Declaración de UGT-Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega de 2017

Fecha: 24 Jul 2017

Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, a Comisión Executiva de UGT-Galicia quere, en primeiro lugar, trasladarlle a toda a cidadanía galega parabéns pola celebración do seu Día.

Unha data que serve para a celebración pero na que tamén, de seguro, haberá un espazo para a lembranza das vítimas do sinistro de Angrois, o sentir polos falecidos que permanecen na memoria de todos aínda catro anos despois do tráxico suceso, o sentir polas súas familias e tamén o sentir por todos aqueles que se salvaron pero que aínda padecen secuelas, tanto físicas como psíquicas.

Unha data que tamén debe servirlle aos galegos para a reivindicación, para demandar un presente e un futuro mellor para Galicia e para os seus cidadáns. Porque, despois de tres anos de crecemento, a percepción das familias traballadoras non é tan positiva e as propias estatísticas oficiais mostran que o crecemento da economía non se está repartindo por igual entre toda a poboación.

Se ben é certo que en Galicia a riqueza xerada recuperou os niveis previos á crise e os beneficios empresariais superaron tamén ese nivel pre crise, nin a cantidade de empregos, nin a súa calidade, nin a renda dos traballadores alcanzaron devandito nivel.

UGT-Galicia lembra que a deterioración da calidade do emprego mediante fórmulas de flexibilidade están a facer desaparecer de xeito acelerado o concepto de emprego estable e con dereitos. Apenas o 48 por cento das persoas asalariadas teñen un contrato indefinido a tempo completo, mentres a recuperación do emprego a están a protagonizar os contratos a tempo parcial e os temporais.

Neste contexto, as traballadoras e os traballadores pobres e o número de persoas que caen baixo do limiar da pobreza e a exclusión social esténdense, consolidando a fractura social e a sociedade dual.

A recuperación está a ser unha quimera para os galegos. A perda de emprego, 166.000 na crise, aínda está lonxe de recuperarse. O paro de longa duración xa afecta a 110.000 persoas e hai case 37.000 fogares nos que non hai ningunha persoa perceptora de ingresos.

Ante esta situación existe unha clara falta de apoio por parte das administracións cunha taxa de cobertura baixo mínimos.

A isto hai que sumarlle a situación dos que si traballan pero con salarios cada vez máis baixos.

Nesta data de celebración para todos os galegos, UGT-Galicia pide para eles maior calidade de vida e, para iso, urxe que o Goberno galego lle de xa un cambio de rumbo ás súas políticas económicas para crear un modelo de crecemento equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, á vez que é urxente a diminución das desigualdades.

Para iso, UGT-Galicia aposta por un plan de choque polo emprego; por un plan industrial de carácter estratéxico con instrumentos tanto sectoriais como territoriais; tamén urxe dinamizar as zonas rurais; e os servizos públicos teñen que recuperar o seu papel fundamental dentro do estado de benestar para o que habería que acometer un pacto pola educación a sanidade, a xustiza e os servizos sociais.

Para todo isto, é preciso que o Goberno galego, dentro da capacidade fiscal propia e transferida, introduza criterios de equidade e unha maior capacidade financeira cara o tecido produtivo e a cidadanía galega. É preciso un sistema tributario potente en termos de recadación no que proporcionalmente pague máis quen de máis recursos económicos dispoña.​

Fuente: UGT-Galicia