Cara un modelo produtivo que poña no centro a mellora do emprego e das condicións laborais
UGT-Galicia alerta de que o desemprego subiu en Galicia case dous puntos máis que no resto do Estado e de que a afiliación baixou, fronte á suba do Estado
Fecha: 02 Oct 2024
UGT-Galicia alerta de que o desemprego subiu en Galicia case dous puntos máis que no resto do Estado e de que a afiliación baixou, fronte á suba do Estado
Cara un modelo produtivo que poña no centro a mellora do emprego e das condicións laborais
O sindicato insiste en que os seguintes pasos deben ser a reforma do despido e a redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais
Santiago, 2 de outubro de 2024.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social correspondentes ao mes de setembro, publicados hoxe, reflicten o comportamento habitual neste período, cun aumento do paro, consecuencia da finalización da tempada alta de verán.
En conxunto, hai un total de 120.992 persoas rexistradas como paradas, dato de paro máis baixo nun mes de setembro da serie histórica, dende 1996. Con respecto ao ano pasado, hai 9.651 persoas menos en paro.
En relación á afiliación, hai 1.085.846 persoas afiliadas, 14.734 máis que o ano anterior, supoñendo un ritmo de creación do emprego do 1,4%.
Pola súa banda, a temporalidade da afiliación sitúase no 15%, fronte ao 15,91% de hai un mes. Deste xeito, a taxa de temporalidade sitúase 13,5 puntos por baixo da rexistrada no mesmo mes de 2021, antes de que entrase en vigor a reforma laboral, cando ascendía ao 28,45%.
Con respecto á contratación, rexistráronse un total de 70.971 contratos, dos que 22.055 son indefinidos, supoñendo o 31,08% da contratación, isto é, 22,4 puntos máis que os rexistrados no mesmo mes de 2021.
Así pois, os datos deste mes continúan poñendo de manifesto que a norma laboral xurdida da reforma de 2021 está a funcionar, permitindo crear emprego e que este sexa de maior calidade, reducindo de maneira estrutural a temporalidade laboral e coa contratación indefinida en valores máximos.
Seguir a senda da mellora de dereitos
Por iso, é hora de continuar avanzando na mellora dos dereitos das persoas traballadoras, actuando en dúas direccións. A primeira, reformando dunha vez os custos e as causas do despedimento para que se adapten ás disposicións da Carta Social Europea e garantan o dereito dos traballadores e traballadoras a unha protección adecuada en caso de despedimento improcedente, tal e como concluíu o Comité Europeo de Dereitos Sociais tras a reclamación presentada por UGT.
A segunda, a necesaria redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais sen diminución salarial. Unha medida que, ademais de mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas traballadoras, tamén levaría a unha mellor redistribución das horas traballadas, reducindo os elevados niveis de subemprego e incidindo nunha mellora da produtividade e a eficiencia do conxunto da economía.
En definitiva, trátase de apostar por un modelo produtivo que poña no centro a mellora do emprego e das condicións laborais das persoas traballadoras, deixando de lado a precariedade e inestabilidade laboral, tan contraproducentes para a consecución dun patrón de crecemento que sexa sólido e sostido no tempo.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 2.314 persoas con respecto ao mes anterior (1,95%), e no Estado esta cifra tamén subiu, pero menos, un 0,12%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 9.651 persoas, un 7,39% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 120.992 persoas, mínimo histórico nun mes de setembro en Galicia dende 1996.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego subiu, nun 12,7%, unha tendencia máis alta que no resto de idades, e no ano a diminución foi dun 8,05%.
Por sexos, o desemprego sobe en ambos casos. No mes un 2,35% entre os homes e no caso das mulleres sobe nun 1,67%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 7,29% entre os homes e o 7,45% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,13% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 71.538 mulleres, fronte a 49.454 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes de setembro subiu en todos. Sobe un 1,10% na industria; un 5,64% no colectivo sen emprego anterior; un 0,05% na construción; 1,76% na industria; e o 2,10% na agricultura e gandería. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 12,63% no primario; o 10,58% na industria; o 11,85% na construción; o 6,90% no sector servizos; e o 2,5% entre o colectivo de sen emprego anterior.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 31,1%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 43,8%. Realizáronse en setembro un total de 70.971 contratos en Galicia. Antes da reforma laboral, no mes de setembro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 8,71%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 69,4%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 31,1%; na industria, do 22,8%; e no primario, do 28,3%.
En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 74,54%, con 80.308 persoas beneficiarias. Deste total, 36.446 perciben subsidios e 3.942 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 39.920. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.085.846 de media mensual, descendendo un 0,64% no mes e aumentando un 1,38% no ano.