Cambiar as políticas para crear emprego de calidade
Fecha: 02 Oct 2018
Aumenta o paro en Galicia, como no resto do Estado, aínda que dun xeito máis acusado nesta Comunidade e todos os indicadores apuntan a un mercado laboral que, a pesar da mellora da economía en termos xerais, non consegue estabilizarse e está moi marcado por condicionantes estacionais. Para UGT-Galicia, nesta conxuntura urxe un xiro das políticas económicas e sociais, así, os obxectivos prioritarios das políticas de emprego e tanto dos Orzamentos Xerais do Estado como dos Orzamentos da Xunta para o 2019 deben ser máis emprego de calidade, combatendo o paro de longa duración e a precariedade laboral.
Neste senso, resulta imprescindible que, de xeito inmediato, se atenda a cuestións tan prioritarias como:
-
As prestacións por desemprego, aumentando o grado de protección, tanto a nivel contributivo como asistencial. A taxa de cobertura en Galicia sitúase no 54,4%, fronte ao 61% do resto do Estado, polo que aínda existe risco de pobreza e exclusión para boa parte das familias.
-
As políticas activas de emprego non poden estar orientadas exclusivamente a subvencionar ao sector privado, mediante bonificacións ás empresas para a contratación. Para UGT-Galicia, é necesario poñer en marcha medidas de creación de emprego con recursos adicionais para mellorar a empregabilidade e lograr a inserción permanente dos desempregados, especialmente, dos colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego (parados de longa duración, mozos, maiores de 45 anos…).
-
Loitar contra a contratación temporal e a tempo parcial inxustificadas (só un 10,22% dos contratos asinados en setembro foron indefinidos), xa que, xunto á moderación salarial, están conducindo á economía e á sociedade cara un modelo de desenvolvemento desequilibrado que impide a recuperación das familias e da economía. A mellora da calidade no emprego e das rendas do traballo, no marco da sinatura do IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, é fundamental na rehabilitación a medio e longo prazo da economía no seu conxunto.
A análise das cifras facilitadas hoxe polo Servizo Público de Emprego indican que en Galicia o paro incrementouse no mes de setembro nun 1,15%, con máis intensidade que no resto do Estado, onde a suba foi dun 0,64%. Así, hai en Galicia 166.320 persoas en situación de desemprego, 1.896 máis que no mes anterior.
En relación a hai un ano, o desemprego baixa nesta Comunidade nun 9,6%, 17.737 persoas desempregadas menos. No Estado a baixada é do 6,1%.
MULLERES E MOZOS, OS MÁIS PREXUDICADOS POLO INCREMENTO DO DESEMPREGO
Por sexos, seguen a ser as mulleres as que se levan a peor parte. Mentres entre as mulleres o paro sube nun 1,51%, entre os homes o fai nun 0,64%. De feito, as mulleres representan o 58,7% do total do desemprego, cunha tendencia á alza. 68.684 homes desempregados, fronte a 97.636 mulleres.
Os máis mozos tamén son a outra pata feble do mercado laboral. Entre este colectivo, os menores de 25 anos, o desemprego medrou nun 9,19%, unha evolución moito máis acusada que no conxunto de idades.
Se se centra a análise por sectores de actividade, a evolución é desigual. Mentres no primario o paro baixa nun 4,88%, igual que na construción, un 1,71%, e na industria, un 0,11%. Pola contra, medra nos servizos o 2% e no colectivo de sen emprego anterior nun 1,39%.
Fixéronse 96.818 contratos no mes, cunha diminución do 2,91%. A porcentaxe de contratación indefinida segue a ser moi baixa, de tan só o 10,22%.
UGT-Galicia alerta sobre os datos de cobertura por desemprego. A taxa de cobertura é de tan só o 54,4%, fronte ao 61% estatal, deixando fóra do sistema a 83.076 persoas (tendo en conta tanto aos que teñen dereito á prestación como aos que non o xeraron previamente pero están en desemprego). Ademais, tan só 38.535 persoas perciben prestacións de carácter contributivo, o resto son asistenciais. Isto da unha idea da precariedade na cobertura por desemprego.
En canto á afiliación á Seguridade Social, con 1.013.888 cotizantes, aínda se está lonxe dos datos previos á crise e, ademais, son datos moi marcados pola estacionalidade e temporalidade.
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É JOSÉ CARLOS RODRÍGUEZ DEL RÍO, SECRETARIO DE POLÍTICA INSTITUCIONAL DE UGT-GALICIA. TELÉFONO: 658774009.