Cun incremento da sinistralidade do 7,12% en Galicia, urxe un Plan de choque e unha actualización da Lei de prevención
Fecha: 30 Ago 2024
A seguridade e saúde no traballo deben ser unha prioridade na axenda política
Nos seis primeiros meses xa van rexistrados nesta Comunidade 14.098 accidentes, con 30 falecidos, co terceiro índice de incidencia en sinistros mortais máis elevado do Estado
Hai que atallar xa os accidentes laborais. As estatísticas non deixan lugar a dúbidas, esta segue a ser unha das grandes lacras do mercado laboral en Galicia, nos seis primeiros meses do ano, segundo as últimas cifras facilitadas polo Ministerio de Traballo e Economía Social, rexistráronse un total de 14.098 sinistros, con 30 persoas falecidas. Pero é que no 2023 pechado, segundo datos do ISSGA, a sinistralidade total, en relación ao 2022, incrementouse nun 7,12%, ao pasar de 28.402 a 30.423 sinistros nesta Comunidade. Tamén é moi preocupante o número de falecidos, 56. É evidente que algo está a fallar, polo que urxe extremar a vixilancia para que se cumpra a Lei.
As cifras están aí. No ano 2023 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 30.423 accidentes laborais (xornada e in itinere), o que supón unha subida dun 7,12% en relación ao 2022, cando eran 28.402 os sinistros rexistrados.
Deste total, 29.957 foron accidentes de carácter leve, 410 graves e 56 mortais.
Segundo o lugar no que tivo lugar o sinistro, a maioría, 27.274, prodúcense na xornada laboral e 3.149 “in itinere”. Dos mortais, 50 son en xornada e 6 “in itinere”; dos leves, 26.860 en xornada e 3.097 “in itinere”; e dos graves, 364 en xornada e 46 “in itinere”.
Por sectores (excluíndo os “in itinere” que non son desagregados polo ISSGA), o servizos é o que máis sinistros rexistrou, 14.081; seguido da industria, 7.047; construción, 4.261; agricultura, 1.179; e pesca, 706. En canto aos mortais, destacan as 22 persoas falecidas no sector servizos. Na agricultura rexistráronse 7 mortes, 8 na industria, 10 na construción e 3 na pesca. En canto aos graves, os máis numerosos foron nos servizos, 140; 103 na construción; 67 na industria; 24 na agricultura; e 30 na pesca.
Territorialmente (agora si cos “in itinere” que o ISSGA si detalla), é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 13.170 (12.602 no 2022) e con 24 mortais (22 no 2022). Pontevedra rexistrou 10.662 (9.363 no 2022), con 18 mortais (39 no 2022); Lugo, 3.277 (3.195 no 2022), con 8 falecidos (7 no 2022); e Ourense, 3.314 (3.242 no 2022), con 6 persoas mortas (5 no 2022).
Infartos e outras patoloxías non traumáticas son as causas que ocasionan máis accidentes mortais. Urxen medidas que reduzan os riscos psicosociais
Dentro dos accidentes laborais mortais en xornada, 50, 46 onde o home foi a vítima e 4 no caso das mulleres, (excluíndo os “in itinere” porque o ISSGA tampouco fai esta desagregación), 21 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas. Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais. Tamén hai que destacar que 12 mortes producíronse por choques ou golpes contra obxectos en movemento.
7 foron as persoas falecidas por caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles. 7 mortes foron ben por amputacións ou atrapamentos. Dous por contacto coa corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas. E unha morte por afogamento ou sepultamento.
Galicia está entre as tres comunidades autónomas con índices de incidencia máis elevados en sinistros mortais
En canto ó índice de incidencia, en Galicia este situouse, segundo o ISSGA, en 2.640,63, subindo un 5,14% en relación ao ano 2022. E no relativo aos accidentes mortais, foi no 2023 do 4,84, destacando o 21,27 da agricultura ou o 17,73 da pesca. Para facer a comparativa co resto das comunidades autónomas, hai que ir aos datos do Ministerio de Traballo. A cifra galega é das máis elevadas, moi por enriba da media nacional, 2,92. De feito, Galicia só se ve superada, en índice de incidencia de sinistros mortais, por Cantabria, cun 4,96, e por La Rioja, cun 9,89.
En canto á sección de actividade económica, segundo datos do Ministerio de Traballo e excluídos os “in itinere”, xa que non os ofrece, no 2023 nesta Comunidade, a industria manufactureira é a que máis sinistros rexistrou, 6.388. Seguida esta da construción, 4.263, e do comercio ao por maior e menor e reparación de vehículos, con 3.432 sinistros.
UGT denuncia a infradeclaración das enfermidades profesionais, sobre todo, nos cancros de orixe laboral, con tan só dúas comunicacións en todo o 2023. Tan só 775 casos rexistrados en Galicia con baixa e 564 sen baixa
Mención aparte merecen as enfermidades profesionais, con tan só 775 casos rexistrados en Galicia no 2023 con baixa e 564 sen baixa, o que evidencia a súa infradeclaración. Deste total, 567 corresponden ó denominado grupo II (enfermidades causadas por axentes físicos). Estas son as que ocasionan baixa. E, sen baixa, 417. Séguenlle os 110 casos do grupo IV (enfermidades causadas por inhalación de substancias e axentes), ás que lle hai que sumar 60 sen baixa. 30 do grupo I (axentes químicos) e 16 sen baixa. 33 do III (axentes biolóxicos) e 28 sen baixa. 33 do V (enfermidades profesionais da pel) con 43 sen baixa. E 2 do grupo VI, enfermidades profesionais causadas por axentes carcinóxenos. Por sectores, os que máis acumulan son industria, con 635 (sumadas as de baixas e sen baixa), seguida do sector servizos, con 523.
Para UGT, o procedemento de notificación e o rexistro son inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito. Ademais de ter un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa a súa infradeclaración é no caso dos cancros de orixe laboral. No 2023 tan só comunicáronse dous casos do grupo VI (enfermidade profesional causada por axentes carcinóxenos). Isto contrasta coa estimación de que en España anualmente falecen 8.700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais.
Ante esta situación, UGT propuxo unha batería de accións ante a Mesa de Diálogo social en materia de prevención de riscos laborais, aberta actualmente. Para empezar, UGT suxire unha actualización da Listaxe de Enfermidades Profesionais, así como a inclusión das patoloxías relacionadas cos riscos psicosociais no Cadro Español de EEPP. Nesta revisión, tamén se debe dotar á listaxe de enfermidades profesionais de perspectiva de xénero, incluíndo patoloxías relacionadas con actividades feminizadas, así como as actividades con alta presenza de mulleres para aquelas patoloxías que xa están presentes.
É un feito que moitas das actuais enfermidades relacionadas co traballo teñen unha orixe multicausal e non exclusivo do traballo, como é o caso dos cancros e as enfermidades cardiovasculares. Debido a isto, moitas das que teñen unha orixe laboral non son consideradas como tales. Por tanto, expomos a modificación do concepto de enfermidade profesional (Art. 157 TRLGSS), para que non se esixa a exclusividade da causa laboral, senón que sexa causa prevalecente.
Desde UGT, reivindicamos a creación de dous rexistros: un para casos de exposición a axentes canceríxenos e outro para casos en que non hai exposición. Paralelamente, continuamos reclamando que a COVID-19 sexa incluída no Grupo 3 (causadas por axentes biolóxicos) da listaxe española de enfermidades profesionais, en liña co establecido pola Recomendación Europea relativa ás enfermidades profesionais, na que xa se incluíu a COVID-19.
Lembramos que esta elevada infradeclaración supón un alto custo, non só para os traballadores e traballadoras que sofren enfermidades profesionais, os cales se ven privados tanto do recoñecemento social como de certas prestacións, senón tamén para o sistema público de saúde, ao cal se derivan os custos que deberían ser asumidos polas Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social.
Galicia, nos seis primeiros meses do ano 2024 xa rexistra 30 falecidos, co terceiro índice de incidencia de sinistros mortais máis elevado do Estado
Nos seis primeiros meses de 2024, segundo os datos do Ministerio de Traballo, Galicia rexistrou un total de 14.098 sinistros (incluídos os “in itinere”). Destes, 13.868 foron leves; 200 graves; e 30 resultaron mortais. Así, Galicia foi a quinta Comunidade con máis falecidos, por enriba estarían Andalucía, Cataluña, Madrid e Valencia, todas elas con moita máis poboación asalariada. De feito, Galicia rexistra o terceiro índice de incidencia de sinistros laborais mortais máis elevado, de 0,416 puntos, moi por enriba dos 0,246 da media estatal, e só superada por Extremadura e Navarra.
Por provincias, A Coruña rexistrou 6.295 sinistros; Pontevedra, 4.716; 1.560, Ourense; e 1.527, Lugo.
Nos seis primeiros meses do ano a industria manufactureira foi a que máis accidentes rexistrou, 2.987; seguida da construción, con 1.982; do comercio e reparación de vehículos, con 1.662; e Actividades administrativas e servizos auxiliares, con 1.102. Todas estas actividades por enriba dos 1.000 sinistros laborais rexistrados.
O Ministerio tamén desglosa os índices de incidencia por sectores de actividade, o que nos dá unha idea máis próxima da sinistralidade ao relacionala co número total de asalariados nesta actividade. Segundo isto, nos seis primeiros meses do ano, en Galicia a construción é o sector que rexistra un maior índice de incidencia, de 409,0; seguido da industria, 367,3; agrario, 299,1; e servizos, 141,6.
Modernizar a Lei de Prevención
É necesario acabar coa secuela da sinistralidade laboral de maneira urxente, polo que UGT-Galicia insiste en que a Mesa de Diálogo Social, actualmente aberta, negocie un Plan de Choque, ademais dos cambios normativos para adecuar a lexislación en materia preventiva ás novas realidades do mundo do traballo, así como mellorar a xestión preventiva e acabar coa mercantilización dos servizos de prevención.
Igualmente, o sindicato recalca a importancia de regular a xestión dos riscos psicosociais de orixe laboral de forma diferenciada para conseguir previr os danos á saúde mental das persoas traballadoras. Non hai que esquecer que os infartos e derrames cerebrais son a primeira causa de morte en accidente laboral, estas patoloxías poderían estar relacionadas coa exposición a riscos psicosociais e no 2023 cobráronse a vida de 21 persoas traballadoras.
Por iso, UGT reclama un aumento de recursos humanos e materiais para a Inspección de Traballo e, ata que isto leve a cabo, propón que se analicen fórmulas alternativas como, habilitar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como “auxiliares ou colaboradores” da Inspección de Traballo no cumprimento preventivo, cando se constaten situacións constitutivas de infraccións graves ou moi graves.
O sindicato demanda tamén que se destinen maiores recursos a Fiscalía especializada e así como a creación de xulgados especializados en seguridade e saúde no traballo, de igual maneira que o fai a Fiscalía na súa última Memoria.
Ademais, reivindica a creación dunha figura similar á do Delegado/a Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que é unha realidade que os centros de traballo sindicalizados son centros máis seguros. A creación desta figura axudaría a mellorar a prevención nas PEMES do noso país que non ten representación sindical. En paralelo, propón que se recoñeza crédito horario para os delegados e delegadas de prevención.
UGT-Galicia tamén insta aos partidos políticos a que se comprometan a que a seguridade e saúde no traballo sexa unha prioridade na súa axenda. A prevención de riscos laborais e o coidado da saúde laboral debe ser materia prioritaria nas mesas de diálogo social, tanto a nivel do Estado como en Galicia e tamén urxe un plan de choque negociado cos axentes sociais.
Fai falta máis investimento
UGT-Galicia tamén denuncia o escaso investimento das empresas en prevención de riscos laborais, e é que seguen vendo a prevención como un custo, non como un investimento. A Comisión Europea sinala que, por cada euro investido en saúde e seguridade no traballo, a ganancia que obtén o empregador é máis ou menos o dobre. Por tanto, investir en prevención e cumprir coa normativa, non só é unha obrigación moral e legal, tamén supón un beneficio para a propia empresa, para as persoas traballadoras e para a sociedade no seu conxunto.
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA, EN XORNADA E IN ITINERE
AVANCE XANEIRO-XUÑO 2024 (MINISTERIO DE TRABALLO E ECONOMÍA SOCIAL)
EN XORNADA IN ITINERE
| TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS | TOTAL | LEVES | GRAVES | MORTAIS |
GALICIA | 12.627 | 12.422 | 179 | 26 | 1.471 | 1.446 | 21 | 4 |
CORUÑA | 5.652 | 5.572 | 73 | 7 | 643 | 637 | 6 | - |
LUGO | 1.400 | 1.367 | 26 | 7 | 127 | 123 | 3 | 1 |
OURENSE | 1.452 | 1.435 | 17 | - | 108 | 108 | - | - |
PONTEVEDRA | 4.123 | 4.048 | 63 | 12 | 593 | 578 | 12 | 3 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE
GALICIA 2023 (ISSGA)
| LEVES | GRAVES | MORTAIS | TOTAIS |
En xornada de traballo | 26.860 | 364 | 50 | 27.274 |
“In itinere” | 3.097 | 46 | 6 | 3.149 |
TOTAL | 29.957 | 410 | 56 | 30.423 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE
A CORUÑA 2023 (ISSGA)
| LEVES | GRAVES | MORTAIS | TOTAIS |
En xornada de traballo | 11.783 | 142 | 22 | 11.947 |
“In itinere” | 1.199 | 22 | 2 | 1.223 |
TOTAL | 12.982 | 164 | 24 | 13.170 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE
LUGO 2023 (ISSGA)
| LEVES | GRAVES | MORTAIS | TOTAIS |
En xornada de traballo | 2.947 | 59 | 8 | 3.014 |
“In itinere” | 255 | 8 | - | 263 |
TOTAL | 3.202 | 67 | 8 | 3.277 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE
OURENSE 2023 (ISSGA)
| LEVES | GRAVES | MORTAIS | TOTAIS |
En xornada de traballo | 3.014 | 37 | 5 | 3.056 |
“In itinere” | 255 | 2 | 1 | 258 |
TOTAL | 3.269 | 39 | 6 | 3.314 |
ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA POR GRAVIDADE
PONTEVEDRA 2023 (ISSGA)
| LEVES | GRAVES | MORTAIS | TOTAIS |
En xornada de traballo | 9.116 | 126 | 15 | 9.257 |
“In itinere” | 1.388 | 14 | 3 | 1.405 |
TOTAL | 10.504 | 140 | 18 | 10.662 |