Declaración de UGT-Galicia con gallo do 25 de Xullo
Galicia está nun momento decisivo, de cambio, ten que elixir o seu rumbo nun contexto marcado pola globalización, dixitalización e sostibilidade
Fecha: 24 Jul 2024
Declaración de UGT-Galicia con gallo do 25 de Xullo
Galicia está nun momento decisivo, de cambio, ten que elixir o seu rumbo nun contexto marcado pola globalización, dixitalización e sostibilidade
UGT-Galicia aposta por unha Galicia competitiva e con emprego de calidade
Santiago, 24 de xullo de 2024.- Co gallo da celebración, mañá, do Día de Galicia, a Comisión Executiva de UGT-Galicia transmítelle, en primeiro lugar, a toda a cidadanía galega os parabéns pola celebración da súa data máis sinalada. Data que se vai celebrar, un ano máis, nun contexto cheo de incertezas polo panorama a nivel internacional, con dous conflitos bélicos que parecen non ter fin, o que xera inestabilidade económica e nos prezos.
Nesta conxuntura, UGT-Galicia segue a por en valor o diálogo social como unha ferramenta que se mostrou sobradamente útil para adaptar a realidade do país a cada un dos contextos que se foron presentando co fin de que a poboación, sobre todo a clase traballadora, sufrise o menos posible as consecuencias desta adaptación. Para o Sindicato, de cara ao futuro, hai que seguir apostando por esta ferramenta para reforzar o crecemento económico, o estado de benestar, a creación de emprego de calidade ou unhas pensións dignas. Tamén é o momento de non titubear na defensa de todos os dereitos conseguidos en materia de igualdade ou diversidade sexual.
No momento decisivo de cambio actual, Galicia ten que elixir o seu rumbo para afrontar un futuro que vai estar marcado pola globalización, a dixitalización e todo baixo o paraugas dunha sostibilidade que debemos autoesixirnos. O reto demográfico debe ser un dos principais obxectivos porque, de continuar a tendencia actual, a perda poboacional podería ser dun 5%.
Outro dos obxectivos no que se debe traballar como sociedade é na revalorización do rural, converter este espazo nunha alternativa real provista das ferramentas necesarias para que as persoas, as familias, se poidan asentar neste contexto, poidan traballar nel e afrontar no rural e dende o rural o seu proxecto de vida e non como unha prolongación do urbano, senón como un espazo con entidade propia.
Galicia tamén precisa crecer economicamente e mellorar os seus niveis de produtividade, así como os seus indicadores en materia de emprego. O tecido económico galego ten numerosas eivas que precisa corrixir, falta de dimensión, escasa dixitalización e, no laboral, taxas de ocupación e actividade moi diminuídas.
Se ben é certo que a nivel industrial a nosa Comunidade conta con certas potencialidades, hai que actualizar e reinventar o tradicional pero apostar tamén dun xeito decidido por sectores de alto valor engadido como o tecnolóxico. Chegado este punto, hai que apostar polo agrupamento empresarial, xa que o decorrer da historia demóstranos que as grandes empresas resisten mellor as crises que o modelo de microempresas que impera en Galicia.
Para traballar por este reto, cóntase cunha ferramenta, os fondos europeos, para avanzar cara o cambio de modelo produtivo marcado por actividades de alto valor engadido que avancen na dixitalización e na transición cara unha economía verde sen deixar a ninguén atrás.
Pero todo isto é impensable sen un trazado de infraestruturas moderno e interconectado.
En termos máis humanos, na modernización do tecido produtivo galego, xogará un papel clave o capital humano, polo que hai que garantir a súa formación e capacitación profesional. Aquí hai que apostar decididamente pola innovación, estimulando, retendo e captando talento.
Retos todos eles que deben ser abordados baixo o paraugas da sostibilidade. Hai que afrontar o futuro cun modelo de desenvolvemento medioambientalmente sostible e socialmente inclusivo.
Unha data para a lembranza das vítimas das guerras de Ucraína e Gaza e para as vítimas do sinistro de Angrois que hai 11 anos sacudiu á sociedade galega
Para UGT, esta data ten que converterse nunha xornada de celebración para todos e todas as galegas pero tamén nunha xornada reivindicativa e de lembranza. Lembranza das vítimas dunhas guerras cruentas e inxustas, tanto a de Ucraína como a de Gaza, e lembranza tamén nesta data para as vítimas e as súas familias do sinistro ferroviario de Angrois que hai 11 anos sacudiu á sociedade galega na xornada previa ao 25 de xullo.
Neste Día Nacional de Galicia, dende UGT esiximos un presente e un futuro mellor para todas as galegas e galegos.