Dende o 2003 en Galicia foron asasinadas 68 mulleres e dúas no que vai de 2023
Ademais, tres menores vítimas da violencia vicaria dende o 2013 e 18 orfos. Preocupa o incremento das agresións sexuais con autores menores, 58 investigacións abertas no 2022
Fecha: 23 Nov 2023
UGT conmemora o 25N baixo o lema “Sindicalistas fronte ás violencias contra as mulleres e as súas causas” e demanda aumentar os recursos nesta loita e loitar contra os discursos negacionistas
Dende o 2003 en Galicia foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas 68 mulleres e dúas no que vai de 2023
Ademais, tres menores vítimas da violencia vicaria dende o 2013 e 18 orfos. Preocupa o incremento das agresións sexuais con autores menores, 58 investigacións abertas no 2022
Santiago, 23 de novembro de 2023. Co gallo da celebración este sábado do 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, UGT-Galicia insiste en que “fronte á violencia contra as mulleres, tolerancia cero” e fai un chamamento a toda a cidadanía para combater estas violencias tanto nos centros da traballo como no conxunto da sociedade e chama tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas que poñen en perigo os avances e revitimizan ás mulleres superviventes. Discursos que non poden seguir negando a realidade, que se fai máis que evidente no informe elaborado por UGT para este 25N, data que o Sindicato conmemora esta ano baixo o lema “Sindicalistas fronte ás violencias contra as mulleres e as súas causas”.
As cifras están aí, son escandalosas e indiscutibles. Ao abeiro da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, 1/2004, contabilízanse un total de 52 mulleres asasinadas pola súa parella ou exparella no que vai de 2023 (ata o 8 de novembro), dúas delas en Galicia, unha delas con denuncia previa e ningunha delas convivía xa co seu agresor.
Dende o 2003, 1.237 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas, máis dunha muller asasinada cada seis días. En Galicia foron 68, de media catro mulleres ao ano.
Os menores, vítimas tamén desta lacra por dúas vías. Vítimas da violencia vicaria, dende 2013 ata o 23 de xaneiro de 2023, 49 menores menores foron asasinados, tres deles en Galicia. Por outra banda, están os menores que quedan orfos ou orfas por mor desta violencia, 428 dende o 2013 ata o 8 de novembro de 2023, 18 en Galicia. No que vai de 2023 esta cifra xa ascende a 51, dous en Galicia.
As denuncias por violencia de xénero na parella ou exparella increméntanse. Dende o ano 2009 Galicia rexistra 84.898 denuncias
En canto ás denuncias, o número das presentadas e tramitadas por violencia de xénero na parella ou exparella vaise incrementando progresivamente. En 2022 superouse a serie histórica con 182.078 denuncias. En termos acumulados, dende o ano 2009, Galicia rexistrou 84.898 denuncias, segundo datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial.
No 2022 en Galicia os xulgados recibiron 7.029 denuncias, con 6.912 vítimas, un 11,1% máis que o ano anterior
O último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero indica que no segundo trimestre de 2023 o número de vítimas de violencia de xénero foi de 1.678, ás que hai que engadir as 1.732 do primeiro trimestre. O informe de 2022 da Delegación do Goberno contra o Violencia de Xénero indica que en Galicia os xulgados recibiron un total de 7.029 denuncias, un 12,3% máis que o ano anterior, e as mulleres vítimas de violencia machista foron 6.912, un 11,1% máis ca no 2021. Ao longo de 2022 un total de 1.349 homes foron rexistrados como denunciados por violencia de xénero nos asuntos con orde de protección ou medidas cautelares ditadas inscritos no rexistro, o que representa un 12% máis ca no ano anterior.
501 casos de agresións sexuais investigados no 2022 en Galicia
Por outra banda, segundo a memoria da Fiscalía Xeral do Estado de 2022, en Galicia os delitos de agresións sexuais investigados medraron de 426 en 2021 a 501 casos en 2022, o que supón un 17,6% máis.
A violencia contra as mulleres é a máxima expresión da desigualdade entre homes e mulleres e existen diversos tipos desta violencia, a violencia na parella ou exparella, como acabamos de ver; a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual; a violencia sexual; a mutilación xenital feminina, os matrimonios forzados...
De feito, os datos da Macroenquisa de violencia contra a muller de 2019 recollen que unha de cada dúas mulleres residentes en España de 16 ou máis anos sufriron violencia ao longo das súas vidas.
34 feminicidios, tres deles en Galicia, no 2022
Os feminicidios fóra da parella ou exparella comezaron a contabilizarse oficialmente dende o ano 2022. Así, os datos provisionais de feminicidios por outras violencias machistas en 2022 non perpetrados por parellas ou exparellas, segundo a Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, foron 34, dos cales o 61,8% foron familiares; o 11,8% foron sexuais; e o 26,5% sociais. En Galicia cífranse en tres.
O que resulta evidente, á vista dos datos, é que o fogar familiar segue a ser o lugar máis inseguro para as vítimas de violencia de xénero, tanto nos asasinatos cometidos polas parellas ou exparellas como nos feminicidios familiares.
UGT-Galicia alerta sobre o alarmante incremento das agresións sexuais de menores. Segundo a memoria da Fiscalía Xeral do Estado de 2022, as investigacións abertas por agresións sexuais con autores menores de idade en Galicia foron 58 no 2022, cando no 2019 foron 23.
Ademais, a Fiscalía advirte do aumento de delitos contra a liberdade sexual cometidos a través de internet e aqueles que se perpetran na contorna lúdica, na que é habitual a submisión química das vítimas con alcol ou outro tipo de substancias.
Violencia contra as mulleres no eido laboral
Outra das manifestacións da violencia contra as mulleres prodúcese no ámbito laboral. O acoso sexual e o acoso por razón de sexo son as expresións máis frecuentes desta violencia que sofren dunha forma abrumadoramente maioritaria as mulleres. Todas as traballadoras son susceptibles de sufrir acoso sexual e acoso por razón de sexo pero as máis expostas son as mulleres con peores condicións laborais. Factores de risco como a precariedade ou a realización do traballo en condicións de illamento son determinantes cando se analizan os perfís das vítimas. Neste senso, UGT-Galicia pon de manifesto que un dos principais problemas para abordar esta lacra no eido laboral é a carencia de datos oficiais ao respecto, pese ás reiteradas demandas do Sindicato ao respecto. Todo isto tamén desincentiva ás vítimas para denunciar os feitos.
Demandas
Fronte a esta lacra, tolerancia cero. UGT-Galicia insta ás forzas democráticas a reforzar o consenso e aumentar os recursos destinados a facer fronte ás violencias machistas, así como rexeitar de plano os discursos negacionistas que minimizan a súa incidencia e poñen en risco todo o avanzado.
UGT tamén insta a reforzar a educación en igualdade en todos os niveis co obxectivo de identificar a neutralizar estas violencias e desterrar estereotipos dende a infancia.
Tamén é necesario que os gobernos, tanto central, como autonómicos e locais, dediquen de xeito sostido e crecente os recursos necesarios, especialmente económicos, e que garantan en todos os ámbitos que lle son propios servizos de prevención e de atención integral ás vítimas.
UGT-Galicia insta ás forzas democráticas a que continúen reforzando como política de Estado os contidos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a que elaboren propostas máis ambiciosas e eficaces para a Estratexia estatal para combater as violencias machistas 2022-2025. O Pacto de Estado debe ser unha ferramenta permanente e o seu financiamento debe ser suficiente e estable, garantindo a plurianualidade dos seus fondos. Tamén se demanda unha rede pública de atención integral a todas as vítimas que lles asegure unha atención especializada e interdisciplinar 24 horas os 365 días do ano.
O eido laboral é fundamental para garantir a autonomía das mulleres sobreviventes ás violencias machistas. Este tamén debe ser un espazo seguro. Para todo isto, UGT reivindica a extensión dos dereitos laborais (suspensión de contratos, mobilidade xeográfica e funcional...) recoñecidos ás vítimas de violencia de xénero ás vítimas de violencias sexuais.
Neste senso, en canto aos contratos bonificados, malia os esforzos, a porcentaxe de vítimas que accede aos mesmos é exigua. Un total de 56 mulleres, en Galicia, no ano 2022, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero. A mesma consideración en relación aos 60 contratos de substitución realizados para o fomento de emprego destas vítimas en Galicia no 2022. Por iso, reclámase a revisión das políticas activas de emprego para estas mulleres e a formación específica dos operadores que interveñen.
Neste contexto, a ratificación do Convenio 189 sobre as traballadores e traballadores domésticos foi algo positivo, así como a entrada en vigor do Convenio 190 sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo. Agora toca a inmediata posta en marcha dos instrumentos necesarios para darlles o axeitado cumprimento.
Compromisos
No eido sindical, UGT comprométese a formar e sensibilizar ao seu activo sindical e cadros de persoal fronte ás violencias machistas. Así como, que os delegados e delegadas exerzan de barreira fronte a calquera manifestación de violencia contra as mulleres.
Tamén existe o compromiso de negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo previstos na lexislación e negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva que contribúan á erradicación das discriminacións, aos estereotipos e á violencia. Ademais disto, o Sindicato comprométese a colaborar coas administracións públicas e coas asociacións de mulleres co fin de erradicar estas violencias, así como a asesorar ás vítimas sobreviventes.
Finalmente, UGT-Galicia fai un chamamento ao conxunto da cidadanía a participar nos actos reivindicativos do 25N porque, “fronte á violencia contra as mulleres, nin un paso atrás”.