Éxito rotundo da folga de transportes de viaxeiros en Galicia

Hoxe martes 20 de xuño comezou a folga indefinida no transporte de viaxeiros por estrada en Galicia. Conflito provocado tras a publicación pola Xunta de Galicia dun novo  Plan de Transportes o pasado 30 de maio. Un proxecto que non conta co apoio de ningún dos axentes interesados no sector.

As centrais sindicais rexeitan a proposta da Administración por valorar moi negativamente as súas repercusións para o emprego e o servizo prestado. Tamén reclaman a apertura de negociación dos catro convenios colectivos provinciais coa patronal.

O transporte de viaxeiros por Galicia continuará mañá paralizado e así seguirá os martes e mércores sucesivos en tanto non se produzan modificacións substanciais na situación actual que abocan ao sector a unha perda de emprego dun 30%.

Cabe destacar, que a pesar do seguimento masivo da convocatoria de folga, non se produciu ningún incidente relevante. Os servizos mínimos non se cumpriron ante a negativa da Administración para negocialos coas centrais sindicais.​