traducirse tamén nunha mellora efectiva das condicións de vida das persoas traballadoras. Para iso, o próximo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva debe incorporar unha referencia mínima de incremento salarial do 4% anual para o período 2026-2028, complementada con incrementos adicionais do 1%, 2% e 3% en función da diferenza existente entre o salario medio do convenio e o salario medio do país.

Así mesmo, resulta necesario estender a cobertura das cláusulas de garantía salarial e asegurar a efectividade dos incrementos pactados, evitando o recurso a mecanismos de absorción e compensación que reduzan o seu impacto real sobre os salarios. Xunto a iso, é imprescindible continuar elevando o Salario Mínimo Interprofesional para reforzar a protección das persoas traballadoras con menores ingresos. Todo iso cobra aínda maior importancia nun contexto no que o elevado custo da vivenda absorbe unha parte crecente das melloras salariais e limita a súa capacidade para mellorar as condicións de vida da poboación traballadora.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 3.587 persoas con respecto ao mes anterior (3,28%) e no Estado esta cifra tamén baixou,  un 1,24%. O mesmo sucedeu no ano, o desemprego diminuíu, en 1.486 persoas, un 1,39% menos, aínda que dun xeito moito menos incisivo que no resto do Estado, onde a baixada foi do 4,74%. Así, o número total de desempregados sitúase nesta Comunidade en 105.768 persoas.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades en canto ao mes pero non no ano, xa que, neste caso, o paro  subiu. Así, en relación ao mes anterior, o desemprego baixou entre os menores de 25 anos nun 6,40%% e no ano este aumentou nun 10,90%. 

Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 4% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,77%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 1,11% entre os homes e o 1,58% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,86% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 62.254 mulleres, fronte a 43.514 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes diminúe en todos, salvo entre o colectivo de sen emprego anterior. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 5,28%; no 2,92% na industria; no 3,03% no sector da construción; o 4,16% no sector servizos; e medra o 3,23% entre o colectivo de sen emprego anterior. No ano sucede o mesmo baixa en todos, excepto no grupo de sen emprego anterior. Así, diminúe un 5,07% no primario; o 3,03% na industria; o 8,56 na construción; o 1,96% nos servizos; e sube o 10,73% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego tamén baixa no mes en todas as provincias, nun 3% na Coruña, 4,69% en Lugo, 3,38% en Ourense e un 3,16% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 0,83% na Coruña e do 3,21% en Pontevedra. Pola contra, sube no 1,54% en Lugo e o 0,26% en Ourense.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 29,49%, aínda que distante do 41,46% estatal. Realizáronse en xuño un total de 81.340 contratos en Galicia, un 38,30% máis que no mes anterior e tamén un 12,03% máis que no mesmo mes do ano anterior. No mes de xuño de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 8,62%. É dicir, estase 20,87 puntos por enriba.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 66,9%, e no sector primario, do 62,2%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 27,7%, e na industria, do 24,5%.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.123.034 de media mensual, subindo o 1% no mes e aumentando un 1,85% no ano. Rexistrándose así un máximo nun mes de xuño de afiliación á Seguridade Social e tamén un máximo histórico en Galicia

Por outra banda, a temporalidade da afiliación da Seguridade Social sitúase no 14,65% en Galicia, fronte ao dato estatal do 12,.33%. En xuño de 2021 esta porcentaxe era do 28,64%, o que ratifica os bos resultados da reforma laboral. 

Finalmente, a cobertura de protección por desemprego foi en Galicia no mes de maio do 79,03%, con 37.173 prestacións contributivas; 40.671 subsidios; e 41 rendas activas de inserción. Tan só o 47,7% son prestacións contributivas, o que fai alertar das dificultades que poden ter moitos fogares para chegar a fin de mes pola baixa contía das prestacións non contributivas.

Fuente: UGT-Galicia