É o momento de enfrontar os desafíos pendentes do mercado laboral
Reducir o paro de longa duración e o emprego parcial involuntario, implementar a redución legal da xornada e seguir aumentando salarios
Fecha: 26 Abr 2024
UGT-Galicia insiste no pouco dinamismo do mercado laboral galego, cunha taxa de actividade de tan só o 53,18%, fronte ó 58,63% do resto do Estado
É o momento de enfrontar os desafíos pendentes do mercado laboral
Reducir o paro de longa duración e o emprego parcial involuntario, implementar a redución legal da xornada e seguir aumentando salarios
Santiago, 26 de abril de 2024. Os datos da primeira EPA do ano 2024 publicados hoxe rexistran unha caída trimestral do emprego do 0,7%, que se cifra en 8.200 persoas ocupadas menos, debido principalmente á estacionalidade propia deste período.
Pola súa banda, o número de persoas desempregadas rexistrou un aumento de 16.700 persoas. Consecuentemente, a taxa de paro incrementouse en 1,2 puntos, ata o 10,45%.
En termos anuais, o número de ocupados aumenta en 24.400 (un 2,2% máis) e o de persoas desempregadas redúcese en 3.400 (un 2,5% menos).
Respecto á calidade do emprego, a redución da temporalidade iniciada tras a reforma laboral proseguiu, situándose a taxa de temporalidade en 15,3 puntos para este primeiro trimestre do ano, 1,2 puntos inferior á rexistrada no trimestre anterior.
UGT considera que algúns aspectos que se extraen da información do INE son positivos, por exemplo que os empregos indefinidos continúan aumentando significativamente (neste trimestre fixérono en 9.900 persoas), o que permite que haxa maior seguridade laboral nos empregos. Con todo, o sindicato advirte de que en 2024 existen retos do mercado de traballo que aínda están presentes nos datos da EPA e que esixen unha corrección inmediata. Por unha banda, o paro de longa duración segue en valores moi altos, 43.100 persoas.
Para poder afrontar este problema estrutural do mercado de traballo, é fundamental que se reformen as políticas activas de emprego e que se incrementen os recursos económicos e humanos do SEPE, para que poidan levar a cabo unha orientación laboral personalizada que mellore a empregabilidade das persoas en desemprego.
Doutra banda, para facer do despedimento a última opción de axuste na empresa e aumentar a protección das persoas traballadoras, é crucial que se modifiquen as causas e custos do despedimento, de forma que se axusten aos criterios da Carta Social Europea Revisada, como esixiu UGT ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais.
Posto que a creación de emprego marcha a bo ritmo e a calidade dos postos de traballo está a mellorar, un custo de despedimento disuasorio e reparador é unha máxima para mellorar o funcionamento do mercado laboral e reforzar os dereitos das persoas traballadoras.
En resumo, é o momento de completar a transformación do noso modelo produtivo desde o ámbito laboral. Para iso, debe reducirse o paro de longa duración e o emprego parcial involuntario, á vez que se implementa a redución legal da xornada de traballo, coa perspectiva a medio prazo de alcanzar as 32 horas semanais.
Só enfrontando estes desafíos cunha protección do emprego digna e unhas políticas activas eficientes lograrase consolidar unha economía máis avanzada, sostible e sólida.
Radiografía da EPA en Galicia
Os datos amosan que hai en Galicia 24.400 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 2,2%) e, en relación ó cuarto trimestre de 2023, hai 8.200 ocupados menos, o que supón unha baixada do 0,7%.
Aínda así, aínda que a EPA amosa unha clara remisión dos efectos da pandemia, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,18%, fronte ó 58,63% do resto do Estado.
Interanualmente, o paro baixou en 3.400 persoas, o que supón o 2,5%. E, en relación ó trimestre anterior, o paro aumentou, un 14,5%, en 16.700 persoas.
Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 131.600 persoas desempregadas, no 10,45%. No caso dos homes esta taxa é do 10% e do 10,92% no caso das mulleres. Entre os menores de 25 anos esta sube ata o 28,02%.
Por sectores, interanualmente, o emprego mellora en todos, na agricultura e pesca, cunha suba da ocupación dun 7,9% (5.500 ocupados máis); no sector servizos, cun aumento do 0,5% (4 ocupados máis); na construción, cun incremento do 3,6% (2.800 ocupados máis); e na industria o aumento foi do 7,5% (12.200 ocupados máis).
Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube na agricultura, un 0,5% (500 persoas ocupadas máis); e na construción, un 4,3% (3.300 persoas máis). Pola contra, baixa un 0,1% na industria (200 ocupados menos); e un 1,4% no sector servizos (11.600 ocupados menos).
Hai en Galicia un total de 919.200 asalariados, baixando con respecto ó trimestre anterior en 1.100 (0,1%), e ó ano soben en 25.700 (2,9%).
A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 15,3%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 4,4%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 9.900 e baixaron os temporais en 11.000, o que supón unha diminución do 7,8%.
O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 13,67%, sendo o 45,5% da mesma de carácter involuntario.
Difícil situación para moitos fogares e 43.100 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible
Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.
Hai en Galicia un total de 49.900 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 24.100 fogares que non perciben ingresos.
Das 131.600 persoas que están no desemprego, 43.100 levan máis dun ano nesta situación.
Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.