Cun incremento da sinistralidade de máis do 18% en Galicia no último ano e unha suba do 24,6% nos seis primeiros meses de 2022, urxe un Plan de choque

Fecha: 17 Ago 2022

Chegou o momento de reformar a Lei de Prevención para adaptala ás novas realidades, como as ondas de calor

Nos seis primeiros meses do ano Galicia é a Comunidade que maior índice de incidencia de accidentes mortais rexistra

Hai que atallar xa os accidentes laborais. As estatísticas non deixan lugar a dúbidas, esta segue a ser unha das grandes lacras do mercado laboral en Galicia, no primeiro semestre  do ano, segundo as últimas cifras facilitadas polo Ministerio de Traballo e Economía Social, a sinistralidade aumentou nun 24,6% en relación ao mesmo período do ano anterior. Pero é que en relación ao 2021 pechado, segundo datos do ISSGA, a sinistralidade aumentou, con respecto ao ano anterior, nesta Comunidade nun 18,3%. É evidente que algo está a fallar, polo que urxe extremar a vixilancia para que se cumpra a Lei.

As cifras están aí. No ano 2021 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 26.402 accidentes laborais, o que supón un incremento dun 18,3 por cento en relación ó ano anterior, cando se contabilizaban 22.318 accidentes.

Deste total, 25.939 foron accidentes de carácter leve, 415 graves e 48 mortais. A isto hai que sumarlle os accidentes “in itinere”, un total de 2.589 no 2021, un 17,2% máis que no 2020. Destes, 2.544 foron leves, 40 graves e 5 mortais.

Por sectores (excluíndo os “in itinere” que non son desagregados polo ISSGA), o servizos é o que máis sinistros rexistrou, 13.430; seguido da industria, 6.689; construción, 4.205; agricultura, 1.337; e pesca, 741. En todos eles deuse un aumento en relación ó ano anterior, excepto na pesca.

Territorialmente, é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 11.733 (máis 1.069 “in itinere”) e con 22 mortais (máis dous “in itinere”). Pontevedra rexistrou 8.941 (máis 1.043 “in itinere”), con 15 mortais (máis 2 “in itinere”); Lugo, 2.965 (máis 228 “in itinere”), con 5 falecidos (máis 1 “in itinere”); e Ourense, 2.763 (máis 249 “in itinere”), con 6 persoas mortas durante a súa xornada laboral.

 

Infartos e outras patoloxías non traumáticas son as causas que ocasionan máis accidentes mortais. Urxen medidas que reduzan os riscos psicosociais

Dentro dos accidentes laborais mortais en xornada, 48 (excluíndo os “in itinere” porque o ISSGA tampouco fai esta desagregación), 25 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas. Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais.

A segunda causa de morte, con 9 persoas falecidas, foron as caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles. 6 mortes foron ben por amputacións ou atrapamentos. 5 por choques ou golpes contra obxectos en movemento. Unha por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas. E outra por afogamentos ou sepultamentos. A todo isto hai que engadirlle as 5 persoas falecidas “in itinere”, no traslado do fogar ó traballo ou á inversa.

En canto ó índice de incidencia, accidentes por cada 100.000 traballadores, en Galicia este foi no 2021 de 2.630,95, un 16,36% máis elevado que o ano anterior. Este índice, no caso dos sinistros mortais, situouse no 4,78.

Tampouco se poden esquecer os accidentes de traballo rexistrados, segundo o ISSGA, nos que non foi necesaria a baixa, 14.627 no ano 2021 en Galicia.

En canto ás actividades económicas, segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, no 2021 nesta Comunidade, a industria manufactureira é a que máis sinistros rexistrou, 6.169. Seguida esta da construción, 4.217; comercio ó por maior e menor, reparación de vehículos e motor, con 3.357; 2.510 nas actividades administrativas e servizos auxiliares; 2.072 no transporte e almacenamento; ou 2.054 na agricultura, gandería, silvicultura e pesca. Despois, descenden dos 2.000 no caso das actividades sanitarias e de servizos sociais, con 1.844, ou administración pública e defensa e Seguridade Social, con 1.020, ou a hostalería, con 1.407.

 

Incluír a COVID-19 no listado de enfermidades profesionais e atender no eido laboral á COVID persistente

O Ministerio tamén achega datos dos accidentes con baixa por COVID-19. En Galicia no 2021 rexístranse 355 casos e nos cinco primeiros meses de 2022 foron 66. Neste senso, UGT-Galicia insiste en que neste país a COVID-19 segue sen estar incluída no listado de enfermidades profesionais, o que provoca que moitas persoas traballadoras queden desamparadas e sen a prestación que merecen. E, por outra banda, está a COVID persistente, con consecuencias laborais para quenes a sofren e que esixe de políticas de prevención e de Seguridade Social específicas que aínda están sen desenvolver.

 

UGT denuncia a infradeclaración das enfermidades profesionais, sobre todo, nos cancros de orixe laboral con só unha comunicación. Tan só 755 casos rexistrados en Galicia con baixa e 541 sen baixa

Mención aparte merecen as enfermidades profesionais, con tan só 755 casos rexistrados en Galicia no 2021, o que evidencia a súa infradeclaración. Deste total, 598 corresponden ó denominado grupo II (enfermidades causadas por axentes físicos). Estas son as que ocasionan baixa. E, sen baixa, 541, das que 468 tamén son do grupo II. Para UGT, o procedemento de notificación e o rexistro son inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito. Ademais de ter un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa a súa infradeclaración é no caso dos cancros de orixe laboral. No 2021 só se comunicou un caso dentro do grupo VI (enfermidade profesional causada por axentes canceríxenos).

 

Galicia, nos seis primeiros meses do ano, entre as comunidades que máis sinistros mortais rexistra e a que ten o maior índice de incidencia, aquel que relaciona o número de sinistros co número de asalariados

Nos seis primeiros meses de 2022, segundo os datos do Ministerio, xa que a Xunta non facilita estas estatísticas, Galicia rexistrou un total de 13.968 sinistros (incluídos os “in itinere”), o que supón un incremento dun 24,6% en relación a hai un ano. Destes, 13.710 foron leves; 213 graves; e 45 resultaron mortais, un 150% máis que nos seis primeiros meses de 2021. De feito, Galicia foi a terceira Comunidade con máis falecidos, por enriba estarían Andalucía e Cataluña, todas elas con moita máis poboación asalariada. De feito, Galicia si está á cabeza do Estado en índice de incidencia de sinistros laborais mortais, de 0,659 puntos, moi por enriba dos 0,277 da media estatal.

Por provincias, A Coruña rexistrou 6.053 sinistros; Pontevedra, 4.876; 1.553 Ourense e 1.486 Lugo.

Nos seis primeiros meses do ano a industria manufactureira foi a que máis accidentes rexistrou, 3.043; seguida da construción, con 2.043; comercio e reparación de vehículos, con 1.562; e actividades administrativas e servizos auxiliares, con 1.232. Todas estas actividades por enriba dos 1.000 sinistros laborais rexistrados.

O Ministerio tamén desglosa os índices de incidencia por sectores de actividade, o que nos dá unha idea máis próxima da sinistralidade ao relacionala co número total de asalariados nesta actividade. Segundo isto, nos seis primeiros meses do ano, en Galicia a construción é o sector que rexistra un maior índice de incidencia, de 432,3; seguido da industria, 379,3; agrario, 311; e servizos, 145,2.

 

Propostas UGT

O aumento dos accidentes no 2021 e no que vai de 2022 revela que as políticas preventivas non dan o resultado esperado e que se incumpre a normativa de prevención de riscos laborais por parte das empresas. Ademais, chegou o momento de acometer unha revisión en profundidade da Lei de Prevención de Riscos Laborais para adaptala a novas realidades que non prevé como as ondas de calor que, como consecuencia do cambio climático, van ser unha constante. Hai poucos sectores que teñan regulado o traballo en condicións de onda de calor, polo que urxe unha regulamentación xenérica.

É hora de actuar, as causas que provocan a maioría dos accidentes con baixa e mortais son coñecidas, xa que se repiten ano tras ano. Debe actuarse para reducir e acabar coas lesións músculo esqueléticas e as mortes por infartos e derrames cerebrais. Por elo, dende UGT-Galicia instamos ás administracións a abrir mesas de diálogo en materia de sinistralidade laboral para acordar medidas urxentes que poñan fin a esta situación.

É necesario articular un plan de choque contra a sinistralidade laboral. Entre as liñas deste plan de choque non pode faltar a redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que a primeira causa de morte durante a xornada de traballo son os infartos e derrames cerebrais, patoloxías asociadas a este tipo de riscos, nin accións destinadas a reducir a incidencia dos trastornos músculo esqueléticos, que son a primeira causa de baixa laboral por accidente de traballo.

A externalización xeneralizada da xestión preventiva dos centros de traballo, unida á precariedade fan que non se garanta a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras. Por este motivo, resulta importante a aprobación da última reforma laboral, que está facendo descender a temporalidade na contratación e que, sen dúbida, a futuro terá un impacto positivo na redución das cifras de sinistralidade.

Por outra banda, resulta imprescindible reforzar a Inspección de Traballo, dotándoa de máis recursos materiais e humanos, co que podería incrementar as actuacións de oficio nas empresas, sen agardar as denuncias dos traballadores, os cales, en moitas ocasións, debido ao medo a ser despedidos, non chegan a interpoñela.

Ademais, UGT propón a creación dunha figura, similar ao delegado territorial de prevención, pero a nivel estatal, que axudaría a mellorar a prevención nas pequenas e moi pequenas empresas que non teñen representación sindical. É un feito que os centros de traballo sindicalizados son centros de traballo máis seguros.

ACCIDENTES DE TRABALLO CON BAIXA, EN XORNADA E IN ITINERE

AVANCE XANEIRO-XUÑO 2022 (MINISTERIO DE TRABALLO E ECONOMÍA SOCIAL)

 

EN XORNADA        

IN ITINERE

TOTAL

LEVES

GRAVES

MORTAIS

TOTAL

LEVES

GRAVES

MORTAIS

GALICIA

12.709

12.471

198

40

1.259

1.239

15

5

Coruña (A)

5.562

5.483

69

10

491

478

9

4

Lugo

1.385

1.355

28

2

101

100

1

-

Ourense

1.429

1.404

22

3

124

124

-

-

Pontevedra

4.333

4.229

79

25

543

537

5

1

 

Fuente: UGT-Galicia