Folga nos PACs
Fecha: 03 Oct 2018
UGT, CCOO, CIG, SATSE, CSIF, CESM e OMEGA convocan folga nos PACs de Galicia, 90 nos que traballan máis de 900 profesionais, a partir do día 16 de outubro para denunciar a situación na que están os centros de atención continuada en Galicia.
Concretamente, a folga está convocada para os días 16, 19, 23 e 30 de outubro; e os días 2, 6 e 9 de novembro. En todos estes días comezaría ás 15 horas ata as 8 do día seguinte. Os días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro a folga está convocada entre as 8 horas ata as 8 horas do día seguinte.
Os traballadores denuncian que dende o ano 2008, no que se crea a estrutura actual dos PACs, a Administración sanitaria galega negouse a actualizar as necesidades e cubrir os novos problemas que foron xurdindo nesta estrutura de atención sanitaria que presta un servizo fundamental para a cidadanía galega.
De feito, para intentar mudar esta situación, hai xa seis meses constituiuse unha comisión técnica da Mesa sectorial, na que participan os representantes dos traballadores e o Sergas, pero na que a Administración non está movendo ficha nin poñendo enriba da mesa posibles solucións ás problemáticas que a diario hai nestes centros de traballo. Para os tralladores, o Sergas perdeu unha gran oportunidade nestes seis meses de intentar pechar un acordo cos traballadores para beneficiar ao conxunto da cidadanía e a súa inoperatividade foi a que conduciu a este conflito.
Os profesionais reclaman equipos completos (médico/enfermería) en todos os PACs; respecto aos tempos de traballo conforme ás directivas europeas e o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir os descansos; calquera derivación hospitalaria debe ser eliminada das listas de obxectivos porque as derivacións fanse baixo criterios médicos; a existencia de criterios obxectivos para a dotación dos PACs; o pagamento do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade; que non se incremente a xornada anual efectiva das 1451 horas actuais e calquera exceso debe ser voluntario; o cómputo axeitado das IT e permisos retribuídos; que as dietas dos domingos e festivos sexan aboadas pola comida e pola cea; e a dotación de equipos de protección individual para todo o persoal dos PACs.