Dende hoxe ata o 31 de decembro as mulleres traballan gratis

Dende hoxe ata o 31 de decembro as mulleres traballan gratis


 

Santiago, 18 de novembro de 2021.- UGT arranca hoxe coa campaña #EuTraballoGratis, do 18 ó 31 de decembro, porque as mulleres españolas, de media, cobran un 11,9% menos que os homes, en salario/hora, segundo os datos de Eurostat. Isto supón 43 días ó ano traballando gratis, do 18 ó 31 de decembro. No caso de Galicia a brecha, por salario/hora, é dun 10,12%, o que suporía traballar gratis 37 días, dende o 24 de novembro. Aínda que hai que precisar que os datos de Galicia obtéñense da Enquisa de Estrutura Salarial que facilita o INE porque Eurostat non facilita datos por comunidades autónomas, polo que á hora de facer as comparacións hai que ter en conta estas diferenzas metodolóxicas.

Subindo o nivel de análise, os datos de Eurostat indican que na UE as mulleres cobran por hora un 14,1% menos que os homes de media. Isto equivale a 51 días de salario. Por este motivo, a Comisión Europea marcou o 10 de novembro como día simbólico para concienciar sobre o feito de que as traballadoras en Europa seguen gañando de media menos que os homes.

En España sumámonos a esta concienciación da poboación en relación á brecha salarial que soportan as mulleres asalariadas españolas coa campaña #EuTraballoGratis do 18 ó 31 de decembro de 2021 desenvolvida por UGT.


 


 


 


 


 


 


 

Calendario europeo de brecha salarial 2021


 

Brecha salarial

País

% Brecha salarial

Número de días ó ano traballados polas mulleres e non retribuídos (tomando como referencia 365 días)

Data dende a que as mulleres traballan de xeito gratuíto

Salario por hora traballada

Unión Europea

14,1

51

Dende o 10 de novembro ata finais de ano

Salario por hora traballada

España

11,9

43

Dende o 18 de novembro ata finais de ano

Salario por hora traballada

(elaborados os datos coa Enquisa de Estrutura Salarial do INE)

Galicia

10,12

37

Dende o 24 de novembro ata finais de ano


 

Aínda que dende hai 45 anos existe unha lexislación europea sobre igualdade salarial entre homes e mulleres, a brecha salarial de xénero na Unión Europea segue sendo inaceptablemente elevada, máis do 14% (10,12% en Galicia). Ó ritmo actual de progreso, moi lento, a igualdade salarial non se acadaría en toda a UE ata o próximo século (2104) e nunca se logrará nalgúns estados membros. E, segundo a Confederación Europea de Sindicatos (CES), ó ritmo actual a brecha salarial en España non se pechará ata o 2046.

O legado da COVID non pode ser máis desigualdade salarial, sobre todo, cando a maioría dos traballadores e traballadoras esenciais de primeira liña son mulleres

A necesidade de actuar faise máis urxente cando o impacto do brote do coronavirus ameaza con socavar os avances logrados en materia de igualdade de xénero. O legado da COVID non pode ser unha menor igualdade salarial, sobre todo, porque a maioría dos traballadores e traballadoras

esenciais e de primeira liña son mulleres. Non pode ser aceptable, se é que algunha vez o foi, referirse a estas traballadoras como pouco cualificadas. Demostraron o esenciais que son para as empresas, a organización, a sociedade e a economía. Dos 49 millóns de traballadores e traballadoras do sector asistencial na UE, preto do 76% son mulleres (78,3% en Galicia); as mulleres representan o 82% das traballadoras do comercio (80% en Galicia) e o 95% (95% tamén en Galicia) das persoas traballadoras da limpeza doméstica e axuda a domicilio. O papel esencial desempeñado por estas traballadoras durante a pandemia da COVID esixe volver a avaliar de xeito sistemático a súa remuneración, para que a súa verdadeira contribución se pague e valore axeitadamente.

A UE ten agora a oportunidade de pechar a brecha salarial de xénero. Pode facelo adoptando unha Directiva sobre transparencia salarial que faculte ás traballadoras para que se reevalúe o valor do seu traballo, agora infravalorado, e adoptando unha Directiva sobre salarios mínimos axeitados que eleve os salarios mínimos a un limiar de decencia e elimine obstáculos á negociación colectiva. É unha dobre oportunidade que non volverá a xurdir en moito tempo.

Dende o Comité de Mulleres da Confederación Europea de Sindicatos, vimos participando ó longo dos últimos anos, con campañas continuas para presionar á Comisión Europea a que aprobe unha Directiva sobre Transparencia Salarial, que garanta os instrumentos necesarios para coñecer as discriminacións salariais no eido laboral.

Acordo SMI, Decreto Igualdade Retributiva, Plan de Igualdade, convenios colectivos, Inspección de Traballo, rexistros retributivos ou auditorías salariais, todos instrumentos que hai que poñer en marcha para romper coas brechas salariais

En España contamos cun acordo de Salario Mínimo Interprofesional, que debemos seguir mantendo e reivindicando o seu aumento nos vindeiros anos, cun Real Decreto sobre Igualdade Retributiva, que vai permitir ás traballadoras españolas coñecer os motivos da súa discriminación salarial e eliminalos, corrixilos e previlos nun futuro a través dos Plans de Igualdade e os Convenios Colectivos. Ou ben, a través das demandas ante a Inspección de Traballo ou ante os xulgados correspondentes, xa que os Rexistros Retributivos, obrigatorios en todas as empresas españolas, e as Auditorías Salariais, obrigatorias para quenes teñen ou queren poñer en marcha un Plan de Igualdade, serán probas para poder demostrar a discriminación cara as mulleres.

Aínda que poñer en marcha todos estes resortes esixe de reforzos de medios, por exemplo na Inspección de Traballo, ou máis recursos económicos para abordar os plans de igualdade e os rexistros retributivos nas empresas.

Dende UGT-Galicia insístese en que a brecha salarial entre homes e mulleres é “o maior roubo da historia” ás mulleres e a toda a sociedade. É un roubo ás mulleres en canto a salarios, cotizacións para o desemprego e pensións.

É un roubo á sociedade en canto a cotizacións á Seguridade Social, en canto a impostos que non se satisfacen e en canto a emprego que non se crea. En definitiva, a brecha salarial é inxusta e prexudicial para as traballadoras, as propias empresas e o conxunto dos países.

Que ocorre no resto de Europa? Os datos son dispares, aínda que a media está no 14,1%, hai países con taxas moito máis elevadas, como Estonia (21,7%), Letonia (21,2%), Austria (19,9%) ou Alemaña (19,2%), ou países como Luxemburgo (1,3%) ou Romanía (3,3%), con medias moito máis baixas.

Fuente: UGT-Galicia