É urxente actualizar a Lei de prevención de riscos laborais ante os retos do século XXI

Os accidentes e as enfermidades laborais pódense evitar

Fecha: 15 Abr 2026

28A26

É urxente actualizar a Lei de prevención de riscos laborais ante os retos do século XXI

Os accidentes e as enfermidades laborais pódense evitar

Neste ano declarado en España da Seguridade e Saúde no traballo, a conmemoración do 28 de abril debe destacarse especialmente polo seu significado, sendo un día de recordo e denuncia.

Desde UGT queremos lembrar ás persoas traballadoras vítimas de accidentes e enfermidades laborais por traballar en condicións que non garantían nin a súa saúde nin a súa seguridade e esiximos ás empresas o cumprimento da normativa.

A Lei de Prevención de Riscos Laborais aprobouse hai máis de 30 anos e non conseguiu eliminar, nin sequera reducir significativamente, os accidentes de traballo.  As 735 persoas traballadoras que perderon a vida no traballo en 2025, son a consecuencia máis grave e evidente da falta de medidas preventivas.

As enfermidades producidas polo traballo son tamén outro dos desafíos máis importantes para a saúde posto que permanecen invisibilizadas e non recoñecidas na maioría dos casos.

As avaliacións de riscos nas empresas, aínda que son obrigatorias por Lei, moitas veces nin existen e cando se realizan, a miúdo son deficientes e non identifican todos os riscos asociados, tampouco cos procesos crónicos. As enfermidades profesionais son así tratadas como enfermidades comúns, evitando o seu correcto rexistro e impedindo que se poidan acometer as medidas preventivas necesarias. A esta situación súmaselle a perda de prestacións para as persoas afectadas e a sobrecarga na xa de si mermada Sanidade Pública.

O cancro é unha das enfermidades de orixe laboral especialmente infradeclarada, segundo o Ministerio de Sanidade, estímase que falecen anualmente 8.700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais, pero no noso país en 2025 só se comunicaron 119 partes de enfermidade profesional por exposición a axentes canceríxenos. O recoñecemento do cancro de orixe laboral en España non chega ao 1%, en cambio, en países como Alemaña, esta cifra ascende ao 32%.

Os problemas relacionados coa saúde mental crecen. Moitos deles orixinados ou agravados por factores relacionados coa organización do traballo provocando tensión, ansiedade e depresión, sen que as empresas interveñan nin sequera en moitos casos realizando a obrigatoria avaliación de riscos psicosociais. As desordes mentais non forman parte do cadro de enfermidades profesionais vixente no noso país, por iso estas enfermidades non se notifican como tales. Esta listaxe debe ser actualizada e non só para incluír estas enfermidades, tamén deben incluírse patoloxías como o cancro de ovario por exposición ao amianto ou o cancro de mama por exposición a traballos nocturnos, axentes químicos ou radiacións ionizantes que afectan as mulleres. Non poden aparecer excluídas durante máis tempo o cancro de pel por exposición a radicación soar, o cancro de pulmón por fumes diésel ou as enfermidades reumáticas autoinmunes sistémicas por sílice cristalina, son enfermidades letais e seguen ausentes desta listaxe.

Ademais, lembramos que por fin se iniciou a tramitación parlamentaria da actualización da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Os avances na dixitalización, as consecuencias do cambio climático, o aumento da presenza das mulleres no mundo do traballo e en ocupacións anteriormente reservadas en exclusiva aos homes e o envellecemento da poboación traballadora, modifican as condicións de traballo, as relacións laborais e os riscos aos que nos enfrontamos na actualidade.

Desde UGT reclamamos aos grupos parlamentarios que tomen conciencia da súa responsabilidade ante esta situación de alarma e aproben a nova Lei para protexer as persoas traballadoras nos seus centros de traballo. Ademais esiximos que se cumpran os compromisos adoptados co Goberno para o desenvolvemento dunha norma diferenciada referida a riscos psicosociais, a modificación do actual RD de coordinación de actividades empresariais e da Orde TIN que regula a acreditación dos Servizos de Prevención.

É urxente actualizar a Lei de Prevención de Riscos Laborais aos retos do século XXI. Vai a vida niso. Os accidentes e as enfermidades laborais pódense evitar.

MANIFESTO 28A
 

Fuente: UGT-Galicia