FeSP-UGT insta á Xunta a que convoque xa a Mesa xeral de empregados públicos para aplicar o Acordo estatal que restitúe os dereitos, emprego e salarios destes traballadores
Fecha: 29 May 2018

A Federación galega de Empregados e Empregadas dos Servizos Públicos (FeSP-UGT-Galicia) está a celebrar hoxe en Santiago unha asemblea de delegados e cadros procedentes de toda Galicia dos distintos eidos da función pública que ten como obxectivo explicar o II Acordo asinado o 9 de marzo co Goberno para a mellora do emprego público e das condicións de traballo. Ademais, a finalidade desta asemblea é que os representantes dos traballadores tamén expliquen cada un como se está implementando o devandito Acordo no seu eido de negociación ou se, pola contra, aínda non houbo movementos de negociación para poñer en práctica as melloras recollidas.
Antes da celebración da asemblea, os secretarios xerais da Federación a nivel estatal, Julio Lacuerda, e a secretaria xeral en Galicia, Irene Martínez, mantiveron un encontro cos medios de comunicación no que instaron á Xunta de Galicia a que convoque xa a Mesa xeral de empregados públicos co fin de aplicar os puntos recollidos no Acordo estatal xa no ámbito galego, concretamente, nas súas competencias. O resultado disto afectará a unhas 94.500 empregadas e empregados públicos (Universidade, Administración autonómica, sanidade e educación). Pero é que o resto dos empregados públicos, dependentes doutras administracións e entidades públicas, tamén se verán afectados polos termos do acordo que deberán ser implementados a través da negociación en cada un dos seus ámbitos.
Ata o momento, a pesar das numerosas demandas que o Sindicato ten realizado para abrir xa a negociación coa Xunta co fin de facer efectivas as medidas do Acordo, sempre se obtivo unha negativa por resposta coa escusa de estar á espera da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. Requisito que xa está cumprido, polo que xa non hai escusas para seguir dilatando o proceso. Porque o único que se consegue con isto é prexudicar a miles de empregadas e empregados públicos que non ven restituídos os dereitos perdidos durante a crise.
DE NON CONVOCARSE A MESA XERAL DE XEITO INMEDIATO, UGT TERÍA QUE LEVAR A SITUACIÓN DE GALICIA Á COMISIÓN DE SEGUIMENTO ESTATAL
Como apuntou Irene Martínez, o contrario, é dicir, non convocar xa a Mesa, obrigaría a UGT a levar a situación de Galicia á Comisión de seguimento constituída a nivel estatal. E sería unha das primeiras comunidades autónomas en estar nesta situación.
MELLORAS QUE IMPLEMENTA O ACORDO
Tanto Lacuerda como Martínez fixeron fincapé en que este II Acordo, asinado o 9 de marzo de 2018, vai supoñer a restitución de emprego estable e de salarios e dereitos para todos os empregados e empregadas públicas.
Trátase dun Acordo plurianual que garante unha suba do 6,1% fixo ata o 2020 e do 6,9% para distintos colectivos a través de fondos adicionais. O incremento salarial alcanzaría o 8,79% se se cumpren as previsión de crecemento económico.
No 2018 os empregados públicos percibirían un 1,95%, no seguinte ano poderían chegar ao 2,75% e no seguinte a suba podería situarse no 3,85%. Ao final do acordo terían unha suba máxima do 8,79%, o que permitiría recuperar case cinco puntos e medio do poder de compra perdidos durante os anos de crise. Hai que lembrar que os salarios dos empregados públicos están aos niveis de 2007.
Ademais, o Acordo permitirá en cada ámbito de negociación concreto fixar calendarios laborais que maticen e flexibilicen as 37,30 horas. E posibilita, mediante negociación colectiva, que os empregados públicos poidan acumular un 5% da súa xornada anual, con carácter recuperable, para tarefas de conciliación. Tamén será posible unha xornada continua especial se se teñen a cargo menores ou discapacitados. Mediante a negociación, poderase volver a restituír o 100% das retribución en caso de IT.
O Acordo tamén devolve a capacidade de negociación e xestión ás administración autonómicas e locais. O proceso de estabilización, cunha redución dun 90% a temporalidade, universalízase ao estenderse a todos os colectivos e sectores das administracións públicas, así como ao sector público (axencias, organismos autónomos...).
Así, as taxas de reposición, se se cumpren os obxectivos de déficit, a regra de gasto e a débeda pública, poderán afectar a todos os servizos sexan ou non prioritarios, incluso poderase aprobar unha taxa adicional do 8%.
Para aquelas administracións que non cumpran, a taxa de reposición será do 100% nos sectores prioritarios e do 75% no resto. Adicionalmente, poderán fixar unha taxa do 5% se o necesitan.
Para os corpos de policía autonómica e local o Acordo fixa unha taxa do 115% de reposición. Isto debería permitir a creación de emprego neto e, polo tanto, facilitar a implementación do Real Decreto sobre xubilación anticipada da policía local.
NON SÓ ESTÁN EN XOGO AS CONDICIÓNS LABORAIS DE MILES DE EMPREGADAS E EMPREGADOS PÚBLICOS, SENÓN A PRESTACIÓN DUNS SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE
Por todo isto, a Xunta non pode dilatar máis a convocatoria da Mesa xeral. Urxe que as empregadas e empregados públicos en Galicia tamén recuperen dereitos, se lles garanta emprego estable e unha mellora dos salarios. Porque non só están en xogo as condicións laborais de miles de traballadores en Galicia, senón a prestación duns servizos públicos de calidade para toda a cidadanía.
NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA XERAL DE FESP-UGT-GALICIA, IRENE MARTÍNEZ. TELÉFONO: 620446089.