Desde hoxe, 7 de novembro, as mulleres traballan gratis

Fecha: 07 Nov 2019

UGT relanza a partir de hoxe, 7 de novembro, a campaña que desenvolve o sindicato todos os anos desde 2016 para denunciar a brecha salarial entre mulleres e homes, atendendo aos datos de Eurostat que analiza salarios hora. Así, este ano as mulleres traballan gratis en España desde o 7 de novembro ata final de ano. É dicir, traballarán 55 días gratis como consecuencia da brecha salarial (tres días máis que o ano anterior).

Segundo os últimos datos dispoñibles de Eurostat:

•España é o segundo país onde máis aumentou a brecha salarial, un 0,9%, por detrás de Malta, onde se incrementou un 1,2% (non se facilitaron datos de Irlanda e Grecia). Por contra, no conxunto da UE, a brecha descendeu un 0,20%.

•Dos 27 países analizados, a brecha salarial descendeu en 16, respecto ao ano anterior, e en 10 aumentou.

•España rexistrou unha brecha salarial do 15,1% (segundo os últimos datos rexistrados por Eurostat). Por baixo da media da UE que se situou no 16%.

•Tendo en conta os días, en España as mulleres traballan 55 días gratis, algo menos que a media da UE (traballan 58 días gratis).

Algunhas observacións e demandas:

•A última estatística dispoñible de Eurostat refírese ao ano 2017, ano no que gobernaba o PP. Por tanto, non reflicte os efectos dos avances lexislativos que se adoptaron este ano para reducir a brecha de xénero, no ámbito laboral. Uns avances positivos pero que UGT cualifica de insuficientes e é que varias medidas implantaranse de maneira progresiva (así supoñen avances a equiparación do permiso de paternidade co de maternidade ou a obrigación de establecer plans de igualdade ás empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras, pero é negativo que se retarde ao establecer a súa aplicación de forma progresiva ata 2021).

•Desde o ano 2012 ata o ano 2016, a brecha salarial en España foi descendendo, pero no ano 2017 volveu aumentar. A discriminación salarial é, de todas as discriminacións que sofren as mulleres, a que máis dificultades entraña para ser erradicada. O motivo só é explicable desde o custo económico que ten para as empresas erradicar dita discriminación salarial, á que chaman brecha. Outras discriminacións que soportaron as mulleres fóronse corrixindo con medidas cuxo custo recae sobre a Seguridade Social ou sobre as propias traballadoras (reducións de xornada, as excedencias, ou os permisos de coidados, que podendo ser gozados polos homes, tampouco eles asumen o custo económico e de protección social que representan).

•Fai falta máis celeridade no avance das políticas de igualdade e impulsar, dunha vez por todas, unha lei de igualdade salarial para eliminar a discriminación e a brecha salarial por razón de sexo de forma eficaz e efectiva.

•Só lexislando adecuadamente será posible que as mulleres fagan efectivo o seu dereito fundamental a cobrar o mesmo que os homes cando realizan traballos iguais ou de igual valor. Ademais dunha inxustiza, supón un custo social e económico que este país non se pode permitir.


 

NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS DE UGT-GALICIA, MÓNICA RODRÍGUEZ. TELÉFONO: 628470657.


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fuente: UGT-Galicia