En Galicia ter un emprego xa non é sinónimo de saír da pobreza, o 31,3% dos traballadores teñen un salario inferior ou igual ao SMI

Fecha: 11 Feb 2019

O V Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección doSindicato entre congresos, reuniuse ao longo da mañá de hoxe en Teo para analizar a situación actual e facer propostas de cara ao futuro. A principal conclusión que se sacou das intervencións que alí se fixeron, tanto por parte dos responsables das federacións de nacionalidade como dos distintos territorios, é que a economía vai pero só para unha minoría porque as familias traballadoras ven como a recuperación non lles chega. Isto fai que a cidadanía anhele un cambio de rumbo na senda da recuperación de dereitos laborais e un fortalecemento do Estado de Benestar e dos servizos públicos esenciais.

A realidade galega contextualízase cun PIB que medra a un ritmo do 0,6% no terceiro trimestre de 2018, en termos intertrimestrais. Esta mellora en termos macroeconómicos contrasta con outra realidade. Unha sociedade cada vez máis envellecida, cunha redución de 190.000 mozos (entre 20 e 34 anos) dende o ano 2008 e cunha taxa bruta de natalidade que non supera os 7 nacementos por cada mil habitantes.

170.000 persoas seguen en situación de desemprego e dende comezos da crise cífrase en 124.000 os empregos perdidos en Galicia, perdeuse a décima parte da ocupación. A precariedade dos fogares galegos é máis que evidente, 54.200 fogares con todos os seus membros activos no paro (no 2009, xa en crise, esta cifra era de 44.800); a taxa de cobertura por desemprego é de tan só o 56,3% (70% no 2011) e esta é de carácter maioritariamente asistencial; o 49% dos desempregados non perciben prestacións; e hai 27.000 fogares nos que non entran ingresos. Isto da unha clara visión dos riscos de pobreza e exclusión social que asolagan a moitas familias galegas.

Os traballadores galegos seguen perdendo peso no reparto da renda. Se no 2008 a remuneración do persoal asalariado representaba o 46,9% dototal, no último trimestre do 2018 o peso baixa ao 42,7%. Basicamente pola perda de emprego e contención salarial. Pola contra o empresariado, a pesar dos anos de crise, pasa dun peso do 45% no 2008 ao 47,6% no 2018.

Este escenario conduce a unha taxa de risco de pobreza ou exclusión social que en Galicia afecta xa ao 22,6% da súa poboación.

As familias ven como a súa situación non mellora. Aínda que si é certo que o emprego mellora en termos cuantitativos, ter un posto de traballo xa non saca ás persoas de risco de pobreza ou exclusión social, xa que 321.120 asalariados galegos, o 31,3% do total, teñen un salario medio inferior ou igual ao SMI.

Neste contexto, a Xunta, cos seus Orzamentos para o 2019 presenta unha liña continuísta e segue na senda da supeditación ás esixencias financeiras. A Xunta non recupera o orzamento en emprego previo á crise. No 2008 este era de 378,7 millóns de euros e no 2019 será de 263 millóns, con 124.000 empregos menos e 52.300 desempregados máis.

Para UGT-Galicia, estes orzamentos deberían apostar claramente pola xeración de emprego de calidade, apostar polo tecido produtivo e a súa diversificación e polo reforzamento dos servizos públicos e a protección social.

Chegou o momento de mudar en Galicia as políticas económicas co fin de consolidar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible que xere emprego e diminúa as desigualdades.

UGT-GALICIA ESTARÁ VIXIANTE PARA QUE NON HAXA SALARIOS POR DEBAIXO DOS 1.000 EUROS NOS CONTRATOS DE OBRAS E SERVIZOS DAS ADMINISTRACIÓNS

Neste senso, en materia do emprego de calidade, a Xunta ten que ser garante dos dereitos laborais e sociais nos procesos de contratación pública, para o cal UGT-Galicia continuará coa súa campaña de cláusulas sociais e respecto ás condicións laborais nas contratacións públicas, en liña con isto o Sindicato esixirá que nos contratos de obras e servizos das administracións públicas non haxa contratos por debaixo dos 1.000 euros.

Tamén urxe un plan de choque polo emprego; un plan industrial de carácter estratéxico con instrumentos tanto sectoriais como territoriais co obxectivo de acadar o 20% do PIB en 2020; é preciso que se poñan en marcha medidas para corrixir os elevados custos enerxéticos da industria e, neste senso, todas as administracións teñen que poñer en marcha neste primeiro semestre do ano un marco enerxético estable que garanta o futuro das industrias electrointensivas en Galicia;  e necesítase tamén unha oferta suficiente de chan industrial; e dinamizar as zonas rurais.

O V COMITÉ NACIONAL DE UGT-GALICIA INSTA Á XUNTA A QUE ABRA UN PROCESO DE DIÁLOGO SOCIAL PARA CAMBIAR AS POLÍTICAS ECONÓMICAS E CONSOLIDAR UN MODELO DE CRECEMENTO ESTABLE E QUE XERE EMPREGO DE CALIDADE E DIMINÚA AS DESIGUALDADES

O Comité considera que urxe abrir un proceso de Diálogo Social en base á folla de ruta que se presentou ao inicio da lexislatura. Que, en definitiva, demanda un cambio das políticas económicas para consolidar un modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, así como, a diminución das desigualdades que, como mínimo, debería pasar por un cambio de rumbo das políticas activas de emprego; a consolidación e mellora do Estado do Benestar (público, solidario e universal), como a educación, a sanidade, a xustiza, a cultura, a vivenda e o seu desenvolvemento con suficiencia de recursose melloras na accesibilidade e calidade através de todos os servizos públicos; fortalecer as políticas en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo; restablecer e incrementar as prestacións sociais cunha renda de inclusión social de Galicia que se dote de recursos suficientes; e a protección da infancia e a adolescencia e a situación de risco e desamparo.

RESOLUCIÓN SEN APOIO ÁS MOBILIZACIÓNS DO TRANSPORTE SANITARIO, EN DEMANDA DE MEDIDAS PARA A MELLORA DA ATENCIÓN SANITARIA EN GALICIA E PEDINDO UN COMPROMISO COA FÁBRICA DE ARMAS E COA CIDADE DAS TIC

Finalmente, o V Comité Nacional de UGT-Galicia aprobou tres resolucións de urxencia. Unha delas en apoio ás mobilizacións e convocatoria de folga no sector do transporte sanitario de Galicia. Outra, en demanda de medidas de mellora do emprego e condicións laborais e mellora dacalidade de atención sanitaria á cidadanía en Galicia, neste senso, lémbrase todos os conflitos abertos no eido sanitario nesta Comunidade, nalgúns servizos de urxencias, como no CHUS, ou en varios centros de atención primaria. A terceira resolución reclama compromisos por parte da Xunta e outras administracións implicadas coa Fábrica de Armas da Coruña, pola continuidade da súa actividade laboral, e coa cidade das TIC, para o seu desenvolvemento e que esta poida ser unha realidade, un verdadeiro campus tecnolóxicono que as empresas do sector poidan compartir un espazo e supoña un empuxe para a comarca.


Fuente: UGT-Galicia