A evolución da sinistralidade nos primeiros meses de 2016, con 22 falecidos, sitúa a Galicia á cabeza do Estado cunha incidencia que duplica a media estatal
Fecha: 19 Ago 2016

Os datos referidos á sinistralidade rexistrada en Galicia nos seis primeiros meses do ano reflicten que esta non cesa e, ademais, os accidentes de carácter mortal sitúan a esta comunidade á cabeza do Estado no relativo aos índices de incidencia, é dicir, cando se relaciona o número de accidentes coa poboación asalariada. É evidente que, á vista dos datos, aínda queda moito por facer en materia de prevención e que as empresas seguen incumprindo as súas obrigas nesta materia. UGT-Galicia considera que os accidentes no traballo seguen a ser unha das grandes lacras do mercado laboral deste país e que a tan denunciada precariedade e devaluación do mercado de traballo tras as reformas laborais impostas tamén están detrás dunha gran parte destes sinistros. Así como, as políticas de recortes impostas que afectan a todos os eidos. Non obstante, UGT-Galicia considera que preservar a saúde e a vida dos traballadores debe ser obxectivo básico por parte de todos e non hai cabida neste senso para o aforro ou os recortes.
Unha análise dos datos de sinistralidade laboral nos seis primeiros meses do ano, de xaneiro a xuño reflicte que en Galicia rexistráronse 11.513 accidentes laborais, dos cales 22 foron mortais, 210 graves e 11.281 leves.
Dun xeito pormenorizado, as estatísticas reflicten que nos seis primeiros meses do ano faleceron en Galicia no seu posto de traballo un total de 22 persoas, 9 delas en A Coruña , 5 en Lugo, unha en Ourense e 7 en Pontevedra. Destaca o incremento de Lugo que pasa de tres falecidos hai un ano no mesmo período aos 5 actuais.
Por sectores, o que acontece na pesca segue a ser certamente preocupante, con sete falecidos, un máis que hai un ano, pero é que tamén se produciu un forte incremento do número de accidentes de carácter grave, pasando do 18 a 25.
É evidente que urxen políticas públicas eficaces que velen polo cumprimento da normativa existente e que freen esta eiva que xa non é só laboral, senón que se trata dun problema de orde social.
Porque son moitas as persoas que falecen no seu posto de traballo pero tamén son moitas as que, vítimas de sinistros laborais, quedan mancadas de por vida, coas consecuencias que todo isto carrexa para os afectados e para as súas familias.
De feito, nos primeiros seis meses do ano rexistráronse en Galicia 210 sinistros de carácter grave aos que lles hai que sumar un total de 11.281 leves. No relativo aos sinistros graves, UGT-Galicia alerta do seu forte incremento, de 167, nos seis primeiros meses de 2015, a 210, de xaneiro a xuño de 2016. E, como xa se apreciaba no parágrafo anterior, detrás destes, nunha alta porcentaxe dos casos, quedan vidas marcadas coas cargas que isto carrexa, o primeiro e máis importante, no eido persoal, para os afectados e as súas familias, pero tamén no eido social e sanitario. Por iso, o Sindicato insiste en que investir en prevención é positivo para todos, para os traballadores e para a sociedade en xeral.
Continuando coa análise dos sinistros graves, hai que destacar que estes increméntanse en todos os sectores, salvo na agricultura. No caso da pesca pasa de 18 a 25; de 40 a 48 no caso da industria; de 31 a 39 na construción; e de 56 a 78 no sector servizos. Deste total, 83 accidentes prodúcense en A Coruña, 23 en Lugo, 25 en Ourense e 79 en Pontevedra. Medrando en todas as provincias con respecto a hai un ano.
GALICIA DUPLICA A MEDIA ESTATAL NA INCIDENCIA DE ACCIDENTES MORTAIS E LUGO A CUADRIPLICA
Estas cifras sitúan a Galicia á cabeza do Estado en materia de sinistralidade mortal, cun índice de incidencia (número de accidentes mortais por cada 100.000 asalariados) de 0,519 puntos, fronte aos 0,259 do Estado. Pero é que a provincia de Lugo (análise por provincias) tamén é a que rexistra o segundo maior índice de todo o Estado, cun 1,077 (só superada por Huesca, cun 1,4), duplicando, incluso, a media galega e multiplicando por catro a do resto do Estado. A provincia lucense e a de Huesca son as únicas nas que o índice de incidencia é superior a 1. Se se observa a táboa que se adxunta, a maior parte dos territorios están nunha media mensual de entre o 0,2 e o 0,3.
Estes datos, que non son só datos, detrás deles hai vidas, enfermidades e traxedias persoais e familiares, evidencian un claro incumprimento, ou renuncia, por parte das empresas en materia de prevención de riscos laborais e subliñan a necesidade de que as autoridades laborais e a Inspección de Traballo retomen con forza as campañas contra a sinistralidade laboral e velen polo cumprimento da normativa ao respecto.
Para UGT-Galicia, a crise non pode servir de escusa para poñer en perigo a vida dos traballadores. E, por outra banda, o Sindicato fai unha chamada de atención ás empresas galegas e á Xunta para que tomen nota dos datos que se rexistran nesta Comunidade autónoma, á cabeza, como xa se indicaba en parágrafos precedentes nos índices de incidencia, entre xaneiro e maio de 2016, en accidentes mortais.
LEIS FIRMES, CONTROIS RIGUROSOS E SINDICATOS FORTES CONTRA A SINISTRALIDADE LABORAL
O Sindicato insiste en que a precariedade no traballo xerada polas reformas laborais propiciou o incremento da temporalidade, os contratos parciais ou o emprego informal, algo que está producindo o deterioro da saúde e calidade de vida dos traballadores, así como, o aumento das desigualdades. Por iso, UGT-Galicia reclama un aumento das actuacións de control e cumprimento da normativa de seguridade e saúde no traballo, por parte das administracións, en todos os sectores e a todos os traballadores, sen distinción do seu tipo de relación laboral, tamaño ou sector da súa empresa, sen esquecer as estratexias de formación e concienciación e tendo en conta a necesidade de seguir fomentando a cultura preventiva.