Dende o 2007 os asalariados galegos perderon 1.211 millóns de euros, mentres que as empresas gañaron 523

Unha aproximación ao reparto da riqueza, cunha desagregación do PIB en termos de renda, reflicte que se no ano 2000 o conxunto da poboación asalariada percibía en Galicia o 46,5 por cento do PIB e o empresariado o 43,4 por cento, pasados 15 anos, dáselle a volta a esta situación. A poboación asalariada percibe o 44,5 por cento do PIB pero é que no caso dos empresarios sube ata o 45,3 por cento.

Resulta evidente que o reparto do PIB empeorou claramente para os salarios fronte á ganancia considerable do excedente e das rendas mixtas en relación ao PIB. Existe un claro transvase do que saen gañando as rendas empresariais.

Que supón isto en termos absolutos? Aínda que sería razoable pensar que coa crise se reduciría o monto total de salarios e beneficios, non foi así en termos agregados. Se se compara o montante total destinado ás persoas traballadoras nos anos 2007 e 2015 obsérvase unha diminución do 4,6 por cento, mentres que os excedentes aumentan un 2,1 por cento. En termos absolutos, os salarios perden 1.211 millóns de euros no período de crise e os excedentes gañan 523 millóns de euros.

AS REFORMAS LABORAIS E DA NEGOCIACIÓN COLECTIVA NO PUNTO DE MIRA

Dende UGT-Galicia insístese, unha vez máis, en que os traballadores foron os grandes pagáns dunha crise que eles non xeraron e en que as grandes culpables desta situación que se describe foron as reformas laborais e da negociación colectiva.

As novas normativas contribúen de xeito decisivo á perda de renda dos salarios, deixando a porcentaxe de remuneracións das persoas asalariadas en mínimos históricos, todo o contrario que lles pasa aos excedentes de explotación/rendas mixtas.

Para UGT-Galicia, urxe cambiar este modelo de crecemento inxusto e desequilibrado, que está a incrementar a desigualdade e a pobreza. Para elo, hai que potenciar o emprego de calidade, os salarios dignos, reforzar a protección social e cambiar o actual modelo produtivo, en liña coas 20 actuacións urxentes polo progreso e o benestar social que propoñen os sindicatos UGT e CCOO aos partidos políticos.

Tamén se observa que nunha fase de expansión económica como a que se vive a partir do ano 2014 os salarios seguen sen medrar como deberían. A actividade crece, medra o emprego pero a mala calidade do mesmo e o deterioro das condicións laborais que produciron as reformas do 2010 e do 2012 fan que os salarios non aumenten en consonancia.

OS BAIXOS SALARIOS E OS RECORTES IMPOSTOS SON OS RESPONSABLES DO INCREMENTO DOS NIVEIS DE POBREZA E EXCLUSIÓN SOCIAL

E isto impide que se recupere a demanda, e en consecuencia, estase freando a creación de emprego. Paralelamente, os baixos salarios, xunto cos recortes no sistema de protección social e nos servizos públicos esenciais, son responsables do aumento dos niveis de pobreza e de exclusión social nos últimos anos. No 2014, último dato dispoñible e facilitado polo IGE, o 22,11 por cento da poboación en Galicia atopábase en risco de pobreza ou exclusión social. A nivel estatal, España rexistra o cuarto nivel máis elevado de toda a UE.

Ademais, mentres os salarios diminúen, as empresas ven como se reducen as súas achegas ás arcas da Seguridade Social, o que está contribuíndo a aumentar o déficit desta institución esencial para o sistema de protección social.

Non é posible que os salarios sigan conxelados ou caendo, cando o PIB crece a un ritmo case do tres por cento. Non é admisible que a creación de emprego sexa de tan baixa calidade que, lonxe de supoñer unha mellora da calidade de vida das traballadoras e traballadores do noso país e das súas familias, siga traducíndose nun empeoramento das súas condicións de traballo e de vida porque a precariedade está a apropiarse do mercado laboral. Non é aceptable que mentres os asalariados viron recortados os seus soldos e a protección por desemprego drasticamente, as empresas reciban cada vez máis subvencións para a contratación que son ineficaces e moi custosas para as arcas do Estado, e que tan só serven para bonificar a precariedade, subvencionar a miseria laboral e financiar que as empresas vaian rebaixando as súas débedas por vía indirecta e inxusta.

OS SALARIOS TEÑEN QUE COMEZAR A CRECER PARA IMPULSAR O EMPREGO DE CALIDADE, FOMENTAR O CAMBIO DE MODELO PRODUTIVO, RECOMPOÑER OS INGRESOS DA SEGURIDADE SOCIAL E REDUCIR OS NIVEIS DE DESIGUALDADE E POBREZA

UGT non vai aceptar esta situación. Os salarios deben comezar a crecer de inmediato, de maneira clara e xeneralizada, con máis intensidade nos tramos máis baixos, para impulsar o emprego de calidade, fomentar o necesario cambio de modelo produtivo, recompoñer os ingresos da Seguridade Social e reducir as desigualdades e os niveis de pobreza.

Os partidos políticos que se presentan ás eleccións xerais do 26 de xuño deben comprometerse a levar a cabo políticas que dean cumprimento a estas premisas, como se propuxo desde UGT e CCOO co documento “20 actuacións urxentes polo progreso e o benestar social”, e que debe traducirse en actuacións concretas desde o primeiro día de mandato do próximo Goberno.

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE POLÍTICA SINDICAL, EMPREGO E SEGURIDADE SOCIAL DE UGT-GALICIA, LUÍS BANEIRA. TELÉFONO: 606649157.

CONTAS ECONÓMICAS TRIMESTRAIS. ESTRUTURA DA RENDA (%)


 

Remuneración dos asalariados (RA)

Excedente de explotación bruto / Renda mixta bruta

Impostos netos sobre a produción e as importacións

2000

46,5

43,4

10,1

2001

46,0

44,1

9,9

2002

46,1

44,0

9,9

2003

46,2

43,7

10,1

2004

45,7

44,0

10,3

2005

45,6

43,6

10,8

2006

45,6

43,8

10,5

2007

46,2

44,0

9,8

2008

46,9

45,0

8,1

2009

48,0

43,8

8,1

2010

46,9

44,1

9,0

2011

46,7

44,3

9,0

2012

45,3

45,0

9,7

2013

44,5

45,7

9,8

2014

44,6

45,5

9,9

2015

44,5

45,3

10,2

Fonte: Elaboración Gabinete económico UGT - Galicia a partir dos datos do IGE. Contas económicas trimestrais


 

Datos corrixidos de estacionalidade e calendario

Prezos correntes (millóns de euros)

2007

2015

Diferenza

Remuneración dos asalariados (RA)

26.116

24.905

-1.211

Excedente de explotación bruto / Renda mixta bruta

24.857

25.381

+523

Impostos netos sobre a produción e as importacións

5.528

5.683

+155

Fonte: Elaboración Gabinete económico UGT Galicia a partir dos datos do IGE. Contas económicas trimestrais



 

 



 

 

Fuente: UGT-Galicia