Declaración de UGT-Galicia con gallo do 25 de Xullo

Nesta data, UGT aposta por unha Galicia con máis diálogo social, con máis e mellor emprego, mellor acceso á vivenda, que mellore a tendencia demográfica, por unha industria estratéxica, mellores infraestruturas e que aproveite o seu potencial enerxético

Fecha: 24 Jul 2025

25xullo25



 

Declaración de UGT-Galicia con gallo do 25 de Xullo 

Nesta data, UGT aposta por unha Galicia con máis diálogo social, con máis e mellor emprego, mellor acceso á vivenda, que mellore a tendencia demográfica, por unha industria estratéxica, mellores infraestruturas e que aproveite o seu potencial enerxético



 

Santiago, 24 de xullo de 2025.- Co gallo da celebración, mañá, do Día de Galicia, a Comisión Executiva de UGT-Galicia transmítelle, en primeiro lugar, a toda a cidadanía galega os parabéns pola celebración da súa data máis sinalada. Data que se vai celebrar, un ano máis, nun contexto cheo de incertezas polo panorama a nivel internacional, con conflitos bélicos que parecen non ter fin, o que xera inestabilidade, e a nivel nacional, o país está inmerso nun contexto enrarecido no eido político, situación que ten consecuencias e trasládase ao conxunto da sociedade.

Nesta conxuntura, UGT-Galicia segue a por en valor o diálogo social como unha ferramenta que se mostrou e segue a mostrarse sobradamente útil para adaptar a realidade do país a cada un dos contextos que se foron presentando co fin de que a poboación, sobre todo a clase traballadora, sufrise o menos posible as consecuencias desta adaptación. Para o Sindicato, de cara ao futuro, hai que seguir apostando por esta ferramenta para reforzar o crecemento económico, o estado de benestar, a creación de emprego de calidade ou unhas pensións dignas. Tamén é o momento de demandar unha defensa sólida e férrea dos dereitos conseguidos ante as ameazas continuas da ultradereita e de certos sectores da sociedade dedicados á axitación social que cuestionan todos os logros e avances conseguidos neste país nos últimos anos.

No momento decisivo de cambio actual, Galicia ten que elixir o seu rumbo para afrontar un futuro que vai estar marcado pola globalización, a dixitalización e todo baixo o paraugas dunha sostibilidade que debemos autoesixirnos. O reto demográfico debe ser un dos principais obxectivos así como acadar unha política en materia habitacional que permita o acceso a unha vivenda digna para toda a cidadanía e afrontar así proxectos vitais cun horizonte de futuro. 

Outro dos obxectivos no que se debe traballar como sociedade é na revalorización do rural, converter este espazo nunha alternativa real provista das ferramentas necesarias para que as persoas, as familias, se poidan asentar neste contexto, poidan traballar nel e afrontar no rural e dende o rural o seu proxecto de vida.

Galicia tamén precisa crecer economicamente e mellorar os seus niveis de produtividade, así como os seus indicadores en materia de emprego. O tecido económico galego ten numerosas eivas que precisa corrixir, falta de dimensión, escasa dixitalización e, no laboral, taxas de ocupación e actividade moi diminuídas. 

Se ben é certo que a nivel industrial a nosa Comunidade conta con certas potencialidades, hai que actualizar e reinventar o tradicional pero apostar tamén dun xeito decidido por sectores de alto valor engadido como o tecnolóxico. 

Para traballar por estes retos, cóntase cunha ferramenta, os fondos europeos, para camiñar cara o cambio de modelo produtivo marcado por actividades de alto valor engadido que avancen na dixitalización e na transición cara unha economía verde sen deixar a ninguén atrás.

Pero todo isto é impensable sen un trazado de infraestruturas moderno e interconectado.

En termos máis humanos, na modernización do tecido produtivo galego, xogará un papel clave o capital humano, polo que hai que garantir a súa formación e capacitación profesional. Aquí hai que apostar decididamente pola innovación, estimulando, retendo e captando talento. 

Retos todos eles que deben ser abordados baixo o paraugas da sostibilidade. Hai que afrontar o futuro cun modelo de desenvolvemento medioambientalmente sostible e socialmente inclusivo.

Unha data para a lembranza das vítimas das guerras de Ucraína e Gaza e para as vítimas do sinistro de Angrois que hai 12 anos sacudiu á sociedade galega

Para UGT, esta data ten que converterse nunha xornada de celebración para todos e todas as galegas pero tamén nunha xornada reivindicativa e de lembranza. Lembranza das vítimas dunhas guerras cruentas e inxustas, tanto a de Ucraína como a de Gaza, e lembranza tamén nesta data para as vítimas e as súas familias do sinistro ferroviario de Angrois que hai 12 anos sacudiu á sociedade galega na xornada previa ao 25 de xullo. 

Neste Día de Galicia, dende UGT esiximos un presente e un futuro mellor para todas as galegas e galegos. 



 

Fuente: UGT-Galicia