Continúa a boa evolución do emprego pero hai marxe para seguir mellorando
Hai que incidir na mellora das políticas públicas activas de emprego, reforzar a protección do contrato de traballo e continuar na senda da mellora salarial
Fecha: 04 Nov 2025
Continúa a boa evolución do emprego pero hai marxe para seguir mellorando
Hai que incidir na mellora das políticas públicas activas de emprego, reforzar a protección do contrato de traballo e continuar na senda da mellora salarial
Santiago, 4 de novembro de 2025.- Os datos do paro feitos públicos hoxe reflicten unha suba deste indicador, aínda que leve, que evidencia un efecto estacionalidade, polo fin da temporada de verán. Non obstante, o dato rexistrado é o mellor nun mes de outubro na serie histórica e, por outra banda, os datos de temporalidade seguen a ser moi bos, cunha taxa de contratación indefinida do 33,3%, aínda que esta é mellorable, sobre todo, en Galicia. Hai que lembrar que a nivel do Estado este indicador sube ata o 42,6%.
E tamén hai que atender a certas eivas do mercado laboral galego no que as mulleres seguen a representar o 58,9% do total do desemprego. O que urxe políticas de emprego que atendan á mellora da empregabilidade deste sector da poboación.
Se ben a nivel global pódese falar duns bos datos, hai demandas que UGT-Galicia mantén enriba da mesa para camiñar cara un mercado laboral máis xusto e equilibrado.
Por unha banda, recuperar a xustiza no despedimento. UGT subliña que a regulación actual do despedimento segue sendo unha materia pendente en España. A reforma imposta en 2012 —un ataque frontal ao diálogo social e á negociación tripartita— debilitou a posición das vítimas dun despedimento inxusto e ilegal, reducindo sistematicamente as indemnizacións por un acto ilícito e eliminando os salarios de tramitación. Esta reforma rompeu o equilibrio entre as partes e vulnerou os estándares europeos de protección.
Por iso, UGT esixe unha reforma que restableza a xustiza no despedimento e garanta a reparación íntegra ás persoas traballadoras afectadas, tal como establece a Carta Social Europea e recoñeceu o Comité Europeo de Dereitos Sociais, ao declarar que o sistema español non protexe adecuadamente fronte ao despedimento improcedente.
UGT considera que a patronal, se realmente cre no diálogo social, debe demostralo negociando unha nova regulación que protexa ás vítimas de decisións empresariais inxustificadas e ilegais e non aliñarse con quen busca manter unha norma que destruíu a concertación social.
Defender o contrato de traballo e a dignidade das persoas despedidas inxustamente é unha obrigación democrática e xurídica, non unha opción.
Seguir reducindo o tempo de traballo: benestar, produtividade e emprego
A xornada laboral máxima legal de 40 horas semanais mantense inalterada desde fai máis de catro décadas, a pesar da profunda transformación que experimentaron as formas de producir, de traballar e de vivir. Hai que seguir avanzado e o próximo AENC será unha boa oportunidade para incidir na redución do tempo de traballo. Reducir progresivamente o tempo de traballo sen perda salarial é unha reforma necesaria para adaptar as relacións laborais aos novos tempos, marcados pola dixitalización, a automatización, a intelixencia artificial e as grandes transicións ecolóxica, demográfica e tecnolóxica.
A repartición máis equilibrada do tempo de traballo permitirá aproveitar mellor os aumentos de produtividade derivados da innovación, mellorar a saúde laboral, reducir a parcialidade involuntaria, facilitar a conciliación e garantir unha transición xusta no mundo do traballo. En definitiva, avanzar cara a xornadas máis curtas non só é unha cuestión de benestar, senón tamén de eficiencia, sustentabilidade e cohesión social.
A organización sindical lembra que a repartición do tempo de traballo é clave para mellorar a produtividade, reducir a parcialidade involuntaria e combater a pobreza laboral, que alcanza ao 15,6% das persoas ocupadas.
Avanzar cara a unha xornada máis curta permitirá repartir mellor o emprego, mellorar a saúde laboral e aumentar a calidade de vida.
Garantir cláusulas salariais que repartan xustamente o crecemento
UGT alerta de que, a pesar dos bos resultados económicos e ás marxes empresariais récord, só un 35% das persoas traballadoras conta con cláusulas de revisión salarial automática vinculadas á inflación ou á produtividade.
Por iso, o sindicato esixe xeneralizar estes mecanismos no VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), para que o crecemento das empresas tradúzase en melloras reais para a maioría traballadora.
O obxectivo, sinala UGT, debe ser garantir que a riqueza se reparta de forma xusta e que os beneficios empresariais non se acumulen á conta do poder adquisitivo das persoas asalariadas. Por iso, UGT-Galicia reclama:
• Políticas públicas activas de emprego máis eficaces, centradas na empregabilidade e na reinserción das persoas desempregadas de longa duración.
• Reforzar a protección do contrato de traballo, adecuando a lexislación española aos compromisos internacionais derivados da Carta Social Europea, que obrigan a garantir a estabilidade no emprego.
• Continuar coa senda de mellora salarial e redución da xornada laboral, como elementos indispensables para avanzar cara a un mercado laboral xusto, inclusivo e sostible.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 301 persoas con respecto ao mes anterior (0,27%), de igual xeito que no resto do Estado, un 0,91%, 22.101 persoas máis no desemprego. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 8.828 persoas, un 7,22% menos. A mesma tendencia mantense no resto do Estado, cun descenso do 6,08%, 158.288 persoas menos no paro que hai un ano. Así, o número total de desempregados sitúase en 113.386 persoas, mínimo histórico en Galicia nun mes de outubro dende 1996 e sexta menor cifra da serie, todas rexistradas este ano.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades, aínda que máis acusada, así, subiu no mes nun 4,13%. En relación a outubro de 2024, pola contra, o desemprego baixou nun 1,1%. É dicir, en Galicia rexístrase un peor comportamento do desemprego entre os máis mozos
Por sexos, no mes o desemprego sube entre os homes 1,73%, mentres baixa nas no caso das mulleres nun 0,73%. No ano baixou o desemprego baixa nos dous, 8,18% entre os homes e un 6,54% entre as mulleres. Non obstante, dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,9% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 66.733 mulleres, fronte a 46.653 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes sube na agricultura e gandería, nun 5,38% e no sector servizos, nun 0,58%. Pola contra, baixa na industria, nun 1,62%; na construción, nun 1,31%; e no colectivo de sen emprego anterior, nun 0,74%. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 11,13% no primario; o 11,41% na industria; o 12,44% na construción; o 5,75% no sector servizos; e o 9,22% entre o colectivo de sen emprego anterior.
Territorialmente, o desemprego tamén sube en todas as provincias, excepto en Ourense. O 0,27% na Coruña; 1,5% en Lugo; e un 0,33% en Pontevedra. Baixa o 0,91% en Ourense. No ano a baixada foi do 6,36% na Coruña; 7,06% en Lugo; 7,85% en Ourense; e o 7,95% en Pontevedra.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 33,37%. Realizáronse en outubro un total de 68.648 contratos en Galicia. No mes de outubro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 8,87%. 24,5 puntos por enriba do que sucedía hai catro anos, antes de que entrase en vigor a Reforma Laboral.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 67,2% e no primario, do 56,1%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 32,5%; e na industria, do 24,8%.
En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 59,9%, moi por debaixo do 75,95% do Estado, con 61.302 persoas beneficiarias. Deste total, 25.978 perciben subsidios e 268 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 36.056. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.102.984 de media mensual, baixando o 0,09% no mes e aumentando un 1,81% no ano.