Constituído en Santiago o 12º Congreso de UGT-Galicia que se desenvolverá hoxe e mañá baixo o lema “A Unión en pé”

Fecha: 09 May 2016

Hoxe botou a andar en Santiago o 12º Congreso de UGT-Galicia que se pechará mañá. Neste Congreso elixirase unha nova Comisión Executiva e traballarase cun conxunto de documentos e propostas que deseñarán o novo modelo organizativo de cara aos vindeiros anos, as pautas de traballo e as liñas de actuación propostas para seguir loitando na mellora das condicións sociolaborais da cidadanía galega, mermadas dun xeito moi incisivo pola crise e polas políticas de recortes impostas.

A sesión de apertura comezou cun vídeo de Benjamín Prado e Almudena Grandes de recoñecemento do traballo de UGT ao que lle seguiu unha actuación musical.

Tomou a palabra, para iniciar o acto de apertura, a secretaria de Organización e Área Interna de UGT-Galicia, Irene Martínez, que explicou que neste Congreso renovaranse os órganos de dirección e control de UGT-Galicia, marcaranse as prioridades de acción sindical para derrogar as reformas lesivas impostas e repoñer os dereitos e liberades e decidiranse cambios profundos, os maiores dende o ano 1979, para poñer en marcha unha nova estrutura organizativa, máis sinxela, máis asentada nos centros de traballo, máis eficiente e fortemente sectorializada. Así, pasarase de seis a tres federacións (produción de bens e servizos, servizos e mobilidade e servizos públicos) e de 8 a 7unións territoriais.

Avanzar cara á constitución de tres Federacións (producción de bens e servizos, Servizos e mobilidade e Servizos Públicos), dende as seis actuais, non é un proceso de centralización, senón que vai ser un proceso de descentralización. Os sectores teñen que ser o instrumento fundamental de acción sindical das nosas Federacións. Non son fusións, é un proceso de sectorialización das nosas organizacións.

Fixo fincapé en que temos que utilizar esa forza que temos nos centros de traballo para protexer aos traballadores e traballadoras das pequenas e medianas empresas.

Deste Congreso sairá unha UGT máis austera, transparente e eficaz. Unha Organización con maior transparencia no reforzo dos mecanismos de control e maiores niveis de autoesixencia das persoas dirixentes.

A secretaria de Organización e Área Interna do Sindicato apuntou na súa intervención á importante e necesaria labor desenvolvida polos sindicatos e, sinaladamente, por UGT nos seus 128 anos de historia, 37 no caso de UGT-Galicia. Os últimos foron anos complexos e delicados, coincidindo cun contexto de crise económica, seguida dunha crise laboral e social e, finalmente, institucional, á que o Sindicato non pode ser alleo.

Mais, a pesar de todo isto, a “Unión está en pé”, precisamente, é este o lema do 12º Congreso de UGT-Galicia. E está en pé para poñer voz a quenes máis o necesitan, está en pé para loitar por unha saída xusta da crise, está en pé para defender a creación de emprego de calidade, para recuperar os salarios, para recuperar dereitos e liberdades, está en pé para para reivindicar e conseguir mellores condicións de vida e de traballo e está en pé para avanzar colectivamente en democracia e solidariedade.

Explicou que neste 12º Congreso están a participar 300 delegados e delegadas, 195 en representación das federacións e 105 das unións, sendo, deste total, 124 mulleres, o que supón o 40,32 por cento. Engadiu que este Congreso convocouse con 53.318 mandatos e revalidando a posición de primeira forza sindical en Galicia que ocupa dende o ano 1990, con 4.430 delegados e delegadas nas empresas, o que supón unha representación do 35,13 por cento.

Tras a intervención da secretaria de Organización e tras desenvolver o acto homenaxe aos compañeiros falecidos ao longo deste mandato, deuse lectura ao primeiro ditame da comisión de verificación de credenciais que acreditou a maioría suficiente para constituír o Congreso, elixiuse a Mesa, que será a encargada de marcar as pautas para o desenvolvemento do Congreso, ata que sexa elixida a nova Comisión Executiva de UGT-Galicia. Ao fronte desta Mesa está José Manuel Vázquez, da Federación de Servizos Públicos de UGT-Galicia quen salientou a transcendencia deste 12º Congreso para a vida interna do Sindicato, o que, evidentemente, trasladarase ao conxunto da sociedade a través da acción sindical que se desenvolva en base ás pautas de traballo que sexan aprobadas ao longo de hoxe e mañá.

Neste acto de apertura houbo tamén espazo para varias intervencións, de invitados fraternais, como foi o caso do presidente de UGT-Cataluña; secretarios xerais doutros sindicatos, como o do S.N. de CCOO de Galicia; e por parte dos invitados institucionais tomaron a palabra o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Todos eles coincidiron en recoñecer o traballo desenvolvido polo Sindicato nestes difíciles anos e apelaron á necesidade de que continúe sendo punto de referencia na defensa dos dereitos dos traballadores e no seu traballo por unha sociedade mellor.

Antes de continuar coas intervencións e saúdos, tivo lugar un acto de recoñecemento a varias compañeiras e compañeiros pola súa laboral sindical coa entrega dunha insignia a cada un deles pero cunha mención especial a Suso Mosquera quen fora secretario xeral de UGT-Galicia durante máis de 20 anos e agora presidente da Fundación Luís Tilve.

Así, Mosquera dirixiu unhas palabras ao Congreso nas que recoñeceu o traballo desenvolvido por UGT para facer un país mellor, un traballo non suficientemente valorado pero, sen o cal, de seguro, a transición política deste país sería algo máis complexa.

Contextualizou o Congreso nun momento difícil. Estase a vivir a maior ofensiva do poder financeiro e da dereita contra o sindicalismo de clase. Tamén dende a Guerra Civil e a ditadura probablemente neste país non se viviu un momento tan complexo no recorte de dereitos. A pesar de todo, “A Unión en pé”, a UGT segue viva e animou a todos a seguir traballando para reforzar o camiño xa andado.

A continuación interviu a secretaria de Políticas Sociales, Empleo y Seguridad Social da Comisión Executiva Confederal de UGT, María del Carmen Barrera, quen apuntou ao Primeiro de Maio como un punto de inflexión na acción sindical do Sindicato. Rexeitou calquera mensaxe triunfalista por parte do Goberno, nun país con máis de 700.000 fogares que non teñen ningún ingreso, con cinco millóns de parados e con taxas de cobertura por desemprego baixo mínimos. Ante isto, o Sindicato ten que incidir na mensaxe de insatisfacción permanente e traballar para darlle a volta a esta realidade.

Denunciou un modelo que non está resolvendo os problemas da xente. Un xeito de facer no que o Goberno deixa de gastar 3.500 millóns de euros en protección por desemprego para investilos nunha reforma fiscal que só beneficiou a uns poucos. Un país no que non se aposta pola formación nin polas políticas activas de emprego. Un país que vive coa ameaza continua dos problemas no sistema público de pensións e un país que está á cabeza de Europa en crecemento de desigualdades tras a crise.

Neste contexto, hai que plantarlle cara, dar batalla e demandar de xeito incisivo unha mellor distribución da riqueza. Así, UGT vai seguir demandando a derrogación das reformas laborais, potenciar a negociación colectiva, un plan de choque polo emprego, estender a protección social, recuperar o contrato relevo, establecer unha ponte para a xubilación para os maiores de 55 anos, traballar pola mellora dos salarios e demandar a suba do SMI.

Para pechar o acto de apertura , tomou a palabra o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, quen comezou a súa intervención apelando á unidade de acción como un patrimonio da clase traballadora que hai que seguir coidando.

Insistiu en que se viven malos tempos pero UGT-Galicia non está para resignarse, senón para propoñer e actuar. Afrontaranse con propostas e mobilizacións todos os problemas grazas ao esforzo da militancia.

Xa é moito tempo sufrindo as inxustizas sobre a calidade de vida e as liberdades e dereitos colectivos. As políticas de axuste e recortes neste país foron máis aló incluso do que esixía Bruxelas. Foron máis aló dos recortes, coa imposición de normas, como a Lei Mordaza e máis de 300 sindicalistas acusados só por defender os dereitos laborais. Aquí en Galicia Carlos e Serafín seguen á espera dun indulto e o Sindicato vai seguir mobilizándose para demandalo.

No eido laboral, agudizouse a temporalidade, o contrato parcial involuntario e os baixos salarios. É aquí onde hai que esixir, dunha vez por todas, a derrogación das reformas laborais impostas.

Tamén denunciou os continuos e agresivos recortes ao estado de benestar, no eido da educación, sanitario, dependencia e servizos públicos en xeral.

Considera que hai forma de facer as cousas doutro xeito con outro modelo de crecemento e máis estado de benestar.

Alertou sobre o feito de que as cousas non van tan ben como algúns intentan facer ver. O tímido crecemento non está xerando emprego e o que se crea é precario. Neste contexto, a prioridade ten que ser crear emprego de calidade, mellorar os servizos públicos, garantir as pensións futuras e máis protección social. Para isto, hai que mudar o modelo produtivo, investir en I+D+i e traballar para incrementar a demanda interna a través da mellora dos salario e de revitalizar a negociación colectiva.

En Galicia as cousas tamén van mal. Dende o comezo da crise o emprego cae máis que no resto do Estado e a porcentaxe de desempregados que xa non cobran prestación e de 47 puntos. 2.000 persoas abandonan de media anualmente Galicia na busca dun futuro laboral mellor e máis do 40 por cento dos mozos están no paro. Nesta Autonomía destruíronse 200.000 empregos dende o comezo da crise e o paro de longa duración cronifícase.

Cualificou como negativa a política da Xunta en materia de emprego, así o ratifican os datos e a realidade de moitas familias. Aumenta en seis puntos a taxa de paro dende a crise e a caída dos salarios conduce a situacións de risco de exclusión social e pobreza.

Demandou máis apoio para a industria galega, facer políticas que xeren valor engadido e unha política enerxética que garanta o desenvolvemento da industria galega.

Fixo un balance do diálogo social en Galicia nesta última etapa e o cualificou como cativo e con moi poucos froitos.

Denunciou de novo uns orzamentos pensados para reducir o déficit pero que en nada teñen en conta o sufrimento da xente. Pregúntase de que lle vale ser a Galicia alumna aventaxa no control deste déficit se despois non ten unha industria forte, nin mellor emprego nin mellores servizos.

Nun eido xa máis sindical, tamén foron anos difíciles, de continuos ataques, a pesar disto a Organización non decaeu. Fixo fronte ás dificultades e mantivo o seu espazo coa mobilización continua e mantida no tempo.

 

 



 



 

Fuente: UGT-Galicia