É esencial reformar as políticas activas de emprego e aumentar tanto os recursos económicos como humanos do SEPE

UGT considera fundamental reforzar os esforzos para completar a pasada reforma do mercado laboral, de maneira que siga aumentando a calidade e cantidade do emprego

Fecha: 29 Abr 2025

EPA1T25

É esencial reformar as políticas activas de emprego e aumentar tanto os recursos económicos como humanos do SEPE

UGT considera fundamental reforzar os esforzos para completar a pasada reforma do mercado laboral, de maneira que siga aumentando a calidade e cantidade do emprego



 

Santiago, 28 de abril de 2025. Os datos da primeira EPA do ano 2025 publicados hoxe rexistran unha caída trimestral do emprego de 3.200 persoas ocupadas, que se debe á estacionalidade propia deste período do ano, no que se perde gran parte do emprego creado para a campaña do Nadal. Doutra banda, o número de persoas desempregadas rexistrou un aumento de 1.600 persoas polo mesmo motivo. A taxa de paro queda así no 8,8%. 

En termos anuais, o número de ocupados aumenta en 22.400 (un 2% máis) e o de persoas desempregadas redúcese en 20.600 (un 15,7% menos). 

Por tanto, a pesar de tratarse do peor trimestre do ano polas mencionadas razóns estacionais, o comportamento do emprego nesta ocasión pode considerarse positivo, en liña coa evolución do mercado laboral nos últimos anos. Con todo, a recente guerra arancelaria aberta polo Goberno dos Estados Unidos xerou incerteza nos mercados e pode afectar ao comercio internacional, o que tería uns efectos perniciosos na economía mundial e, probablemente, na española. Por tanto, será moi relevante avaliar os datos do seguinte trimestre tendo xa en conta o cambio de orientación que houbo na evolución económica. 

A información coñecida hoxe reflicte datos que avalan o bo momento do noso mercado laboral. Entre eles, a fortaleza da creación de emprego, que mantén un sólido ritmo de crecemento anual do 2%, e a mellora na calidade do emprego, que segue sendo unha realidade e que se pode apreciar no aumento do número de persoas con contrato indefinido, 32.600 máis que no mesmo trimestre do 2024, e na redución da taxa de temporalidade, que se sitúa no 13,7%, 2,2 puntos inferior á rexistrada no último trimestre de 2024, e 10,6 puntos menos que no cuarto trimestre de 2021, antes de que entrase en vigor a última reforma laboral. 

Con todo, o mercado de traballo continúa arrastrando problemas estruturais que requiren de solucións. A economía galega rexistra aínda unha elevada taxa de paro, que, a pesar de que se reduciu drasticamente nos últimos anos, aínda permanece no 8,8%. Ademais, persiste un alto paro de longa duración, 33.200 persoas nesta situación, o que implica que case 3 de cada 10 persoas desempregadas levan máis dun ano buscando emprego. Doutra banda, a parcialidade involuntaria segue sendo moi elevada (43,8%), e constitúe unha das principais causas da pobreza laboral. 

Para abordar de maneira efectiva estes problemas estruturais do mercado laboral, é esencial reformar as políticas activas de emprego e aumentar tanto os recursos económicos como humanos do SEPE. Só así será posible ofrecer unha orientación laboral personalizada que potencie a empregabilidade das persoas desempregadas e desenvolver unha intermediación laboral real, capaz de influír positivamente na creación de emprego.

Doutra banda, ante o fallo do Comité Europeo de Dereitos Sociais que declara o custo do despedimento insuficientemente disuasorio, é fundamental reformar o despedimento en España para que se axuste á Carta Social Europea Revisada de modo que se mellore a protección das persoas traballadoras. Un custo de despedimento disuasorio e reparador é imprescindible para mellorar o funcionamento do mercado laboral e reforzar os dereitos das persoas traballadoras.

En definitiva, con motivo da celebración do 1º de Maio, é fundamental reforzar os esforzos para completar a pasada reforma do mercado laboral, de maneira que siga aumentando a calidade e cantidade do emprego, protexendo ás persoas traballadoras cun custo do despedimento efectivamente disuasorio e reparatorio e mellorando as políticas activas de emprego. 

Paralelamente, é crucial lograr subidas salariais na negociación colectiva que amplíen a capacidade adquisitiva das persoas traballadoras. Por último, debe implementarse xa a redución legal da xornada de traballo, coa perspectiva a medio prazo de alcanzar as 32 horas semanais. Todo iso permitirá construír un modelo produtivo máis avanzado, sostible e resiliente para poder enfrontar os desafíos exógenos que se ciernen sobre a nosa economía.

Radiografía da EPA en Galicia

Os datos amosan que hai en Galicia 22.400 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 2%) e, en relación ó cuarto trimestre de 2024, hai 3.200 ocupados menos, o que supón unha baixada do 0,3%.

Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53%, fronte ó 58,6% do resto do Estado.

Interanualmente, o paro baixou en 20.600 persoas, o que supón o 15,7%. E, en relación ó trimestre anterior, o desemprego subiu un 1,5%, en 1.600 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 111.000 persoas desempregadas, no 8,8%. No caso dos homes esta taxa é do 8.2% e do 9,4% no caso das mulleres. Entre os menores de 30 anos esta sube ata o 18,3%.

Por sectores, interanualmente, o emprego mellora, na industria, cunha suba da ocupación dun 12,1% (21.100 ocupados máis), e no sector servizos, cun incremento do 1,5% (11.800 ocupados máis). Pola contra, baixa no primario, nun 13% (9.700 ocupados menos), e na construción, nun 1% (800 ocupados menos).

Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación só sube na industria, un 2,7%, con 5.100 ocupados máis. Así, baixa no primario nun 6,2%, con 4.300 ocupados menos; tamén descende na construción, nun 3,3%, con 2.700 ocupados menos; e no sector servizos, onde baixa nun 0,1%, con 1.100 ocupados menos.

Hai en Galicia un total de 940.100 asalariados, baixando con respecto ó trimestre anterior en 8.100 (0,9%), e ó ano soben en 20.900 (2,3%).

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 13,7%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 4,2%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 13.900, o que supón un 1,7%.

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 14,02%, sendo o 43,8% da mesma de carácter involuntario.

Difícil situación para moitos fogares e 33.200 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.

Hai en Galicia un total de 42.400 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 26.800 fogares que non perciben ingresos.

Das 111.000 persoas que están no desemprego, 33.200 levan máis dun ano nesta situación.

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.

Fuente: UGT-Galicia
EPA