FeSMC saúda a sinatura do primeiro convenio colectivo de orquestras de verbena de Galicia
Fecha: 21 Nov 2016

A Federación galega de Servizos para a Mobilidade e o Consumo (FeSMC-UGT) saúda a sinatura do Convenio colectivo de orquestras de verbena de Galicia, o primeiro que hai en Galicia e que regula un sector ata o de agora, no eido das relacións laborais, totalmente “caótico”. Este convenio, que afectará a uns 4.500 traballadores nesta Comunidade, foi asinado polos sindicatos UGT, CC.OO., CIG e CSIF, xunto coa AGO (asociación patronal maioritaria que representa ao 90 por cento das orquestras galegas).
Raimundo Méndez, que estivo nas negociacións en representación de UGT, fixo fincapé na importancia dun convenio que dignificará as condicións laborais duns traballadores que nalgúns casos viñan cobrando salarios miserables e que facían as súas funcións baixo condicións laborais totalmente desregulamentadas.
Méndez explicou que a partir da agora os 4.500 traballadores das 300 orquestras galegas terán unha xornada regularizada de 1.680 horas anuais. Tamén se acordou que os ensaios terán que ser retribuídos como xornada ordinaria.
As vacacións serán de 35 días ao ano a desfrutar a partir do día 30 de outubro, para que non coincidan coa temporada de maior demanda laboral neste sector.
A sesión vermú, que ata o de agora non se retribuía, pasa a pagarse con 40 euros e tamén se limitan as horas diarias de actuación a 3,5.
En relación coas Incapacidades Temporais, do día un de baixa ata o 20 págase o 85 por cento do salario e a partir do día 21 xa o cen por cento.
Unha vez entre en vigor o convenio, os traballadores do sector de orquestras de verbena de Galicia percibirán un complemento salarial polo desgaste de vestiario e instrumentos.
No referente aos salarios, o convenio, que terá vixencia no 2017-2018, establece varias táboas salariais en función da facturación de cada unha das compañías e de
se se trata de temporada alta (1 de maio ao 31 de outubro) ou baixa (o resto do ano). A primeira táboa estipúlase para sociedades cunha facturación de ata 150.000 euros ao ano; un segundo grupo ata os 350.000 euros; un terceiro grupo, ata os 550.000 euros; un cuarto grupo, ata os 750.000 euros; e un quinto grupo por enriba desta última cantidade.
Finalmente, Raimundo Méndez indicou que UGT vai estar moi vixiante e enriba das empresas que pretenden aplicar convenios propios, normalmente, moi por debaixo dos de sector.