Concentracións mañá pola redución da xornada ás 37,5 horas
O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocan para mañá, día 26, concentracións diante das sedes empresariais na Coruña (11.30), Lugo (11.30), Ourense (12.00) e Vigo (11.30) para demandar a redución da xornada semanal ata as 37,5 horas semanais, sen diminución do salario. Estas concentracións repetiranse ao longo de toda a mañá fronte ás sedes
Fecha: 25 Sep 2024
UGT e CCOO convocan concentracións mañá diante das sedes empresariais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo pola redución da xornada laboral ás 37,5 horas
As concentracións sucederanse en todo o Estado ao longo da mañá para chamar aos empresarios a pechar un acordo xa porque é hora de abandonar modelos baseados nos baixos salarios e en longas xornadas laborais
Santiago, 25 de setembro de 2024.- O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocan para mañá, día 26, concentracións diante das sedes empresariais na Coruña (11.30), Lugo (11.30), Ourense (12.00) e Vigo (11.30) para demandar a redución da xornada semanal ata as 37,5 horas semanais, sen diminución do salario. Estas concentracións repetiranse ao longo de toda a mañá fronte ás sedes empresariais de todo o Estado, enmarcadas nunha campaña iniciada por UGT e CCOO para chamar aos empresarios a pechar un acordo xa, despois de máis dun ano de negociacións, e, se este non é posible, que esta medida se adopte no eido lexislativo.
Trátase da apostar por un modelo produtivo que teña como obxectivo a mellora do emprego e das condicións laborais de todas as persoas traballadoras. É hora de abandonar modelos baseados nos baixos salarios e en longas xornadas laborais que xa demostraron o seu fracaso para a produtividade e a xeración de riqueza para o conxunto do país.
A redución da xornada laboral é unha necesidade para os traballadores e traballadoras; para o sistema produtivo; para a economía do país; e, para a sociedade en xeral.
O contexto actual é o axeitado para implantar esta medida, as grandes transformacións no mundo produtivo, económico e social, impulsadas polas transicións dixital e ecolóxica, están a xerar incrementos de produtividade, co conseguinte aumento dos beneficios empresariais. E, a riqueza que xera un país debe repartirse equitativamente para beneficiar a toda a sociedade. Como?, a redución do tempo de traballo e a mellora dos salarios son formas esenciais.
A última redución legal da xornada tivo lugar hai máis de 40 anos, coas 40 horas semanais. Aínda que a negociación colectiva permitiu levar a media ás 38,5 horas nos convenios, aínda así, son moitos os sectores e empresas que aínda non gozan de ningunha redución con respecto ás 40 horas. Isto xera competencia desleal e repercusións negativas sobre o emprego. Polo tanto, a redución de xornada é unha cuestión de xustiza social porque hai que equiparar os dereitos laborais, podendo beneficiarse case 13 millóns de persoas en todo o Estado e preto de 500.000 en Galicia.
A xuízo de CCOO e UGT, implementar esta medida tería pegadas positivas sobre a saúde física e mental dos traballadores e traballadoras; sobre o medioambiente; e, en termos de igualdade de xénero, a redución do tempo de traballo tamén contribuirá efectivamente á igualdade efectiva entre homes e mulleres porque vai cara unha mellor conciliación corresponsable entre a vida laboral, social, persoal e familiar.
Por todo isto, UGT e CCOO fan un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas para mañá, pola xustiza social, un emprego de calidade, polos beneficios na economía do país, pola igualdade e en defensa do medio ambiente, hai que apostar decididamente pola redución da xornada xa, porque xa toca e porque é o momento.