É indispensable aumentar a protección fronte ao despido e atallar o desemprego

A reforma laboral sigue xerando emprego estable e de calidade, pero o mercado laboral debe atallar problemas estruturais

Fecha: 04 Jun 2024

paromaio24

É indispensable aumentar a protección fronte ao despido e atallar o desemprego

A reforma laboral sigue xerando emprego estable e de calidade, pero o mercado laboral debe atallar problemas estruturais

Santiago, 4 de xuño de 2024.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social do mes de maio mostran unha evolución positiva do mercado laboral, en liña cos resultados que tradicionalmente se obteñen para este período: o emprego crece e o paro cae, como ocorre sempre neste mes, probablemente o mellor do ano para o emprego.

Así, o paro rexistrado redúcese en 4.298 persoas respecto a abril, ata un total de 122.036, a cifra máis baixa para este mes desde 1996. Con respecto ao emprego, o número de persoas afiliadas increméntase en 8.957, con 1.077.292 persoas afiliadas, 18.207 máis que o ano anterior. As mulleres tamén alcanzan un máximo, superando as 500.000 mulleres afiliadas en Galicia (525.179), o que constitúe un fito moi destacable. 

Ademais, un mes máis, esta creación de emprego dáse á vez que se mantén a temporalidade en mínimos históricos do 13,91; unha porcentaxe que antes da reforma laboral era moi superior, 27%. Con respecto á contratación, volve destacar o gran número de contratos indefinidos asinados: dun total de 60.273 contratos, 18.777 son indefinidos, o que supón un peso do 31,15%, cando antes da reforma, no mes de maio de 2021, a porcentaxe era do 9,6%. Aínda así, Galicia, con respecto ao resto do Estado, cunha porcentaxe do 43% de contratación indefinida, ten que mellorar.

Non hai dúbida do bo momento que está a vivir o mercado de traballo, cuns niveis de emprego récords asentados na contratación estable e de calidade. Unha situación que está a permitir a miles de persoas traballadoras, que anteriormente se atopaban en desemprego ou contratadas baixo figuras temporais e precarias, ter un emprego indefinido. Agora queda mellorar a protección destas persoas nos seus postos de traballo, aumentando o custo do despedimento para que a indemnización realmente teña un carácter disuasorio para a empresa e resarcitorio para a persoa traballadora, tal e como recolle a Carta Social Europea.

Á súa vez, non hai que esquecer ás persoas desempregadas que, a pesar da creación de emprego, continúan sen atopar traballo: en Galicia 43.100 persoas levan máis dun ano en situación de desemprego. Un problema que evidencia a incapacidade das actuais políticas activas de emprego para mellorar a inserción laboral destas persoas, cuns Servizos Públicos de Emprego sen os medios técnicos e, sobre todo, humanos, suficientes para ofrecer uns servizos eficaces de intermediación e orientación profesional.

Mellorar o SEPE e as políticas Activas de Emprego

Neste sentido, UGT-Galicia considera que o recente Real Decreto que regula a Carteira Común de Servizos, que se realizou sen diálogo social, queda lonxe de dar unha solución satisfactoria ao problema, pois o seu contido non asegura que estes servizos se presten de maneira efectiva por todas as administracións territoriais.

Como aspecto positivo, hai que destacar o novo acordo alcanzado entre Sindicatos e Goberno pola mellora da protección asistencial de desemprego, materializado no RD-Lei 2/2024 para a simplificación e mellora do nivel asistencial da protección por desemprego. Esta reforma, que simplifica e amplía o acceso e as contías dos subsidios e prestacións, é especialmente relevante en materia de xustiza social, ao dirixirse a mellorar a difícil situación económica que atravesan as persoas desempregadas, onde 4 de cada 10 atópanse en risco de pobreza, unha circunstancia que mesmo empeora a medida que se prolonga no tempo a escaseza de recursos derivada da súa situación de desemprego.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 4.298 persoas con respecto ao mes anterior (3,4%) e no Estado esta cifra tamén baixou, un 2,20%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 12.398 persoas, un 9,22% menos. No caso do Estado a baixada anual non foi tan forte, do 4,79%. Así, o número total de desempregados sitúase en 122.036 persoas, mínimo histórico en Galicia dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixa nun 8,36% e no ano a diminución foi dun 10,34%.

Por sexos, no caso dos homes o desemprego baixa no mes un 4,07% e no caso das mulleres nun 2,92%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 7,94% entre os homes e o 10,12% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,34% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 71.200 mulleres, fronte a 50.836 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos. Diminúe un 3,26% na industria; un 3,58% nos servizos; un 4,18% na agricultura e gandería; un 3,13% na construción; e un 2,08% no colectivo de sen emprego anterior. No ano tamén baixa en todos. Así, baixa un 12,93% no primario; o 12,28% na industria; o 12,13% na construción; o 8,76% no sector servizos; e o 5,71% entre o colectivo de sen emprego anterior.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 31,15%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 43%. Realizáronse en maio un total de 60.273 contratos en Galicia.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 70,25%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 29,85%; na industria, do 22,48%; e no primario, do 58,91%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 71,50%, con 82.164 persoas beneficiarias. Deste total, 40.730 perciben subsidios, 4.245 a Renda Activa de Inserción e 37.189 prestacións contributivas. A cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas, a pesar de percibir prestacións, por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.077.292 de media mensual, aumentando un 0,84% no mes e un 1,72% no ano.

Fuente: UGT-Galicia