FeSP-UGT oponse a que a Consellería de Política Social realice un convenio co Sergas para axilizar as listas de agarda nos equipos de valoración e orientación de discapacidades

Fecha: 01 Ago 2017

O Comité intercentros do persoal laboral da Xunta denuncia o convenio entre a Consellería de Política Social e o Sergas para que o persoal deste Organismos autónomo realice funcións que lle son propias ao persoal da Consellería de Política Social.

Neste proceso, o Comité intercentros, do que FeSP-UGT-Galicia forma parte, denuncia o escurantismo co que a Xunta realizou este convenio, parcheando así un problema de falta de recursos humanos e de cobertura de postos cunha solución externa aos órganos que teñen competencia nos procedementos en cuestión. O Comité intercentros, en reiteradas ocasións, solicitou por escrito e verbalmente ter acceso ao convenio que da pe a esta externalización, sen que en ningún fose atendida esta petición.

Existe un problema de falta de persoal, derivado dunha mala xestión, organización e planificación dos responsables de Política Social por mor de non proceder ao incremento de prazas nos centros que sexan quen de atender a demanda xerada polos usuarios. Isto orixina que nalgunhas provincias xa se superen os 12 meses de agarda para as valoración de grado de discapacidade, co conseguinte atraso nun recurso se este supera o 33 por cento.

O Comité considera que os profesionais do Sergas non poden realizar as funcións dun médico, nin doutro profesional dun equipo de valoración e orientación porque incúmprese o disposto no Real Decreto 1971/1999 modificado polo Real Decreto 1364/2012 de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalía, normativa que regula a composición dos órganos técnicos que terán que estar formados ao menos por un médico, un psicólogo e un traballador social utilizando criterios interdisciplinarios.

É obriga moral deste órgano de representación do persoal da Xunta informar á cidadanía das consecuencias demoledoras que vai orixinar este convenio aos usuarios dos equipos de valoración e orientación:

*Contradí o RD 1971/99 no relativo á composición de órganos (médico, traballador social e psicólogo) e a interdisciplinidade ao non valorar a persoa de xeito integral no seu aspecto bio-psico-social.

*Descontextualízase e fragméntase o proceso de valoración, convertendo o acto cualificador e de valoración nun acto burocrático e impersoal, coa imposibilidade de contrastar a información obtida polo órgano de valoración e a realidade funcional do solicitante en concreto, incrementando deste xeito a posibilidade de erro.

*Falta de obxectividade dos informes que non poderán ser contrastados polos órganos de valoración, xa que se farán sobre o papel sen darlles a oportunidade de explicar como inflúen as súas doenzas na súa vida cotiá.

*Eliminación da rigorosidade na cualificación social, xa que, por un lado, se requirirá o recoñecemento directo do usuario coa correspondente entrevista e, por outro, valorarase en base aos informes pertinentes non ofrecendo a estes últimos a información, asesoramento e orientación necesarios.

Por todo isto, o Comité intercentros esíxelle á Xunta e á Consellería de Política Social:

1. A cobertura inmediata de todos os postos vacantes coa creación dos necesarios nas distintas xefaturas territoriais que así o precisen, de cara a desatacar esta situación.

2. Que non obriguen ao seu persoal a dar por válido un traballo que non fixo, obviando a súa profesionalidade demostrada dende a súa creación ata o de agora.

3. Que a Xunta e a Consellería de Política Social desistan da súa intención de derivar funcións que deben realizar única e exclusivamente os profesionais da Consellería.

Finalmente, o Comité anuncia que estudará a posibilidade de emprender as accións legais oportunas unha vez que se lle obrigue ao persoal a incumprir premeditadamente a normativa en materia de valoración do grado de discapacidade poñendo en risco este servizo público, obxectivo e rigoroso, co conseguinte prexuízo para os usuarios. ​

Fuente: FeSP