Catro de cada dez persoas que están desempregadas levan máis dun ano nesta situación e 18.000 máis de catro anos, a metade sen prestación

Fecha: 23 Ago 2024

Paro longa duración
A pesar do bo ritmo de creación de emprego e da mellora da súa calidade, persiste o problema estrutural do paro de longa duración
 
Urxe un cambio das políticas activas de emprego e máis medios para os servizos públicos de emprego que lles permita unha atención personalizada que facilite a inserción. Tamén debe mellorarse o nivel asistencial para evitar as situacións de exclusión social e pobreza

Se ben é certo que, a raíz da posta en marcha da reforma laboral de 2021 froito do consenso emanado do proceso de diálogo social, neste país abriuse unha senda de intensa creación de emprego de calidade, caendo a taxa de persoas desempregadas por debaixo do 10%, cifra que non se conseguía dende o ano 2008, e medrando o emprego de carácter indefinido en 102.000 persoas, fronte á caída do temporal en 61.000 persoas, neste contexto segue a existir un nubarrón que non se conseguiu despexar, o paro de longa duración (aquelas persoas que levan máis dun ano na procura dun emprego).

Aínda é ampla a proporción de poboación que ten grandes dificultades para atopar un emprego, entrando así nun círculo perigoso do que lles custa saír e os leva, en moitas ocasións, a situacións de pobreza e exclusión social, xa que se dan dificultades para acceder ás prestacións que, normalmente, son de baixas contías. 

Tras a crise de 2008, o paro de longa duración seguiu unha tendencia similar á taxa de paro, aumentando durante a recesión e manténdose en niveis moi elevados nos anos seguintes, acadando o seu nivel máximo no terceiro trimestre de 2015, cun 62,6% (máis dun ano no desemprego). Pola súa banda, o paro de moi longa duración (máis de dous anos no desemprego) rexistrou o seu récord no cuarto trimestre de 2015, cun 45,3%. 

Estes valores fóronse reducindo a medida que avanzaba a fase de recuperación pero nunca chegaron a restablecerse os niveis previos ao 2008. Así, no 2019 as porcentaxes eran do 45,2% e 29,8%, respectivamente (máis dun ano e máis de catro), constatando o amplo sector da poboación que quedou enquistada nunha situación de desemprego estrutural. 

Posteriormente, durante a crise da COVID-19, aínda que a taxa de paro incrementouse levemente e recuperouse de xeito rápido, non correu a mesma sorte o paro de longa duración, a este indicador cústalle máis recompoñerse. Deste xeito, reduciuse ata o 34,5% no segundo trimestre de 2020 para despois aumentar ao 45,3% tan só un ano despois.

A tendencia foi irse reducindo este indicador ata o 39,3% que se rexistrou no último trimestre de 2023. Un valor que aínda está moi por enriba do 20% de antes da crise de 2008.

Que lle sucedeu ao paro de moi longa duración? Este tamén comezou a ascender de xeito progresivo tras o segundo trimestre de 2020 ata o 32% no segundo trimestre de 2022. A pesar da reactivación económica tras a pandemia, un terzo da poboación non conseguiu atopar traballo durante máis de dous anos. Se ben é certo que esta situación mellorou na última parte de 2022 e 2023, descendendo ata o 24,5%, aínda así, máis dunha cuarta parte da poboación en situación de desemprego leva dous ou máis anos nesta situación.

Analizar estes indicadores é vital para testar o verdadeiro estado de saúde do mercado laboral galego. Reflectindo, desaxustes estruturais entre a oferta e a demanda, entre as competencias profesionais das persoas desempregadas e as necesidades das empresas. Tamén é unha mostra da incapacidade dos servizos públicos de emprego para acometer esta situación. 

Profundando nas estatísticas, estas indican que, segundo a EPA, hai en Galicia 49.200 persoas que levan máis dun ano no desemprego, o 40,5% do total, e 18.000 que levan máis de catro anos nesta situación. Polo tanto, avanzar cara o pleno emprego esixe analizar polo miúdo a situación e problemáticas deste grupo de poboación para conseguir a súa inclusión no mercado laboral. 

 

Análise das persoas desempregadas que levan máis de catro anos nesta situación

Centrando a análise naqueles que levan máis de catro anos en situación de desemprego, que é o grupo ao que máis lle está a custar volver ao mercado laboral e no que hai que traballar dun xeito incisivo, aclarar, en primeiro lugar, que todos os datos que se dan a partir de agora ao respecto son estimacións de UGT-Galicia a partir de microdatos da EPA, utilizando o IGE como fonte de dato primario. 

Así, das 18.000 persoas que en Galicia levan máis de catro anos en situación de desemprego, 9.200 son homes e 8.800 mulleres. O 52% están inscritos como demandantes de emprego pero non reciben ningún tipo de subsidio ou prestación, estando obrigadas estas persoas a recorrer a outro tipo de axudas de carácter universal para poder subsistir, e un terzo do total están inscritos e reciben algún tipo de prestación. 

Non obstante, neste punto, hai que salientar que, aínda percibindo prestacións derivadas da situación de desemprego, a contía desas axudas normalmente é tan baixa que non impide que máis da metade das persoas desempregadas, sexan ou non de longa duración, atópense en situación de risco de exclusión social e pobreza, dificultando isto aínda máis a súa volta ao mercado de traballo.

O 47% concéntranse no tramo de maiores de 55 anos e teñen un nivel formativo que non supera a primeira etapa de educación secundaria.

 

O 40% das persoas desempregadas levan máis dun ano nesta situación, o 25% máis de dous e o 15% máis de catro

Concluíndo esta análise, se, tras a pandemia, grazas ás medidas implantadas, especialmente os ERTE, conseguiuse un restablecemento dos niveis de ocupación e unha fase rápida de reactivación económica, xogando a reforma laboral un papel moi importante, sen embargo, o desemprego de longa e moi longa duración non gozou desta mesma sorte. Actualmente, un 40% da poboación en situación de desemprego leva máis dun ano na procura dun posto de traballo e un 25% faino dende máis de dous anos. A máxima expresión do desemprego estrutural, aquelas persoas que levan máis de catro anos na busca dun emprego, arroxa unha porcentaxe dun 15% sobre o total das persoas desempregadas en Galicia. 

 

O desemprego de máis duración, máis de catro anos, afecta, sobre todo, ás persoas de máis idade, homes e cun nivel formativo básico

Da análise desagregada realizada no documento despréndese que o desemprego de maior duración afecta en maior medida ás persoas de idade avanzada e cun nivel formativo básico (con estudos de ESO ou similar), especialmente homes.

Por tanto, calquera política de emprego que se enfoque nas necesidades particulares destes grupos poboacionais ten maior probabilidade de ter unha maior incidencia sobre a redución do desemprego de longa duración.

Con todo, para poder programar políticas de emprego personalizadas, é necesario que os Servizos Públicos de Emprego conten cos recursos necesarios para poder levar a cabo uns servizos básicos de orientación profesional, capaces de realizar diagnósticos individualizados e trazar itinerarios profesionais personalizados para cada persoa desempregada. E esta é unha das principais deficiencias estruturais das políticas de emprego, tanto en Galicia como no resto do Estado. 

A recente Lei de Emprego non solucionou este problema, nin o fará no curto prazo, en tanto que, aínda que establece a obrigatoriedade de aplicar estes servizos, non inclúe mecanismos e sistemas que garantan o seu cumprimento. Así, dado que a lei carece destes mecanismos, o seu cumprimento só poderá facerse realidade na aplicación das políticas de emprego por parte das comunidades autónomas, mediante a contractualización dos contidos básicos a través dos procesos de diálogo e concertación autonómicos, algo moi difícil de aplicar de maneira inmediata.

 

Plan plurianual de actuación

Nestes procesos resultaría imprescindible que se incluíse un Plan plurianual de actuación, no que se detallase un programa de aplicación destes servizos básicos de emprego, que incluíse os seus obxectivos, os colectivos prioritarios (tal e como se analizou: as persoas de idade madura e máis avanzada e nivel formativo básico), os medios orzamentarios e humanos necesarios para levalos a cabo de maneira efectiva, o réxime de colaboración coas entidades privadas (se fose necesaria) e un proceso de avaliación anual no marco do diálogo social.

 

Acabar cos desaxustes entre oferta e demanda

Hai que ter en conta que a aplicación destes servizos de orientación é o primeiro paso para realizar o resto de plans e accións de emprego, pois coñecer as necesidades destas persoas desempregadas é imprescindible para poder levar a cabo outros servizos como os de intermediación laboral, necesarios á súa vez para acabar cos desaxustes existentes entre a oferta e a demanda de postos de traballo.

Ademais, estas persoas non só non reciben un programa coherente de políticas de formación e de emprego acordes ás súas necesidades, que mellore as súas posibilidades de inserción laboral, senón que a gran maioría delas tampouco reciben as axudas de carácter asistencial necesarias para ter un nivel de renda que lles permita paliar a escaseza de recursos derivada da súa situación, abocándoos a situacións de risco de exclusión social e pobreza. Unha realidade moi preocupante que urxe corrixir limitando os requisitos para acceder aos subsidios, estendendo a súa duración e mellorando as contías para que estas persoas poidan dispoñer dunha vida digna, a pesar da situación prolongada de desemprego na que se atopan.

Sirva como exemplo o que sucede co Ingreso Mínimo Vital, que actualmente chega a un  número baixo de persoas. En Galicia, hai (nómina de maio de 2024) un total de 27.732 prestacións, que corresponden a 74.219 beneficiarios cunha contía media mensual por fogar de 483,59 euros.

En definitiva, é necesario acometer profundos cambios no funcionamento das actuais políticas de emprego, o que implica un traballo coordinado de todas as administracións con responsabilidades na materia, para reducir de maneira relevante a actual porcentaxe de paro de longa duración. Este debería ser un dos obxectivos para esta lexislatura do Goberno da Xunta e do Executivo central.

Fuente: UGT-Galicia