A brecha salarial entre homes e mulleres en Galicia achégase ao 21%, 4.708 euros menos

​​

Un ano máis, o 22 de febreiro, conmemórase o Día internacional da igualdade salarial entre homes e mulleres, e un ano máis dende UGT-Galicia hai que alzar a voz de denuncia polas grandes diferenzas salariais que existen entre homes e mulleres que, aínda que nos últimos anos se acurtaron, esta realidade débese máis ás peores condicións coas que acceden os homes ao mercado de traballo na actualidade despois das reformas laborais e a precariedade xeneralizada, que a unha mellora do mercado laboral feminino.

Baixando á realidade das estatísticas, un ano máis estas son moi prexudiciais para as mulleres que en Galicia cobran de media ao ano un 20,9 por cento menos que os homes, o que supón que para percibir o mesmo salario terían que traballar 66 días máis cada ano, ata o 7 de abril. Ou, visto doutro xeito, poderían deixar de traballar o 30 de setembro, xa que a partir desta data estarían a traballar gratis.

Esta brecha é tan só 0,9 puntos inferior á que se rexistraba no 2010. Aínda queda moito por facer. Aclarar que estes datos teñen a súa orixe na Enquisa anual de salarios do ano 2014, publicada en xuño de 2016, os últimos datos dispoñibles.

AS MULLERES GALEGAS DEIXARON DE PERCIBIR 2.229,3 MILLÓNS DE EUROS

Se se contabiliza a brecha salarial en euros, o resultado é que as mulleres galegas deixaron de percibir 2.229,3 millóns de euros no ano 2014. Todo isto sen ter en conta aquel traballo non remuerado que se fai no eido do fogar que, case sempre, recae maioritariamente nas mulleres, coidando dependentes, menores ou realizando as tarefas do fogar.

Tendo en conta o salario medio anual en Galicia, a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres en Galicia foi de 4.708,02 euros. A día de hoxe as mulleres galegas perciben un salario medio similar ao que cobraban os homes no ano 2004.

AS MULLERES GALEGAS PERCIBEN UN 10% MENOS DE SALARIO QUE A MEDIA DAS MULLERES DO RESTO DO ESTADO

Comparando co resto das comunidades autónomas, obsérvase que as traballadoras galegas perciben un 10 por cento menos de salario anual que a media das mulleres do resto do Estado. Galicia é a sétima comunidade autónoma onde o salario medio das mulleres é máis baixo.

Na comparativa con certas comunidades autónomas, como Madrid ou o País Vasco, as mulleres galegas saen moi prexudicadas, cun 23,71 por cento menos no primeiro caso e un 25,16 por cento menos no segundo.

AS MULLERES GALEGAS, TRAS AS CANARIAS, SON AS QUE MENOR RETRIBUCIÓN PERCIBEN POR HORA TRABALLADA

Tras as canarias, as mulleres galegas son os que menor ganancia perciben por hora traballada, un 10 por cento menos que os homes. Esta é unha variable moi significativa, xa que non está afectada nin pola temporalidade nin pola parcialidade.

OS COMPLEMENTOS SALARIAIS SON UNHA DAS CLAVES QUE EXPLICAN O DIFERENCIAL ENTRE HOMES E MULLERES

Existe un factor, os complementos salariais, que explican en moitos casos a existencia das brechas salariais entre homes e mulleres. O peso que teñen os complementos salariais no salario bruto anual dos home é de 762,66 euros máis  ao das mulleres, o que supón unha brecha do 27,85 por cento. UGT-Galicia considera que actuando sobre estes podería reducirse en boa medida a desigualdade dos salarios entre homes e mulleres, máis tendo en conta que na maior parte das veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden tras de si discriminacións directas.

O 36,3 POR CENTO DAS MULLERES TEÑEN INGRESOS SALARIAIS MENORES OU IGUAIS AO SMI

Segundo os datos facilitados pola Axencia Tributaria, no ano 2015 un 36,3 por cento das mulleres teñen ingresos salariais menores ou iguais ao SMI (9.080 euros ao ano), fronte ao 26,6 por cento dos homes. Se se fai unha análise dos salarios máis elevados obsérvase que case 33.500 homes tiveron salarios cinco veces superiores ao SMI, fronte a 13.800 mulleres. Das 4.263 persoas que en Galicia cobran máis de dez veces o SMI, tan só 692 son mulleres.

Por ramas de actividade, en todas dánse as diferenzas retributivas, a maior diferenza rexístrase na rama de agricultura, gandería, silvicultura e pesca e as menores diferenzas dánse na construción e servizos sociais.

Se a análise faise entre o sector público e o privado, obsérvanse grandes diferenzas. Mentres a brecha salarial entre homes e mulleres no primeiro caso non supera o 6 por cento, no segundo é do 26,81 por cento.

En relación ás modalidades de contratación, a indefinida, onde o número de mulleres é inferior, garante uns salarios máis elevados e reflicte unha brecha salarial superior. A maior temporalidade diminúe a brecha salarial.

Por tramos de idade, as mulleres novas e as de máis de 55 anos son as que padecen unha brecha salarial máis elevada, aínda que non se pode esquecer que en ningún tramo de idades o salario feminino é superior ao masculino. No primeiro caso a bracha é dun 24,1 por cento e no segundo dun 23,7 por cento.

UNHA MULLER PARA PERCIBIR OS 18.400 EUROS QUE COBRA UN HOME CON ESTUDOS PRIMARIOS TEN QUE CHEGAR A TER UNHA DIPLOMATURA

Os homes ingresan 18.400 euros de media ao ano cando teñen estudos primarios. Non obstante, unha muller para chegar a esta media salarial precisa ter unha diplomatura universitaria ou similar. En todos os niveis formativos a brecha salarial supera o 25 por cento, excepto no caso de ter unha licenciatura, doutoramento ou similar, onde a brecha queda no 18,93 por cento, aínda así, tamén neste caso as diferenzas en termos absolutos son de 6.553,95 euros. A brecha no caso dos estudos primarios dispárase ao 37,18 por cento.

En materia de prestacións por desemprego, trasládase a realidade do mercado laboral activo. Aínda que as mulleres soportan maiores índices de desemprego, son menos as que perciben prestacións por desemprego e a súa contía tamén é inferior nun 14,3 por ceno á dos homes. Isto debido ás escasas cotizacións, tanto en termos temporais como monetarios, derivadas das súas condicións de contratación e salario. Polo que son moitas as situación nas que non se acadan os mínimos requeridos, o que provoca situacións complexas de riscos de exclusión social e vulnerabilidade.

A BRECHA NO CASO DAS PENSIÓNS É DUN 38,1%

Como consecuencia da brecha salarial, ao longo dunha vida laboral de 36 anos unha muller galega tería que traballar case 10 anos máis que un home para poder percibir as mesmas cantidades por traballos de igual valor. Así, 403.162 mulleres pensionistas galegas viven cun importe medio de 593,54 euros, elevándose no caso das pensións de xubilación a brecha ao 38,1 por cento.

Ademais, subliñar que o 78 por cento das pensións non contributivas de xubilación son percibidas por mulleres, tendo estas unha contía media de 354,46 euros. Son moitas as mulleres que ao final da súa vida laboral teñen que recorrer ao último recurso dispoñible, as pensións non contributivas, o que amosa as dificultades ás que se enfrontan tras a xubilación, xa que son moitos os casos que a pesar de ter cotizado, os períodos non son suficientes para acceder a unha pensión contributiva.

É evidente, á vista dos datos, que son os mellores indicadores dunha realidade certamente preocupante, que hai que seguir traballando na liña de acadar a igualdade salarial entre homes e mulleres e que aínda queda moito por facer.

PROPOSTAS DE UGT-GALICIA PARA UNHA LEI DE IGUALDADE SALARIAL ENTRE MULLERES E HOMES

Por isto, UGT-Galicia pon enriba da mesa un conxunto de propostas para unha lei de igualdade salarial entre mulleres e homes:

  • Definir e desenvolver conceptos como: traballos de igual valor, accións positivas, valoración de postos de traballo, etc.
  • Desenvolver regulamentariamente os contidos mínimos dos plans de igualdade nas empresas, introducindo na súa regulación a necesidade de incluír a material salarial. Ademais, a obrigación de acordar e/ou adoptar os mesmos debe estenderse a empresas de 25 ou máis traballadores.
  • Crear un órgano público (Consello ou Comité para a igualdade salarial) con representación dos Interlocutores Sociais e o Goberno, que poida manexar datos reais das empresas e revisar convenios colectivos para detectar discriminacións e desigualdades salariais. Así mesmo este órgano podería revisar os supostos nos que as traballadoras ou os seus e as súas representantes expoñan unha demanda para que se avalíe a posible desigualdade ou discriminación salarial na súa empresa.
  • Obrigar ás empresas de 25 ou máis traballadores e traballadoras a someterse a auditorías periódicas de igualdade salarial a instancia de parte, incluída a representación das traballadoras e traballadores e/ou sindical.
  • Crear un rexistro público no que as empresas de 25 ou máis traballadores e traballadoras estean obrigadas a rexistrar anualmente as retribucións (tanto salariais como extra-salariais, en diñeiro ou en especie) de todos os seus traballadores e traballadoras.
  • Incrementar as sancións ás empresas que non respecten a normativa sobre igualdade de xénero, incluída a igualdade salarial.
  • Obrigar ás empresas para revisar as clasificacións profesionais e a valoración de postos de traballo dirixidas a eliminar a discriminación e a desigualdade estrutural salarial entre mulleres e homes, nun período de tempo e coa representación sindical dos traballadores e traballadoras.
  • Instaurar sistemas de valoración de postos de traballo obxectivos non sexistas por sectores de actividade que garantan a igualdade salarial por xénero e a obrigatoriedade de aplicación futura, previo consenso cos interlocutores sociais.
  • Introducir a presunción de existencia de discriminación salarial por razón de xénero, salvo proba en contrario, cando no ámbito dunha empresa ou entidade, a media de percepcións salariais e extra-salariais dos traballadores dun dos sexos supere en máis de 20 puntos porcentuais o dos traballadores do outro sexo.
  • ​Establecer como competencia dos representantes dos traballadores e traballadoras, a de recibir información sobre as retribucións e sobre a composición do persoal con carácter periódico semestral, na que se detalle a retribución completa media de mulleres e homes, desagregado por grupos, categorías e/ou niveis profesionais, así como a distribución do persoal por sexos en cada grupo, categoría e nivel profesional  e sobre os ascensos e promocións profesionais.
  • Establecer que a Autoridade Laboral actuará de oficio ante o órgano xudicial competente cando se constate que no seu ámbito de aplicación, e durante a vixencia do convenio colectivo, a media de percepcións salariais e extra-salariais, dos traballadores dun e outro sexo, supera en máis de vinte puntos porcentuais ao dos traballadores do outro sexo, co fin de determinar se existe unha discriminación salarial directa ou indirecta. 
  • Propoñer ao Pacto de Toledo o estudo cuantificado das desigualdades e discriminacións de xénero no sistema de protección social así como das posibles medidas de corrección das mesmas a curto e medio prazo e no seu caso con cargo a financiamento complementario.



 

Fuente: UGT-Galicia