Case 700.000 persoas están en Galicia en risco de pobreza e exclusión social, a cuarta parte da poboación

Preservar o poder de compra dos salarios e unha política social ambiciosa, os dous piares da recuperación

Os galegos, con incrementos salariais que non chegan ao 4%, con taxas de risco de pobreza e exclusión social de máis do 25% e con máis do 70% das súas pensións por debaixo dos 1.000 euros teñen que afrontar o día a día con taxas de inflación que xa superan os 10 puntos

 

 

Cunha inflación desbocada que fai o día a día moi difícil para moitas familias só hai dúas vías de traballo para afrontar a recuperación en termos de equidade e xustiza para o conxunto da poboación, preservar o poder de compra dos salarios e acometer por parte das administracións políticas sociais ambiciosas que garantan que, tras a crise sanitaria e as consecuencias da guerra en Ucraína, non quede ninguén atrás.

Coñecer a realidade dos fogares galegos pasa por analizar cales son as súas condicións de vida e con que medios contan para afrontar o seu día a día.

Nos vindeiros anos, previsiblemente, os datos aínda serán peores polo custe da vida e as consecuencias da guerra en Ucraína, que aínda non recollen as actuais enquisas

Segundo os datos da Enquisa de condicións de vida de 2021, últimos dispoñibles, obsérvase un recorte da calidade de vida da poboación galega que se pode aventurar que non mellorará nas vindeiras enquisas a causa do proceso de desvalorización salarial e o impacto da guerra de Ucraína que aínda non recolle a última estatística publicada. Polo que, todo apunta a que aínda se intensificarán máis as fracturas sociais.

Vulnerabilidade para a cuarta parte da poboación galega

Segundo a taxa AROPE, un 25,2% da poboación galega, 679.303 persoas, están en situación de risco de pobreza ou exclusión social, é dicir, a cuarta parte da poboación galega está en situación de vulnerabilidade.

Esta taxa derívase dun 10,2% das persoas residentes en fogares que rexistran unha baixa intensidade de traballo (202.638 persoas) e do 20,2% da poboación que está en risco de pobreza (544.521 galegos e galegas). Sen esquecer ao 6,2% da poboación galega (167.130 persoas) que está nunha situación de carencia material e social severa.

A situación empeora en relación a anos precedentes

E, lonxe de mellorar, a situación empeora en relación a anos precedentes. Se ben é certo que a taxa de risco de pobreza, do 20,2, baixou en relación á de 2020, do 22,1%, hai que ter en conta que esta subiu progresivamente dende o 2014, cando era do 15,4%. O indicador de carencia material e social severa, do 6,2, si subiu en relación ao 2020, e moito, case o duplicou, xa que este era do 3,2. A porcentaxe de persoas que residen en fogares que padecen baixa intensidade no traballo tamén subiu, do 8,7 ao 10,2.

Galicia. Risco de pobreza ou exclusión social e dos seus compoñentes (%)

 

2021

Galicia

 Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE)

25,2

 En risco de pobreza (renda ano anterior á enquisa)

20,2

 Con carencia material e social severa

6,2

 Baixa intensidade no traballo

10,2

 

Notas:

A poboación en risco de pobreza ou exclusión social é aquela nalgunha desta situacións:
-En risco de pobreza (60% mediana dos ingresos por unidade de consumo).
-En carencia material e social severa (con carencia en alomenos 7 conceptos dunha lista de 13 (Non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana. Non pode permitirse unha comida de carne, polo ou peixe, Non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada. Non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos. Tivo atrasos no pago de gastos relacionados co ou alugueiro, recibos de gas, comunidade... ou en compras, non pode permitirse dispoñer dun automóbil, etc.)

- En fogares sen emprego ou con baixa intensidade no emprego (Son os fogares nos que os seus membros en idade de traballar (persoas de 18 a 64 anos, excluíndo os estudantes de 18 a 24 anos, os xubilados ou retirados, así como as persoas inactivas entre 60 e 64 cuxa fonte principal de ingresos do fogar sexan as pensións) fixérono menos do 20% do total do seu potencial de traballo durante o ano de referencia. Esta variable non se aplica no caso das persoas de 65 e máis anos).

Fonte: INE – Enquisa de condicións de vida – 2021

 

EVOLUCIÓN INDICADORES DENDE O ANO 2014

 

 

2021

2020

2019

2018

2017

2016

2015

2014

Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (Indicador AROPE)

25,2

25,3

24,2

24,1

23,0

25,3

24,9

23,7

En risco de pobreza (renda ano anterior á entrevista)

20,2

22,1

20,0

18,8

18,7

19,0

19,4

15,4

Con carencia material e social severa

6,2

3,2

5,4

6,1

3,2

4,9

3,9

6,6

Persoas residindo en fogares con Baixa intensidade no traballo  (de 0 a 64 años)

10,2

8,7

11,9

11,0

11,8

13,3

13,7

14,1

 

A fórmula é sinxela, ingresos e gastos, as dúas variables sobre as que hai que actuar

Todo isto explícase segundo a relación de ingresos e gastos dos fogares galegos. É unha fórmula sinxela que nas dúas variables está fortemente condicionada de xeito negativo cunha inflación que supera o 10% e con salarios que soben moi por debaixo deste indicador, polo que se prevé que a futuro os indicadores aínda sexan peores.

Tanto a renda media por fogar como por persoa é inferior en Galicia

Como é a renda dos galegos?. Segundo a Enquisa de condicións de vida do INE do ano 2021, os galegos e galegas teñen unha renda media por fogar de 27.698 euros, por debaixo dos 30.552 do resto do Estado. E unha renda media por persoa de 11.453 euros ao ano, tamén inferior á media estatal que é de 12.269.

 

O 18% dos traballadores e traballadoras pode considerarse pobre, a pesar de ter emprego

Así, unha das variables da fórmula aínda é máis negativa para os fogares galegos, polo que o resultado final tamén vai ser máis prexudicial, cunha inflación que está a complicar moito o día a día das familias debilitando o seu presuposto, de feito, case un de cada cinco traballadores pode considerarse pobre, a pesar de ter emprego, o 18% do total (dato estatal porque non existe a nivel de comunidades autónomas).

En Galicia o 70,4% das pensións son inferiores aos 1.000 euros e case 170.000 baixan dos 500 euros

E isto agrávase aínda máis para aqueles que están en situación de desemprego, cunha taxa de cobertura do 61,07%. Pero é que deste total, 78.865, tan só o 43,8% son prestacións contributivas e o resto son prestacións con contías moito máis limitadas, 39.386 subsidios e 4.965 RAI. Tamén hai outro sector da poboación, os pensionistas, que está a sufrir especialmente na actual conxuntura. En Galicia o 70,4% das pensións (540.537) son inferiores aos 1.000 euros ao mes e esta porcentaxe sobe ata o 83,0% no caso das mulleres. Pero é que 169.188 pensións son inferiores aos 500 euros, o que os sitúa nunha situación de especial complexidade cos prezos da cesta da compra e enerxéticos desbocados para chegar a fin de mes.

As contas non cadran. Soben os salarios un 3,79% e os prezos un 10,2%

Xa que, á vista dos datos, o emprego xa non é suficiente para garantir unha vida digna, urxe subir os salarios conforme ao custe da vida, é dicir, na conxuntura actual resulta imprescindible que nos convenios se garantan as cláusulas de revisión salarial para evitar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras, xa que se ata xullo os salarios subiron en Galicia unha media dun 3,79%, cunha inflación cuxa taxa interanual xa é do 10,8%, resulta evidente que as contas para os traballadores e traballadoras galegas non cadran. Aínda tendo en conta só a inflación subxacente, esta é do 6,1%, por enriba tamén do crecemento dos salarios.

Como sociedade, non podemos conformarnos con que a cuarta parte da poboación viva en risco de exclusión social ou pobreza, mentres as empresas de sectores enerxéticos e doutros aumentan os seus beneficios e especulan cos prezos

UGT-Galicia considera que, como sociedade, non podemos conformarnos con que a cuarta parte dos galegos e galegas vivan en situación de risco de pobreza ou exclusión social, mentres obsérvase o aumento excesivo das marxes das empresas de sectores enerxéticos e doutros que aproveitan a actual conxuntura para especular e elevar os seus beneficios.

Medrar salarios, incrementar o SMI, actualizar as pensións, fortalecer o escudo social e actuar ante o comportamento especulativo de determinados sectores e empresas

Para UGT-Galicia, a receita é clara e sinxela, os salarios teñen que medrar na mesma medida que o fan os prezos, polo que hai que garantir as cláusulas de revisión salarial;  para protexer ao colectivo de traballadores máis vulnerables, é imprescindible facer unha posta decidida por incrementar o SMI, cuxas recentes subas lograron unha mellora das condicións de vida das persoas con rendas máis baixas e unha redución das desigualdades pero a elevada inflación está a mermar este impacto positivo e isto hai que corrixilo; non pode ser tema de discusión a actualización das pensións conforme ao IPC, hai que garantir esta suba; e as administracións deben traballar por fortalecer o escudo social que protexa aos máis vulnerables. Aínda que as medidas anunciadas polo Goberno central van na boa dirección, hai que ir más aló no reforzamento das medidas sociais que protexan a aqueles que teñen rendas máis baixas ou aqueles que están en situación de desemprego e o Sindicato pídelle ao Goberno unha vixilancia máis contundente do comportamento especulativo doutros sectores responsables da espiral inflacionista, impulsando maior competencia, fixando prezos máximos e establecendo sancións disuasorias para os especuladores. Por outra banda, ante o bloqueo da patronal no diálogo social e para repartir esforzos ante a crise, o chamado pacto de rendas, o Goberno pode e debe ser máis incisivo. Porque UGT reitera que, ou salarios, ou conflito.

Aprender da crise de 2008 debe ser a lección. Os traballadores e traballadoras non poden ser de novo os pagáns dunha crise que os seus salarios non motivaron e descabezar socialmente o país, conxelando o escudo social e os servizos públicos, tampouco é a saída, así se demostrou na anterior crise cuxas consecuencias aínda se están pagando a día de hoxe. Manter a demanda e, polo tanto, o crecemento económico, pasa porque o conxunto da cidadanía teña capacidade adquisitiva suficiente.

Fuente: UGT-Galicia