Cándido Méndez recibe o Premio ao Traballo Digno da Fundación Luís Tilve
O que fora secretario xeral de UGT presentou en Santiago, acompañado pola xornalista de La Voz de Galicia Sofía Vázquez e polo secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, o seu libro “Por una nueva conciencia social”
Fecha: 30 Oct 2024
Este martes o que fora secretario xeral de UGT, Cándido Méndez, foi o protagonista de dous actos organizados por UGT-Galicia e pola Fundación Luís Tilve en Santiago, no edificio Cersia.
A mañá comezou coa presentación do libro “Por una nueva conciencia social”. Neste acto o seu autor, Cándido Méndez, foi desgranando o contido da publicación a través dun áxil e intenso diálogo mantido co secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e a xornalista de La Voz de Galicia Sofía Vázquez.
Esta mesa de diálogo a tres deu pe a que Méndez achagase a súa opinión sobre diversos temas que forman parte da actulidade política, social e laboral máis inmediata. Falou de temas como a politica de aranceis e apostou porque esta se implantase en Europa de xeito transitorio; avogou por outro modelo de turismo para o país, máis sostible; apostou por apostar pola transición verde e a dixital para repoboar e darlle vida e contido aos núcleos que presentan problemas de poboación e que tantos hai ao longo da xeografía rural do país; propuxo máis Europa, con máis diñeiro pero con menos burocracia; e, neste senso, considerou que o relanzamento económico na UE non pode atrasarse máis no tempo.
En canto a España, valorou que estamos á cabeza na revolución verde e dixital pero moi coxos en materia de innovación e competitividade e pediu tempo para facer as transicións que se esixen e, sempre, aplicando sobre as mesmas unha taxonomía social facendo fincapé no emprego para non xerar resistencia. Nestes procesos de transformación hai que dar alternativas ao emprego e é aquí onde os sindicatos teñen un papel moi importante que xogar, precisou que decisivo. En definitiva, hai que apostar por unha transición xusta.
Para Méndez, chegou o momento dun gran pacto polo emprego a nivel do Estado. Un acordo que contemple produtividade, redución de xornada ou as transformacións verde e dixital, entre outros aspectos.
En canto ao título do libro “Por una nueva conciencia social”, insistiu en que o mundo xa non é como era e urxe incorporar novoa valores.
Méndez tamén falou de inmigración e pediu, ao respecto, que se deixe de “manosear” este tema. Ao respecto, lembrou que xa UGT e CCOO negociaron no seu momento co ministro Pimentel un acordo de inmigración ordeada, polo que o camiño xa está feito, non hai nada novo que inventar, o camiño a seguir está ben claro.
Finalmente, apelou ao consenso para garantir un contexto político máis estable que non free a etapa de bonanza económica que está a vivir o país. A suma do consenso polítco sumado á intelixencia social que xa estamos a vivir sería o caldo de cultivo perfecto para a conxuntura económica actual.
Entrega Premio Fundación Luís Tilve ao Traballo Digno
No acto de entrega do Premio da Fundación Luís Tilve ao Traballo Digno tanto o presidente da Fundación como o seu secretario, José Benito Núñez e Rogelio Pérez, respectivamente, fixeron unha semblanza do homenaxeado destacando o seu traballo incansable a prol da defensa dos dereitos do traballadores e traballadoras.
O galardoado fixo fincapé en que este é un premio “dos que chegan ao corazón e que enchen de orgullo porque é concedido por aqueles que mellor te coñecen, os teus compañeiros do Sindicato, coñécente nos momentos bos pero tamén nos malos”.
Trasladou a súa satisfacción polo conseguido polo Sindicato e a súa confianza de cara ao futuro nunha UGT equilibrada e que vai ser máis necesaria que nunca. Concluíu agradecendo a distinción e afirmando que “eu estiven no mellor sitio posible, a UGT”.
No acto de clausura tomou a palabra o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que indicou que “debemos transmitir á sociedade a necesidade de recuperar a conciencia de clase, sobre todo cando se detecta unha perda do espírito solidario, colectivo, nun mundo cada vez máis individualista”.
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou o papel central e constitucional das organizacións sindicais na articulación do estado de benestar e, ao respecto, incidiu no diálogo social a través do cal nos momentos máis difíciles se puideron articular unha serie de medidas que contribuíron a non deixar a ninguén atrás nos momentos máis duros.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración agradeceu o papel de Cándido Méndez no arranque da democracia e o seu traballo pola cohesión. Neste senso, apostou polo consenso e por chegar a acordo e en Galicia comprometeuse á institucionalización do diálogo social e manifestou amosarse satisfeito co traballo realizado conxuntamente ata o momento con UGT e CCOO.
Para rematar o acto, José Antonio Gómez fixo un recoñecemento ás xeracións que, como as de Cándido Méndez, fixeron un importante esforzo e un arduo traballo na defensa dos dereitos e liberdades nun momento moi difícil e hoxe gozamos de moitos dereitos grazas a isto.
Tamén amosou a súa preocupación pola deriva que está a tomar o tema da inmigracións, con mensaxes e xeitos de actuar, incluso dende a propia UE, cada vez máis reaccionarios.
Finalmente, fixo fincapé en que UGT sempre ofreceu consenso e vaino seguir facendo.