Constituído en Santiago o 14º Congreso de UGT-Galicia que se desenvolverá hoxe e mañá baixo o lema “Máis e mellor sindicato”

No acto de apertura o secretario xeral de UGT-Galicia destacou o papel do Sindicato na articulación de espazos de diálogo e concertación que serviron para avanzar e consolidar dereitos e apostou por seguir impulsando o diálogo social como ferramenta para buscar solucións xustas aos problemas sociais, económicos e laborais

Fecha: 26 Feb 2025

jacong

As intervencións neste acto de apertura coincidiron no papel que xogou José Antonio Gómez ao longo destes últimos 20 anos na consolidación do Sindicato e tamén fixeron fincapé na súa loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas

Constituído en Santiago o 14º Congreso de UGT-Galicia que se desenvolverá hoxe e mañá baixo o lema “Máis e mellor sindicato”

No acto de apertura o secretario xeral de UGT-Galicia destacou o papel do Sindicato na articulación de espazos de diálogo e concertación que serviron para avanzar e consolidar dereitos e apostou por seguir impulsando o diálogo social como ferramenta para buscar solucións xustas aos problemas sociais, económicos e laborais 



 

Santiago, 26 de febreiro de 2025.- Hoxe pola mañá botou a andar en Santiago o 14º Congreso de UGT-Galicia que se pechará mañá coa proclamación da nova Comisión Executiva e co acto de clausura. Ao londo do día de hoxe tamén se traballará nun conxunto de documentos e propostas que deseñarán as pautas de traballo e as liñas de actuación para seguir loitando na mellora das condicións sociolaborais da cidadaní galega.

Tras un vídeo inicial, a apertura do Congreso correu a cargo do secretario de Organización e Administración de UGT-Galicia, José Luís Fernández Celis, que na súa intervención fixo fincapé en que a representatividade que ten UGT lle permite estar nas mesas de diálogo social e noutras mesas de negociación para traballar por un reparto máis xusto da riqueza neste país, así como por unha sociedade máis xusta. Tamén valorou a unidade de acción como instrumento para acadar acordos destinados á mellora da sociedade, como se ten demostrado nestes últimos anos, reforma laboral, acordos de pensións, SMI... todos eles demostraron que coas políticas axeitadas sáese mellor de situacións de crise, como a vivida a causa da COVID.

Tras esta intervención, proxectouse un vídeo “in memorian” no que se rendiu homenaxe aos compañeiros e compañeiras falecidos nestes últimos anos de mandato. Tras o cal gardouse un minuto de silencio.

A Comisión de verificación de credenciais deu a coñecer o primeiro ditame no que se informou da acreditación dun total de 151 delegados e delegadas dos 153 convocados. Polo que quedou constituído o Congreso. Presentouse unha proposta de Mesa de Congreso, avalada, ao fronte da cal está Delia Irene Martínez, que pasa a presidir o 14º Congreso de UGT-Galicia, quen na súa intervención destacou a importancia democrática deste Congreso de tránsito, no que vai saír elixido un novo ou nova secretario ou secretaria xeral, xa que esta é a terceira vez, dende que UGT se constituíu en Galicia, no 1979, que se cambia a dirección do Sindicato. Avogou por seguir traballando, como se fixo ata o de agora, en materia de diálogo social, instrumento co cal nos últimos anos conseguíronse importantes fitos para a sociedade e quedou demostrado que onde hai sindicatos hai máis xustiza. A partir de aquí, hai que seguir avanzando para afrontar os retos que se aveciñan.

Neste acto de apertura houbo tamén espazo para varias intervencións de invitados institucionais e fraternais. Concretamente, o primeiro en tomar a palabra foi o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; seguíronlle o secretario xeral de UGT-Asturias, Javier Fernández Lanero; a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o vicesecretario xeral de Área interna de UGT, Rafael Espartero.

Todos e todas coincidiron en destacar o papel xogado por José Antonio Gómez, que hoxe deixa a Secretaría xeral de UGT-Galicia, nestes últimos e complexos anos. O seu empeño en sacar adiante todos aqueles acordos en materia de diálogo social que serviron para traer máis dereitos para os traballadores e traballadoras e máis xustiza social e, sobre todo, destacaron a súa lealdade no traballo do día a día. Tamén existiu unanimidade en facer fincapé na importancia do diálogo social, da concertación, e en como esta ferramenta convertiuse no elemento máis útil nestes últimos anos para afrontar os retos que se aveciñaron tras a crise da COVID e outras emerxencias como a suba dos prezos a causa don conflitos bélicos e como, grazas a isto, a nosa economía fíxose máis forte e a nosa sociedade é un pouco máis xusta, aínda que son moitos os desafíos que quedan por abordar.

Xa, para rematar o acto de apertura, tomou a palabra o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, quen subliñou que ao longo dos seus mandatos vivíronse momentos moi diferentes, unha suposta “bonanza”, que despois demostrouse que non era tal, tras a cal viñeron a crise de 2008, a da COVID, crise dos prezos..., é dicir, tempos complexos. Pero esta sociedade saíu adiante e reforzada, grazas ás importantes tarefas realizadas no contexto do diálogo social, no que UGT traballou arreo. E UGT, como sindicato, nesta difícil conxuntura, tamén saíu adiante grazas ao traballo do conxunto da Organización.

Como se fixo nas intervencións que lle precederon, destacou a importancia e os logros do diálogo social, así como da unidade de acción, e apostou porque esta continúe sendo a liña de traballo do Sindicato nos vindeiros anos. Porque falar de diálogo social é falar de xustiza e de progreso.

Non obstante, advertiu que os ventos de cola non son propicios. O Occidente democrático atravesa unha etapa de incerteza e desafíos. O auxe da ultradereita, a implementación de réximes que camiñan cara a autocracia ou a plutocracia fai que a democracia se estea debilitando en occidente.

A vitoria electoral de Donald Trump en Estados Unidos, as medidas que vemos que esta tomando, debería ser un axente catalizador que debería esixir que o conxunto de Europa actúe, sen máis demoras, para reducir a distancia que cada día nos separa máis das primeiras economías do mundo. 

Para iso, Europa necesita máis mercado único; integración fiscal, monetaria e bancaria; e acabar co dumping fiscal e ambiental.

Pero non se trata unicamente dunha debilidade económica. É unha fraxilidade social a que ameaza a nosa cohesión e capacidade de adaptación aos cambios, insistiu. Afirmou que, ademais de reivindicar o enorme valor xeoestratéxico que ten o mercado único, a obrigación de Europa, de España, e de Galicia é adaptarse ás realidades do século XXI.

Os parámetros do século XX xa non nos serven, porque apareceron, de forma rotunda e ineludible, factores como o crecemento das economías en Asia, o envellecemento da nosa poboación ou os conflitos armados en máis de cincuenta lugares do planeta, entre eles Ucraína e Oriente Próximo.

Considera que estamos obrigados a investir máis en innovación e na procura de novos motores de crecemento, porque, de non facelo, o risco será unha maior deterioración e a conformación de novas fraxilidades. E se isto non se fai, non será posible afrontar eses desafíos titánicos que son a economía dixital e o cambio climático, que desgraciadamente algúns seguen pondo en dúbida.

É absolutamente necesario profundar nunha estratexia económica e social onde estean compasadas as políticas industriais e comerciais, as políticas de estímulos e iniciativas á innovación e a economía dixital, que son os campos que nos devolverán a competitividade, nun ambiente de crecemento do investimento.

Pero tomarse en serio a competitividade significa tamén tomarse en serio a creación de postos de traballo de calidade en todos os sectores, a mellora das condicións laborais, o reforzo o diálogo social e a negociación colectiva e a democracia no traballo. O fomento da competitividade non debe basearse na contención salarial para reducir os custos.

É necesario avogar definitivamente por unha política industrial ambiciosa con investimentos significativos, que apoie os bens comúns e a innovación e ofreza empregos de calidade e progreso social, sobre a base de servizos públicos sólidos, protección social, vivenda, transporte e atención á infancia e aos nosos maiores.

Desgraciadamente, na nosa contorna en vez de falar disto, de medidas inaprazables para fortalecer a nosa economía e dereitos, vese máis polarización política, desinformación e desconfianza nas Administracións.

Instaurouse un ambiente de malestar cara as institucións públicas, agravado por unha perda de valores esenciais como a solidariedade, que parecen perder relevancia nunha cidadanía cada vez máis envorcada no individualismo e o consumo inmediato.

Moito disto ten que ver con que desde determinados ámbitos do poder déronlle as costas ás realidades aínda punzantes, como son a pobreza extrema, o acceso á vivenda, a precariedade, as desigualdades e inxustizas, especialmente naqueles casos onde a xestión dos asuntos públicos ten consecuencias directas nas vidas das persoas, tal como foi ratificado, do modo máis doloroso, na traxedia da dana que arrasou o Levante español.

Vemos, oímos e lemos sobre posicións radicais en contra da política e dos partidos, o que leva á perda da institucionalidade; e a falta de respecto e recoñecemento das institucións democráticas leva á perda de estruturas políticas e sociais sólidas. Algo que o fascismo, como xa fixo noutras épocas da nosa historia recente, utiliza e fomenta soezmente para lograr os seus obxectivos. Como fan coa emigración.

Hoxe tamén, máis que nunca, temos que subliñar o papel que a política debe cumprir no fortalecemento de vida democrática e das funcións públicas.

É imperativo abordar as verdadeiras ameazas do cambio climático, avaliar os límites da polarización e, como suxiren os expertos, reflexionar sobre como percibimos as emerxencias, non só como cidadáns, senón especialmente quenes deseñan e implementan accións públicas.

Para iso, necesitamos reforzar os nosos servizos públicos e promover a participación cidadá.

É preciso impulsar unha educación de calidade que fomente o pensamento crítico e a creatividade. É fundamental preservar a solidez da escola como institución, así como asegurar o traspaso de coñecemento entre mozos e maiores, e educar, axudar aos mozos para que poidan desenvolver un proxecto de vida digno e pleno. Só así poderemos construír un futuro próspero e sustentable para as nosas sociedades, no que a innovación, o talento e os valores humanos sexan os alicerces do noso progreso, como sempre defendemos desde a UGT.

A UGT, como organización de referencia para a sociedade española e galega, con niveis de afiliación e representación moi importantes, reivindicamos, máis que nunca, o papel das administracións públicas, fronte ao poder absoluto dos mercados, pois, sen Estado, non hai redistribución das rendas, non hai igualdade de oportunidades, nin posibilidade dun crecemento harmónico e un desenvolvemento sustentable.

Para rematar, lembrou a figura do fundador da UGT, Pablo Iglesias, e animou ao Sindicato a que nesta nova etapa siga traballando baixo os seus principios, solidariedade, igualdade, internacionalismo, pluralidade, democracia e xustiza social.

Fuente: UGT-Galicia