CCOO e UGT convocan concentracións este venres en solidariedade coa CGIL italiana

Fecha: 14 Oct 2021

A Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores de Galicia e o Sindicato Nacional das Comisións Obreiras de Galicia condenan enerxicamente o asalto que se produciu o pasado sábado, 9 de outubro, á sede confederal do sindicato italiano CGIL en Roma, dentro dunha manifestación convocada pola ultradereita e o movemento antivacinas NoVax.

As mensaxes de odio que se lanzaron contra o noso sindicato irmán en Italia e contra o seu secretario xeral, Maurizio Landini, retrotráennos a épocas violentas cando o fascismo italiano exerceu a violencia contra os sindicatos e as Cámaras do Traballo hai exactamente cen anos. Agora, a extrema dereita rexorde estigmatizando a migrantes, mulleres, persoas LGTBI ou a negociación colectiva, negando o cambio climático e, en definitiva, cuestionando a paz e a democracia.

O novo fascismo italiano, como a ultradereita francesa, polaca, húngara ou a española, utiliza os mesmos argumentos falaces para seguir avanzando e reverberando a súa mensaxe de odio, aínda que iso signifique antepoñer espurios intereses políticos á protección da saúde pública.

As tres grandes centrais sindicais italianas (CGIL, UIL e CISL) convocaron manifestacións en Italia para o próximo sábado, día 16, en repulsa deste ataque e pedindo a ilegalización dos partidos fascistas no seu país, incluído Forza Nuova, o convocante da manifestación e instigadora do asalto á sede sindical.

CCOO e UGT queremos mostrar a nosa solidariedade coa CGIL e coa clase obreira italiana apoiando a manifestación sindical unitaria antifascista de Roma. Por esta razón, na véspera da manifestación en Italia, convocamos concentracións diante de todas as nosas sedes para mañá venres, 15 de outubro, ás 12:00 horas baixo o lema #MaiPiùFascismi (“fascismo nunca máis”).

Tanto o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, como a secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, estarán na concentración diante das sedes nacionais de ambas as dúas organizacións, na rúa Miguel Ferro Caaveiro de Santiago de Compostela.

 

Fuente: UGT-Galicia