A cuarta parte dos desempregados galegos, case 50.000 persoas, levan catro ou máis anos nesta situación
Fecha: 24 Abr 2017

UGT-Galicia ven reiterando nas súas mensaxes que algo está fallando. Non se pode negar que a situación a nivel macroeconómico mellora pero é moi discutible que esta realidade se traslade ás familias que seguen a ser as vítimas dos recortes, precariedade no emprego, baixos salarios e altos índices de desemprego estrutural que provocan pobreza e situacións de exclusión social.
Precisamente, no relativo ao desemprego de longa duración os datos son desoladores e evidencian un problema que xa se converteu en estrutural, nunha gran lacra para a que, á vista dos datos, a Xunta non parece atopar solucións.
O DESEMPREGO PERSISTE EN MÁIS DE 200.000 PERSOAS, A PESAR DA FORTE DIMINUCIÓN DA POBOACIÓN ACTIVA
É evidente que Galicia continúa con niveis de desemprego persistentes e insostibles, máis de 200.000 persoas nesta situación. E isto, a pesar de que a poboación activa tamén se está reducindo, en preto de 40.000 persoas dende o cuarto trimestre do ano 2007. Diminución que ten a súa orixe no forte envellecemento da poboación, na saída de traballadores cara outros lugares na busca de mellores oportunidades de emprego e tamén no efecto desánimo.
E, dentro da dura realidade dos altos índices de desemprego, hai outra aínda máis complexa, a daquelas persoas que son vítimas do desemprego de longa duración. Un desemprego cada vez máis estrutural e que evidencia o fracaso das políticas aplicadas pola Administración galega en materia de emprego e que están a ser totalmente ineficaces para aqueles que se atopan en condicións máis complexas de empregabilidade.
GALICIA | POBOACIÓN ACTIVA | POBOACIÓN PARADA POR TEMPO DE BUSCA DE EMPREGO | ||
Total | 1 ano ou máis | 2 anos ou máis | ||
2007/IV | 1.292.400 | 96.400 | 26.700 | 16.000 |
2008/IV | 1.324.100 | 127.700 | 34.000 | 20.400 |
2009/IV | 1.309.800 | 167.600 | 59.700 | 24.800 |
2010/IV | 1.300.100 | 203.000 | 87.600 | 39.600 |
2011/IV | 1.320.200 | 239.800 | 121.600 | 61.900 |
2012/IV | 1.310.700 | 276.900 | 145.900 | 84.700 |
2013/IV | 1.283.500 | 280.900 | 169.000 | 107.200 |
2014/IV | 1.264.300 | 263.800 | 155.800 | 107.100 |
2015/IV | 1.255.200 | 222.700 | 133.200 | 100.800 |
2016/IV | 1.253.800 | 204.200 | 118.900 | 88.800 |
Fonte: IGE-INE. Enquisa de poboación activa I.G.E. - Instituto Galego de Estatística
O PARO DE LONGA DURACIÓN PASOU DE REPRESENTAR O 27,7% NO 2007 AO 58,2% NA ACTUALIDADE
As cifras están aí e detrás delas hai realidades familiares realmente complexas. No ano 2007 (cuarto trimestre) había en Galicia 96.400 persoas en situación de desemprego. Deste total, 26.700 persoas levaban máis dun ano buscando un posto de traballo. Nove anos despois, no cuarto trimestre de 2016, o número total de desempregados era en Galicia de 204.000, con 119.000 de longa duración.
Así, o paro de longa duración pasou de representar un 27,7 por cento do total ao 58,2 por cento na actualidade.
Baixando un chanzo máis, é dicir, analizando a situación daquelas persoas que levan máis de dous e tres anos en situación de desemprego, a realidade non é moito mellor. No 2007 rexistrábanse en Galicia un total de 16.000 persoas que levaban dous ou máis anos en busca de emprego, o 16,6 por cento do total. No 2016 esta cifra elévase a 88.800 persoas, o 43 por cento do total.