A brecha salarial en Galicia é dun 22,6%, percibindo as galegas 5.488 euros menos ao ano

O 36% das mulleres asalariadas teñen ingresos menores ou iguais ao SMI

A brecha salarial en Galicia é dun 22,6% (do 36,3% nas pensións), percibindo as galegas 5.488 euros menos ao ano

As mulleres galegas perciben un 8,6% menos de salario que a media estatal e están á cola en ganancia por hora traballada, só superan ás canarias e murcianas


 

Santiago, 18 de febreiro de 2020.- Co gallo da celebración o 22 do Día pola igualdade salarial, a secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, presentou hoxe en Santiago en rolda de prensa un estudo no que, un ano máis, ponse de manifesto a brecha salarial que existe entre as traballadoras e os traballadores galegos, dun 22,6%, brecha que se traslada aos cobros das prestacións e das pensións no futuro, e que afecta a todos os tramos de idade, sexa cal sexa o nivel formativo ou a rama de actividade.

Ante esta realidade, a todas luces inxusta e discriminatoria, UGT-Galicia insiste en que hai que seguir avanzando en materia lexislativa para rachar dunha vez por todas con esta lacra, facendo realidade a Lei de igualdade salarial que o Sindicato xa ven demandando dende hai anos; desenvolver regulamentariamente os instrumentos cos que se conta xa, dotar dos medios suficientes á Inspección para que actúe neste ámbito de xeito incisivo; actuar no eido da negociación colectiva; seguir incidindo na mellora do SMI, que actúa directamente dun xeito positivo para acurtar a brecha; e, en definitiva, traballar para que a igualdade salarial entre homes e mulleres sexa real e efectiva.

Entrando de cheo nas cifras, estas apuntan a que no ano 2017 (último dato dispoñible baseado na Enquisa de Estrutura Salarial 2010-2017), as mulleres galegas percibiron un salario anual medio inferior nun 22,6% aos dos homes, distancia aínda superior á que se rexistraba no 2010, cando a brecha era do 21,8%. De feito, sobre o ano anterior tan só baixou en 0,4 puntos.

Esta brecha é produto tanto das discriminacións retributivas como doutros factores, como a segregación por sexos existente no eido laboral; no tipo de contratación, na distinta promoción nas empresas ou na asunción de responsabilidade familiares, entre outros factores.

As mulleres galegas perciben un salario medio similar ao que percibían os homes no ano 2005

Así, dedúcese que a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres foi no 2017 de 5.488,11 euros, a máis ampla de todo o período analizado. As mulleres galegas perciben un salario medio similar ao que percibían os homes galegos no ano 2005/2006.

As mulleres galegas deixaron de percibir 2.752 millóns de euros no 2017

Se se contabiliza a brecha salarial en euros, constátase como as mulleres en Galicia deixaron de percibir 2.752 millóns de euros no ano 2017, e isto deixando á marxe o traballo non retribuído que as mulleres desempeñan no eido familiar.

As mulleres galegas cobran un 8,6% menos que a media dos salarios das mulleres no resto do Estado

En relación a outras comunidades autónomas, a brecha salarial das mulleres galegas supera a media do conxunto do Estado, onde é do 21,9%. De feito, os ingresos medios das mulleres galegas (18.833,53 euros) foron 1.774,32 euros inferiores á media dos salarios medios das mulleres do conxunto do Estado, o que supón un 8,6% menos.

Por outra banda, segundo os datos de Eurostat, que analizan a brecha en salarios hora, ponse de manifesto que as mulleres seguen gañando unha media do 16% menos que os homes na UE, o que supón que dende o 3 de novembro e ata final de ano as mulleres europeas traballan gratis. En España esta brecha é do 15,1%, polo que as traballadoras do noso país traballan gratis dende o día 5 de novembro ata final de ano.

As galegas son as que menos ganancia por hora normal traballada teñen, só superadas polas canarias e murcianas

No relativo á ganancia por hora normal traballada, as mulleres galegas, tras as canarias, murcianas e ao mesmo nivel que as estremeñas, son as que menor retribución por hora perciben de todo o Estado e a súa retribución é un 13,8% inferior á dos homes galegos, e un 9,3% menos que as mulleres do resto do Estado. Este é un indicador moi significativo porque elimina a desviación que pode xerar a contratación a tempo parcial e a contratación temporal da que maioritariamente son vítimas as mulleres, ao falar de hora traballada elimínase esta distorsión e, aínda así, segue a existir unha importante brecha.

Nos complementos salariais a brecha elévase ata o 27,8%

Nos pagos extraordinarios, complementos salariais, a brecha elévase ao 27,8%, o que, de feito, supón unha das principais causas das discriminacións salariais en postos de traballo iguais. UGT-Galicia insiste en que, de seguro, que actuando sobre estes complementos podería reducirse unha boa parte da desigualdade salarial entre homes e mulleres, ademais, tendo en conta que en moitas ocasións estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables.

É coñecido que a contratación indefinida, por norma xeral, garante salarios máis elevados, precisamente, onde o número de mulleres é menor, e, ademais, reflicte unha brecha salarial superior á dos contratos de duración determinada.

No 2017 houbo en Galicia 312.700 homes con contratos indefinidos, cunha brecha do 24,1%, fronte a 291.300 mulleres nesta modalidade de contratación. No caso da contratación de duración determinada, rexistráronse 105.800 homes, fronte a 117.500 mulleres, aquí a brecha foi do 12,5%.

A diferenza salarial media no caso dos contratos indefinidos elévase aos 6.209,29 euros

A diferenza salarial media no caso dos contratos indefinidos elévase aos 6.209,29 euros e é no caso dos temporais de 2.247,67 euros.

Se se analizan os salarios no eido público ou no privado, a brecha persiste, aínda que é moi superior no sector privado, do 26,8%, fronte ao 5,9% no caso do público.

A brecha dáse en todos os tramos de idade e en todos os sectores

Por tramos de idade, en todos, as mulleres perciben salarios inferiores aos dos homes. Entre os 25 e os 34 anos a brecha é do 22,9%; entre os 35 e os 44, do 19%; entre os 45 e os 54 anos, do 24,3%; e no de máis de 55, do 22%. Isto amosa que a desigualdade afecta a todas as idades.

Unha muller para percibir unha cantidade superior aos 18.400 euros necesita unha diplomatura, cando a un home chégalle cos estudos primarios. A brecha dáse en todos os niveis de estudos

Outra realidade que se constata no estudo presentado hoxe é que a igual formación, as mulleres galegas perciben salarios inferiores aos dos homes. Resulta significativo que unha muller para percibir unha cantidade superior aos 18.400 euros necesita unha diplomatura universitaria, cando a un home chégalle con estudos primarios.


 

A brecha salarial supera o 25% en todos os niveis de estudos, salvo no caso de ter unha licenciatura, doutoramento ou similar, onde é do 18,9%, pero cunha diferencia elevada en termos cuantitativos, de 6.553,11 euros. A brecha no caso dos estudos primarios dispárase ao 37,2%.

Tamén en todas as ramas de actividade os salarios das mulleres son inferiores. As brechas máis elevadas están en “Entidades financeiras e aseguradoras” (28,9%) e en “Servizos ás empresas” (28,3%).

Se se ten en consideración o SMI, obsérvase que o 35,9% das mulleres asalariadas teñen ingresos salariais menores ou iguais ao SMI, fronte ao 24,7% dos homes.

UGT-Galicia insiste en que, sen dúbida, a suba do SMI mellorará á poboación máis desfavorecida no emprego asalariado, as mulleres.

A brecha arrástrase ao desemprego e ás pensións

Cando se abandona o mercado laboral, a brecha arrástrase, tanto ao desemprego como á xubilación. A contía das prestacións por desemprego que perciben as mulleres é inferior á dos homes nun 12,2%.

O mesmo sucede coas pensións, cunha brecha salarial nas pensións de xubilación que se eleva ata o 36,3% no ano 2019.


 

NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA DE IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS DE UGT-GALICIA, MÓNICA RODRÍGUEZ. TELÉFONO DE CONTACTO: 628470657.

 

INFORME SOBRE A DISCRIMINACIÓN SALARIAL CARA ÁS MULLERES. FEBREIRO 2020


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia