Declaración de UGT-Galicia e do S.N. de CCOO de Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega 2016

Fecha: 22 Jul 2016

Emprego precario e abandono do mercado laboral. Velaquí as notas definitorias da cacarexada «recuperación» de que alardea a Xunta de Galicia. O Goberno galego limitouse os últimos anos a facer o que se lle ordena desde Madrid, mentres permanece impasible diante do desmantelamento de sectores estratéxicos da economía galega. As únicas medidas adoptadas foron recorte sobre recorte, incluso alén do que pedía o Goberno do estado, o que lle valeu a esta Comunidade ser considerada a alumna avantaxada da escola dos recortes, a campioa da austeridade.

Na Galicia actual, nove de cada dez contratos realizados son de carácter temporal, isto é, nacen xa con data de caducidade, o que impide concretar proxectos de vida e de futuro e, polo tanto, entorpece as posibilidades de recuperación económica do noso país. Ao tempo, as políticas promovidas pola Xunta tradúcense en perda de dereitos sociais, conxelacións ou reducións de salarios e prestacións… Unha Galicia máis empobrecida, en resumo. E, por riba, desmantelamento ou privatización de numerosos servizos públicos cando máis necesarios son e que poderían axudar a aliviar a precaria situación de milleiros de familias.

Nunha data tan significativa como o Día da Patria Galega, o noso principal desexo é que Galicia conte, o antes posible, cun Goberno que atenda aos problemas do país, que son precisamente os problemas dos milleiros de galegas e galegas que sofren tanto o drama do desemprego como o da pobreza laboral, o peso dos recortes ou os rigores dunha política fiscal pouco equitativa.

Galicia precisa un novo modelo produtivo, baseado nos bens e servizos de alto valor engadido. Un novo sistema con maior peso da industria e no que a competitividade se procure a través do investimento e da innovación, non dos baixos prezos e salarios. Galicia necesita un cambio de políticas e de Goberno, porque os actuais responsables da Xunta probaron a súa incapacidade. Abonda como exemplo a derradeira intervención parlamentaria do seu presidente neste mes de xullo, centrada en ridiculizar e en explotar as súas aparentes contradicións, e obviando expor proxectos de futuro para o país, malia que haberá eleccións á volta do verán.

Se a Xunta non ten propostas, o movemento sindical si as ten e citaremos só unhas poucas: reforzamento do peso do sector industrial, recuperar e reorientar a construción, avanzar en servizos de calidade e valor engadido e aproveitar as vantaxes competitivas do sector primario; potenciar a integración da economía galega nos fluxos internacionais, con especial atención á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; aproveitar a posición xeográfica estratéxica de Galicia para os tráficos comerciais no Atlántico; apostar pola innovación, a formación e o capital humano como as variables competitivas para o futuro da economía galega; promover un modelo de crecemento económico eficiente en termos de xeración de emprego, o que implica unha política de emprego que favoreza a incorporación das persoas o mercado laboral; avanzar no obxectivo da converxencia económica e social de Galicia cos valores medios de España e, no medio prazo, da Unión Europea.

Se o Goberno de Galicia abdica das súas responsabilidades, o pobo galego poderá contar en todo momento co sindicalismo de clase que encarnamos UGT e CCOO, organizacións amplamente lexitimadas para facermos estas propostas, tanto pola nosa afiliación —maior que a de calquera outra entidade social— como polo apoio que nos outorga a maioría de traballadoras e traballadoras do país nas eleccións sindicais.

Se o Goberno de Galicia renuncia a mellorar as condicións de vida e de traballo da cidadanía mediante un cambio de políticas, o sindicalismo de clase que representamos UGT e CCOO continuaremos a loitar para melloralas no ámbito que nos é propio: a negociación colectiva, que hoxe por hoxe é a mellor vía para que saiamos da crise sen perda de dereitos.



 



 

Fuente: UGT-Galicia