É fundamental crear emprego en sectores de alto valor engadido e reducir o paro de longa duración

UGT considera imprescindible seguir traballando para paliar e corrixir os problemas do mercado laboral. Os datos da EPA, aínda así, demostran a mellora do emprego, a raíz da aprobación da reforma laboral

Fecha: 26 Jul 2024

EPA

UGT-Galicia insiste no pouco dinamismo do mercado laboral galego, cunha taxa de actividade de tan só o 53%, fronte ó 58,9% do resto do Estado

É fundamental crear emprego en sectores de alto valor engadido e reducir o paro de longa duración

UGT considera imprescindible seguir traballando para paliar e corrixir os problemas do mercado laboral. Os datos da EPA, aínda así, demostran a mellora do emprego, a raíz da aprobación da reforma laboral



 

Santiago, 26 de xullo de 2024. A EPA do segundo trimestre de 2024 rexistra uns bos datos de creación de emprego, cun aumento trimestral da ocupación de 7.900 persoas, un 0,7% máis. Doutra banda, o número de asalariados creceu en 3.800 respecto ao primeiro trimestre do ano, o que se traduce nun incremento do 0,4%. Estes datos avalan un inicio do verán moi positivo e manteñen a tendencia que tivo o mercado laboral, aínda que en parte reflicten un comportamento marcado pola estacionalidade. 

Neste sentido, tamén se reduciu o número de persoas desempregadas, sendo durante este segundo trimestre un total de 11.800, un 9% menos que o trimestre pasado. Pola súa banda, a taxa de temporalidade mantense en valores, nun 15,2%.

En definitiva, a EPA recolle unha evolución positiva do emprego na primeira metade do ano 2024, pero aínda reflicte algúns dos problemas estruturais que requiren dunha solución canto antes. O primeiro deles, é a cantidade de persoas que traballan a tempo parcial de maneira involuntaria. Segundo as cifras coñecidas este venres, o 42,9% é a taxa de Galicia. Lograr reducir a porcentaxe de persoas con empregos a tempo parcial de maneira involuntaria debe ser unha prioridade para combater a pobreza laboral. 

Doutra banda, o paro de longa duración segue sendo moi elevado, concretamente están nesta situación 40.400 persoas desempregadas. Isto implica que conseguir un emprego para as persoas que levan máis dun ano desempregadas segue sendo unha tarefa sumamente complicada. Para diminuír o paro de longa duración é crucial que os servizos públicos de emprego melloren na súa capacidade de intermediación e orienten, acompañen e incrementen a empregabilidade das persoas desempregadas. 

Outro dos aspectos nos que aínda hai marxe de mellora é na creación de emprego en sectores de alto valor engadido, un ámbito de actuación moi ligado ao cambio de modelo produtivo que está a atravesar a economía española. Pero tamén é imprescindible reformar as causas e custos do despedimento, de forma que se axusten aos criterios da Carta Social Europea Revisada, como esixiu UGT ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais, para lograr un mellor funcionamento do mercado laboral e reforzar os dereitos das persoas traballadoras. 

Ante os datos coñecidos, UGT considera fundamental paliar aqueles problemas propios do mercado laboral que seguen latentes e que frean o progreso e o benestar de tantas persoas traballadoras. Para iso, é fundamental crear emprego en sectores de alto valor engadido e reducir o paro de longa duración e o emprego a tempo parcial involuntario, entre outras medidas. 

Radiografía da EPA en Galicia

Os datos amosan que hai en Galicia 3.900 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 0,3%) e, en relación ó primeiro trimestre de 2024, hai 7.900 ocupados máis, o que supón unha subida do 0,7%.

Aínda así, aínda que a EPA amosa unha clara remisión dos efectos da pandemia, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53, fronte ó 58,9% do resto do Estado.

Interanualmente, o paro subiu en 2.600 persoas, o que supón o 2,2%. E, en relación ó trimestre anterior, o paro baixou, un 9%, en 11.800 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 119.800 persoas desempregadas, no 9,5%. No caso dos homes esta taxa é do 8,9% e do 10,2% no caso das mulleres. Entre os menores de 30 anos esta sube ata o 20,8%.

Por sectores, interanualmente, a variación do emprego é a seguinte, na agricultura e pesca, a ocupación baixa nun 5,8% (4.400 ocupados menos); no sector servizos, a ocupación tamén diminúe, neste caso, nun 1,3% (10.200 ocupados menos); na construción, pola contra, dáse un incremento do 10,6% (8.000 ocupados máis); e na industria o aumento foi do 6,2% (10.400 ocupados máis).

Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación baixa na agricultura, un 4,5% (3.400 persoas ocupadas menos). Pola contra sube na construción, un 3,9% (3.100 persoas máis); na industria, 2,9% (5.000 ocupados máis); e un 0,4% no sector servizos (3.000 ocupados máis).

Hai en Galicia un total de 923.000 asalariados, subindo con respecto ó trimestre anterior en 3.800 (0,4%), e ó ano soben en 100.

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 15,2%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 0,8%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 4.200 e baixaron os temporais en 500, o que supón unha diminución do 0,4%.

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 13,6%, sendo o 42,9% da mesma de carácter involuntario.

Difícil situación para moitos fogares e 40.400 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.

Hai en Galicia un total de 43.300 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 24.200 fogares que non perciben ingresos.

Das 119.800 persoas que están no desemprego, 40.400 levan máis dun ano nesta situación.

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.

Fuente: UGT-Galicia
EPA