A DISCRIMINACIÓN DÁNANOS A TODAS
Fecha: 20 Abr 2017

ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DA SAÚDE E A SEGURIDADE NO TRABALLO
ORGANISMO | LOCALIDADE | DATA E HORA | TIPO DE ACTO CONVOCADO | DIRECCION DE CELEBRACIÓN | CONVOCA |
UGT-CORUÑA E CEE | A CORUÑA | 28/04 12:00 | CONCENTRACIÓN DIANTE CONFEDERACIÓN EMPRESARIOS | PZA. LUIS SEOANE | UGT E CCOO |
UGT-LUGO | LUGO | 28/04 12:00 | CONCENTRACIÓN DIANTE INSPECCIÓN MÉDICA | MONTEVIDEO 9 | UGT E CCOO |
UGT OURENSE-VERIN | OURENSE | 28/04 12:00 | CONCENTRACIÓN DIANTE DELEGACIÓN XUNTA DE GALICIA | AVD. HABANA | UGT E CCOO |
UGT-PONTEVEDRA-AROUSA | PONTEVEDRA | 28/04 12:00 | CONCENTRACIÓN DIANTE DA SEDE UGT | PASANTERÍA, 1 | UGT |
UGT-VIGO | VIGO | 28/04 10.15 | XORNADAS TRASTORNOS MUSCULOESQUELÉTICOS E RISCOS PSICOSOCIAIS | SEDE UGT VIGO. R/GARCÍA BARBÓN 67 | UGT |
| | 28/04 11.15 | RODA DE PRENSA CONXUNTA CCOO E UGT DO 28 E 1 DE MAIO | SEDE UGT VIGO | UGT E CCOO |
| | 28/04 12:00 | CONCENTRACIÓN DELEGACION XUNTA DE GALICIA | Rúa Concepción Arenal 8 | UGT E CCOO |
UGT-FERROL | FERROL | 28/04 11:00 | CONCENTRACIÓN (EDIF. XUNTA DE GALICIA) | PRAZA CAMILO JOSÉ CELA | UGT E CCOO |
28/04 11:30 | XORNADA SOBRE DISCRIMINACIÓN NO TARBALLO E SOBRE O AMIANTO | SEDE UGT-FERROL | UGT |
Na Europa dos últimos anos, tras a crise económica, asistimos a un panorama de recortes e perdas de dereitos que, unido a fenómenos como o avance electoral da ultradereita ou o Brexit, constitúe un terreo abonado no que xerminan con éxito as proclamas xenófobas, racistas e machistas que dividen á clase traballadora segundo a súa nacionalidade, crenza, xénero, idade ou orientación sexual.
A desesperación na procura dun emprego ou o medo para perdelo desvía a atención das condicións de traballo e achanda o camiño para as desigualdades. A imposición dunhas condicións de traballo máis desfavorables para un colectivo concreto non só é unha inxustiza, senón que constitúe un precedente que finalmente termina por estenderse ao resto das persoas traballadoras. E cando a perda de dereitos afecta á protección da saúde e seguridade no traballo, convértese nun risco para a saúde de todas e todos.
No ámbito laboral, a precariedade é a maneira máis habitual de discriminar. A precariedade converteuse no modelo principal de inserción ao emprego e os colectivos que se viron obrigados a pasar polo seu filtro son os que manteñen peores condicións e por tanto, os que teñen maiores riscos de sufrir danos derivados do traballo, sexan accidentes de traballo ou enfermidades profesionais. Mulleres, migrantes, novas e en xeral os colectivos máis vulnerables, son discriminados á hora de acceder a un posto de traballo, abocándolles a ocupar aqueles traballos que acumulan maiores taxas de temporalidade e parcialidade á súa vez relacionados con maiores índices de sinistralidade.
A sinistralidade laboral en Galicia e no conxunto do Estado non deixou de incrementarse desde a aprobación da Reforma Laboral
Desde a aprobación da Reforma Laboral no ano 2012 rompeuse a tendencia na redución xeneralizada da sinistralidade que se viña rexistrando desde o ano 2000. O discurso oficial que asocia este incremento do número de accidentes de traballo á recuperación da actividade económica e do emprego é falso, xa que tamén se produciron incrementos significativos dos índices de incidencia que expresan a sinistralidade relativa, independentemente do volume de poboación empregada. Os danos á saúde derivados da actividade laboral incrementáronse porque aumentaron a precariedade e a intensificación do traballo e pola debilidade do sistema preventivo.
O incremento da precariedade ten a súa orixe na debilitación da negociación colectiva e na perda de dereitos
O actual mercado de traballo está determinado por diversos factores de precariedade. A temporalidade caracteriza a máis do 90% dos novos contratos asinados cada ano. A duración dos mesmos é moi escasa, o 40% dura menos dun mes. E os contratos a tempo parcial xa supoñen máis dun terzo do total, sendo a inmensa maioría, non voluntarios. A alta rotación de contratos de tan curta duración impide garantir os dereitos de información e formación sobre os riscos e medidas preventivas existentes na empresa. Por outra banda, cada vez é máis frecuente e está máis estendida a descentralización produtiva entre as empresas españolas, o que provoca unha externalización dos riscos laborais cara aos autónomos e traballadores de PEMES e subcontratas. Pero o máis grave é que practicamente todos estes indicadores de precariedade empeoran se nos centramos nos colectivos máis vulnerables, converténdose a desigualdade nun dos factores que inflúe máis negativamente nos danos para a súa saúde.
As mulleres teñen maior probabilidade de sufrir unha enfermidade laboral
Desde 2013 o número de partes comunicados de enfermidade profesional con baixa en mulleres é superior en termos absolutos ao dos homes a pesar de ocupar un volume menor de poboación, e desde que en 2012 repuntou a sinistralidade, os incrementos dos accidentes de traballo en mulleres son superiores que entre os homes. As condicións de traballo nos sectores e actividades máis feminizados sufriron con máis rigor os efectos da crise e das políticas de axuste, o que unido á falta de políticas eficaces de igualdade de xénero e de conciliación nas empresas contribúe á deterioración da saúde das traballadoras.
Os mozos teñen máis riscos de sufrir un accidente laboral
Os índices de incidencia de accidentes de traballo con baixa no ano 2015 entre os menores de 30 anos superan amplamente a media do resto das persoas traballadoras, sendo a situación máis grave no tramo entre 16 e 19 anos (44% de desviación). A altísima taxa de desemprego que sofre o colectivo, e a precarización dos seus empregos, condenan aos nosos mozos a unhas condicións de traballo que poñen en risco a súa seguridade e saúde.
A sinistralidade laboral mortal entre as persoas maiores é preocupante
É máis fácil perder a vida para a poboación laboral de máis idade. A partir dos 55 anos os índices de incidencia dos accidentes de traballo mortais duplícanse debido á falta de políticas preventivas que garantan a adaptación ou o cambio do posto de traballo en función das súas características persoais, así como dunha vixilancia da saúde adecuada, tal como esixe a lexislación.
A economía mergullada oculta os danos para a saúde das persoas migrantes
A poboación migrante vese abocada en moitos casos ás actividades e sectores máis precarizados e, o que é aínda peor, á economía mergullada. A prevención de riscos nos traballos "en negro" é inexistente e os danos ocasionados á saúde non se rexistran nestas situacións de explotación.
As persoas con discapacidade teñen maiores riscos de sufrir acoso no traballo
As persoas con discapacidade sofren con maior frecuencia acoso laboral. Os dereitos que lles asisten en relación á adaptación do posto de traballo son con frecuencia a orixe destas condutas, ocasionando neste colectivo tan vulnerable tensión laboral e a deterioración da súa saúde.
Neste contexto e no marco do 28 de Abril, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, desde UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO de Galicia, reafirmámonos na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades e para lograr este obxectivo propoñemos:
- Derrogar as normas que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde, en particular as reformas laborais que estenderon a precariedade, instalado o medo para perder o emprego, individualizado as relacións laborais, dificultado o exercicio efectivo de dereitos e profundado na desigualdade.
- Reverter a reforma do marco xurídico das Mutuas que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores e que só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos, privatizando a xestión de actividades que deberían ser exclusivas da Seguridade Social.
- Intensificar as políticas activas en materia de prevención dotando cos suficientes medios económicos e humanos aos organismos técnicos como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene en Traballo.
- Reforzar os mecanismos de control do cumprimento da lexislación en materia de igualdade nas empresas e de loita contra a fraude laboral e a economía mergullada.
- Desenvolvemento da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2016-2020 e da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, facendo especial fincapé en todas as cuestións relacionadas coas enfermidades de orixe laboral.
- No marco da empresa, é preciso que se recuperen os investimentos en prevención e a centralidade da negociación colectiva nas relacións laborais. A negociación colectiva está estreitamente ligada á presenza de sindicatos nos centros de traballo, o que constitúe a mellor garantía para o exercicio de dereitos e para a protección da saúde.
- O establecemento da figura do delegado de prevención territorial ou sectorial, xa que no conxunto do Estado existen máis dun millón de empresas con menos de 6 traballadores, nas que traballan dous millóns de persoas que non teñen dereito a elixir un delegado de persoal. O obxectivo sería asegurar o exercicio ao dereito á saúde e á seguridade e os niveis de protección a estes traballadores nos mesmos termos que no resto das empresas.
Como cada 28 de Abril, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, desde UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO de Galicia imos lembrar ás persoas traballadoras que faleceron ou perderon a saúde mentres se gañaban a vida e comprometémonos a loitar durante o resto do ano para acabar coa precariedade, a desigualdade e as inxustas condicións que se atopan tras os accidentes e as enfermidades de orixe laboral.