FeSMC-UGT denuncia a crecente exclusión financeira que sofre Galicia, que perde un terzo das súas oficinas na última década
Fecha: 28 Jun 2018

A Federación galega de Servizos, Mobilidade e Consumo (FeSMC-UGT) presentou hoxe en rolda de prensa en Santiago o “Informe de exclusión financeira de Galicia 2018”, elaborado polo Sindicato, no que se pon de manifesto que Galicia sofre unha crecente exclusión financeira que provoca que sexan moitas as persoas nesta comunidade desatendidas no eido financeiro, provocando situacións de forte exclusión social.
O informe é claro e desgarrador. Primeiro, hai que aclarar que unha persoa se atopa en situación de exclusión financeira no momento en que soporta un impedimento para as prácticas bancarias e financeiras que xa non lle permite levar a cabo unha vida social normal. Existen tres formas básicas de exclusión financeira: a que se deriva dos criterios dunha entidade financeira á hora de excluír ou aceptar un cliente; a que ven determinada pola falta dunha entidade próxima; ou a que se refire á exclusión no acceso dixital.
No primeiro dos casos, é evidente, que a probabilidade de exclusión é maior nos estratos de renda máis baixa, sobre todo, traballadores a tempo parcial, desempregados, inmigrantes, mulleres, discapacitados, pensionistas, estudantes ou familias monoparentais.
0 40% DOS CONCELLOS SÓ TEN UNHA OFICINA BANCARIA OU NINGUNHA
Así, no ano 2018 en Galicia case o 40% dos concellos só ten unha oficina ou ningunha. O risco de exclusión para os perfís de clientes que non cumpren os requisitos mínimos de rendabilidade das entidades é alto e sen ningunha alternativa para elixir outra oficina no seu concello. Son preto de 220.000 os galegos afectados, un 8% da poboación.
43 MUNICIPIOS GALEGOS NON TEÑEN NINGUNHA OFICINA, AFECTANDO AO 2% DA POBOACIÓN
En canto á exclusión motivada polo desemprazamento xeográfico das entidades, os cidadáns teñen que desprazarse a outras localidades. 43 municipios galegos (13,73% do total dos municipios) non teñen ningunha oficina bancaria, afectada o 2% da poboación galega.
A terceira causa de exclusión financeira, a brecha dixital, agudízase máis en Galicia con numerosos municipios con acceso limitado á rede, ademais dun número considerable de cidadáns que, por idade, por coñecementos ou falta de acceso, será difícil que sexan futuros usuarios dixitais. Para UGT, neste senso, resulta prioritario articular un plan integral contra a brecha dixital.
En todos os casos a falta de acceso aos servizos financeiros representa un serio obstáculo para a integración económica e social das persoas. A exclusión financeira convértese nunha causa de exclusión social.
DENDE O 2008 PECHAN EN GALICIA 936 OFICINAS, O 37,52% DAS EXISTENTES ANTES DA CRISE
Dende FeSMC-UGT-Galicia xa se reiterou en numerosas ocasións dende o ano 2008 que o peche de oficinas é unha constante que non cesa. No período que vai de 2013 a 2018 pechan en Galicia 444 oficinas, un 22,17% do total. Se a isto lle engadimos que entre o 2008 e 2013 xa tiñan pechado outras 492 (19,72%), pódese concluír que desde que comezou a crise financeira pecháronse en Galicia 936 oficinas, o 37,52% das existentes antes da crise.
OURENSE É A PROVINCIA MÁIS AFECTADA POLA CARENCIA DE OFICINAS BANCARIAS, CON 28 CONCELLOS QUE NON TEÑEN NINGUNHA
A día de hoxe son 43 concellos os que xa non teñen ningunha oficina, dos que 9 son en A Coruña (Aranga, Cabanas, Coirós, Lousame, Paderne, Santiso, Toques, Vilarmaior e Vilasantar); 4 en Lugo (Negreira de Muñiz, O Páramo, Ribas do Sil e Ribeira de Piquín); 28 en Ourense (Arnoia, Baltar, Beade, Castrelo do Val, Melón, Monterrei, Oímbra, Piñor, Porqueira, Taboadela, Teixeira; Verea…); e 2 en Pontevedra (Dozón e Mondariz-Balneario). Isto supón que case 53.833 persoas non poden acceder a unha oficina bancaria no seu concello, ou o que é o mesmo, o 2% da poboación galega.
NOS VINDEIROS 12/18 MESES O NÚMERO DE OFICINAS SEGUIRÁ REDUCÍNDOSE, COMO MÍNIMO, NUN 10%
Ademais, FeSMC alerta que nos vindeiros 12/18 meses o número de oficinas en Galicia seguirá reducíndose, como mínimo, nun 10% máis, xa que está pendente de efectuarse a integración de oficinas do Banco Santander, Pastor e Popular, e as que a día de hoxe aínda se descoñecen.
UGT considera que nunha sociedade como a actual, na que existe unha obriga social continua de recurrir aos servizos financeiros para levar unha vida social normal (pensións, prestacións por desemprego, becas, nóminas, recibos…) ningún concello debería quedar desatendido financeiramente para o cal as entidades deberían asegurar a cobertura de todas as poboacións coas ferramentas que sexan necesarias, todo elo, baixo o control dos poderes públicos e o Banco de España.
Ademais, FeSMC-UGT considera que o Goberno debería garantir un marco xurídico que permita a todas as persoas acceder aos servizos financeiros básicos, eliminando os obstáculos específicos que dificultan o seu acceso e limitando a acción dos prestamistas privados e das “pseudo financeiras” que prestan servizos explotando ás persosas economicamente excluídas con altas comisións e falta de transparencia.
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É JAVIER CASTRO, O SECRETARIO NACIONAL DO SINDICATO FINANCEIRO DA FEDERACIÓN DE SERVIZOS, MOBILIDADE E CONSUMO (FESMC-UGT-GALICIA). TELÉFONO: 686498923.