Co gallo deste 25N, UGT-Galicia reclama delegadas/os de igualdade nos centros de traballo
Hai que asegurar contornas laborais libres de violencias machistas, maiores garantías para as vítimas e o fortalecemento dos recursos públicos de prevención e atención integral
Fecha: 24 Nov 2026
Co gallo deste 25N, UGT-Galicia reclama delegadas/os de igualdade nos centros de traballo
Hai que asegurar contornas laborais libres de violencias machistas, maiores garantías para as vítimas e o fortalecemento dos recursos públicos de prevención e atención integral
Lembrar que as sedes de UGT-Galicia son puntos violeta
Santiago, 24 de novembro de 2026.- UGT-Galicia, ante este crucial 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, reitera o seu compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e fai un chamamento ás traballadoras e traballadores e ao conxunto da cidadanía para combatela ata a súa total eliminación, así como as desigualdades estruturais que a sustentan, tanto dos centros de traballo como da sociedade no seu conxunto. Neste contexto o Sindicato fai unha firme condena aos discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances e revitimizan ás mulleres sobreviventes.
En Galicia, dende o 2003, 75 mulleres asasinadas e 3 menores (datos a 19/11/2026)
As cifras seguen a ser escandalosas. Dende o 2003, 1.387 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou exparella, 46 delas no que vai de 2026 (a 19 de novembro); 68 menores foron vítimas mortais e 548 menores quedaron en situación de orfandade como consecuencia de asasinatos machistas. En Galicia, con datos a 19 de novembro, 75 mulleres foron asasinadas dende 2003 e unha no que vai de 2026. Un total de 3 menores foron asasinados dende 2003 e 23 menores quedaron en situación de orfandade.
22 denuncias diarias en Galicia e un máximo de condenados no 2025, 188
O número de denuncias por violencia na parella ou exparellas foi de 204.342 no 2025, case 560 denuncias diarias. En Galicia o número total foi de 8.100, 498 máis que no 2024, o que supón 22 denuncias diarias.
En canto aos condenados por delitos sexuais, nesta Comunidade, no 2025 acádase un máximo, con 188 condenados.
Tendo en conta os datos do Ministerio do Interior, no 2025 denunciáronse 15 violacións diarias e 39 agresións sexuais (sen penetración) ao día, case dúas cada hora. En Galicia no 2025 houbo 164 violacións e 577 agresións sexuais. E os ciberdelitos medran nesta Comunidade un 35,6%, no 2025 con respecto ao 2024, máis que no Estado, onde o crecemento foi do 21,2%.
No 2025, un total de 1.869 vítimas de redes de trata e de explotación, 28 menores, foron liberadas en España. En Galicia hai identificadas 537 persoas en situación de risco por trata de seres humanos e explotación sexual.
As violencias machistas tamén se dan na contorna laboral, especialmente o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, unha realidade moitas veces invisibilizada. UGT traballa para establecer protocolos para formalizar con garantías os procedementos de investigación dos casos, atención ás mulleres e sanción dos acosadores, sendo un obxectivo sindical fundamental erradicar estas prácticas e conseguir espazos laborais libres de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Para isto, cóntase con instrumentos como os protocolos fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo que se implantaron nos centro de traballo a través da negociación colectiva dos convenios e plans de igualdade. UGT vai seguir reivindicándoos alí onde aínda non existen. Non obstante, o Sindicato considera que hai que incrementar os recursos e propón a creación da figura dun/dunha delegado/a sindical de igualdade nas empresas, entre cuxas funcións estaría o asesoramento en violencias machistas.
UGT-Galicia valora os avances alcanzados, como a actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, pero subliñamos que aínda queda moito por facer. Por iso, reclamamos a aprobación urxente da lexislación contra a violencia vicaria e a trata e explotación de seres humanos, así como a plena implementación do Convenio 190 da OIT sobre violencia e acoso no mundo do traballo. Tamén esiximos que as administracións públicas garantan recursos sostibles, persoal especializado e servizos públicos esenciais para a prevención, protección e recuperación das vítimas, prestando especial atención ás mulleres que afrontan situacións de maior vulnerabilidade.
Máis de 700.000 mulleres ao ano vítimas de acoso no traballo
Aínda que non existen datos oficiais sobre a dimensión deste problema, máis que os aproximados por enquisas, sábese que está moi estendido. Segundo a Enquisa europea de violencia de xénero, en España afecta a máis de 700.000 mulleres ao ano. Moitos casos non se denuncian e acaban en baixas médicas ou mesmo coas mulleres abandonando os seus postos de traballo. Unha realidade intolerable que urxe combater.
Dende hai un ano as sedes de UGT en Galicia son puntos violeta
Pola súa banda, UGT-Galicia comprométese a formar e sensibilizar a todo o seu activo sindical fronte ás violencias machistas para que exerzan como barreira; negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e acoso por razón de sexo; negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva; e colaborar coas administracións e asociacións de mulleres na loita pola erradicación desta lacra, neste senso, as sedes de UGT en Galicia convertéronse en puntos violeta hai un ano.
