A brecha salarial é do 19,3% en Galicia (case 5.000 euros menos ó ano), subindo ata o 30,4% no sector privado

A brecha baixa dous puntos en relación ó ano anterior. Hai que lembrar que no 2018 apróbase unha suba do SMI do 22,3% que, de seguro, está detrás desta mellora e UGT agarda que coas subas posteriores a brecha aínda se reduza máis

A brecha salarial é do 19,3% en Galicia (case 5.000 euros menos ó ano), subindo ata o 30,4% no sector privado

Nas pensións esta supera o 35%

Santiago, 15 de febreiro de 2022.- Un ano máis, este 22 de febreiro, Día da igualdade salarial, dende UGT-Galicia denúnciase que a brecha salarial entre homes e mulleres persiste, é do 19,3% en Galicia, o que provoca que as traballadoras galegas perciban case 5.000 euros menos ó ano. Pero é que esta brecha sube ata o 30,4% se se analiza só o sector privado e ó 35% no caso das mulleres que cobran pensións de xubilación.

As subas do SMI e a reforma laboral, dous aliados contra a brecha salarial

Non obstante, dentro destes malos datos, existe unha pequena mellora que compre poñer en valor. A brecha baixou dous puntos en relación ó ano anterior e é a máis baixa dos último dez anos. UGT-Galicia considera que, de seguro, detrás disto está a suba do SMI en decembro de 2018 dun 22,3%, a maior suba en catro décadas. E, polo tanto, agárdase que as subas posteriores continúen mellorando a situación das mulleres.

Nos datos facilitados hoxe aínda non se poden deixar ver os resultados da reforma laboral que entrou en vigor o 31 de decembro e que foi recentemente convalidada e que terá unha incidencia directa na contratación temporal.

Polo tanto, hai que concluír que nestes anos estanse logrando progresos pero a desigualdade é evidente que aínda persiste. As razóns detrás da brecha salarial son múltiples e complexas, esta está relacionada con factores máis aló da propia remuneración polo mesmo traballo, aínda que este é un dos fundamentais. Está relacionada coa súa representación no mercado laboral, co modelo de contratación que soportan as mulleres, que sofren máis parcialidade involuntaria, cunhas carreiras profesionais menos estables por ter que asumir en moitas ocasións a conciliación ó cen por cento, por ter unha maior representación en sectores máis precarizados.... pero o que hai que ter claro é que todo isto conduce, tanto no presente laboral como no seu futuro de cara á xubilación ou posibles situacións de desemprego, en moitas ocasións a situacións que rozan o risco de pobreza e a exclusión social.

As cifras e as estatísticas son claras e contundentes. A nivel comunitario, segundo os datos de Eurostat, que analiza a brecha salarial en salario/hora, en España a diferenza salarial entre homes e mulleres é do 11,9%, do que se deduce que as mulleres españolas traballaron gratis 43 días no ano 2021, dende o 18 de novembro ata o 31 de decembro.

As mulleres galegas, as terceiras pola cola en retribución por hora traballada

Se se continúa coa análise da retribución por hora, a nivel do Estado, obsérvase que as mulleres galegas, con 13,40 euros horas, ocupan o terceiro posto polo cola, só sofren retribucións máis baixas as de Canarias, con 12,98, e as de Estremadura, con 12,89.

En relación ós homes, a brecha en Galicia por hora é de 10,1 puntos, 13,40 euros, fronte a 14,91. Todo isto, segundo datos da Enquisa anual de estrutura salarial do INE do ano 2019, publicada o 22 de xuño de 2021. Estes datos son moi significativos porque eliminan calquera distorsión, en relación ó modelo de contratación, que se podería utilizar como escusa para xustificar salarios máis baixos porque aquí o que se valora é o pago por hora de traballo, independentemente se se está a falar dun contrato a tempo completo ou parcial.

Entre os sete grandes concellos, Vigo rexistra a maior brecha por hora traballada

O Instituto Galego de Estatística tamén achega datos moi interesantes en relación á brecha por hora traballada nos sete principais concellos de Galicia. A maior brecha rexístrase no de Vigo, dun 17,1%; A Coruña, do 15,3%; en Santiago, do 11,2%; en Ferrol, do 11%; do 8,5% en Pontevedra; do 8% en Ourense; e do 2,4% no concello de Lugo.

As mulleres galegas perciben un salario medio similar ó que cobraban os homes hai 12 anos e a cantidade que deixan de percibir nun ano supera os 2.000 millóns de euros en Galicia

Xa tendo en conta as retribucións medias anuais, a brecha salarial é en Galicia, segundo os datos da Enquisa anual de estrutura salarial do INE do 2019, último dato dispoñible, do 19,3%. É dicir, as mulleres galegas cobran 4.724,57 euros menos ó ano que os homes. As mulleres galegas perciben un salario medio, o dato máis próximo, ó que percibían os homes nos anos 2007/2008, máis dunha década atrás, o que pon de manifesto a lenta revalorización do salario feminino.

Isto supón que as mulleres en Galicia deixaron de percibir no ano 2019 2.463 millóns de euros, sen ter en conta o que supoñería o traballo non retribuído que as mulleres desempeñan no eido familiar.

O salario medio das traballadoras galegas é un 8,6% inferior á media do Estado

No caso da brecha salarial calculada para o salario medio, en Galicia é similar á media estatal, do 19,3% e do 19,5% no resto do Estado. Non obstante, onde si existen máis diferenzas é no salario medio das mulleres galegas, de 19.818,26 euros ó ano, fronte ós 21.682,02 de media do Estado. É dicir un 8,6% menos de salario para as traballadoras galegas. Pero é que esta diferenza pode alcanzar o 24,4% no caso de comunidades como a do País Vasco. Non obstante, aínda que haxa diferenzas por comunidades autónomas, o que si é certo é que a brecha salarial, maior ou menor, dáse en todas.

Os complementos salariais teñen un peso específico na desigualdade

Os complementos salariais teñen un peso específico na desigualdade e actuando sobre estes podería reducirse a brecha. Así, en Galicia a brecha nos pagos extraordinarios é do 27,9%. O peso que teñen os complementos salariais no caso do salario bruto anual dos homes é de 701,66 euros máis ó das mulleres. Hai que ter en conta que moitas veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden en si mesmos un factor discriminatorio.

Por modalidade de contratación, no caso da indefinida a brecha é de 20,4 puntos e de 12 na contratación temporal. No caso da xornada a tempo completo a brecha é dun 11,4% e do 16,5 no caso do tempo parcial.

A brecha salarial que se rexistra nas empresas públicas é moi inferior á do sector privado, dun 6,6%, fronte ó 30,4%.

Por idades, en todos os tramos dáse a brecha salarial, aínda que a maior idade esta tamén se incrementa. De 45 anos en diante a brecha é a máis alta, do 21%.

As maiores brechas por nivel de estudos se dan no nivel de educación primaria e no nivel de licenciaturas ou doutorados

A igual nivel de estudos as mulleres sempre perciben menos salario, superando o 25% en todos os niveis analizados, salvo no caso da diplomatura universitaria ou similar onde a brecha é do 17,%, aínda así, con 5.451,06 euros menos ó ano que perciben as mulleres con esta titulación fronte ós homes. A brecha dispárase ó 36,3% no caso dos estudos primarios e tamén é bastante elevada no caso dos licenciados ou similares e doutores universitarios, do 28,6%. As estatísticas reflicten que un home con estudos primarios percibe unha retribución media de 19.519,97 euros, mentres que unha muller para chegar a ela ten que contar cunha diplomatura universitaria ou similar.

Por ramas de actividade, en todas dáse brecha salarial. Esta é máis acusada na de “outros servizos persoais e de ocio” (31,4%); “servizos ás empresas” (27,1%); “comercio, reparación e transporte” (27,1%); “entidades financeiras e aseguradoras” (26,2%); e “servizos ás empresas” (27,1%). Pola contra, as menores diferenzas están na “construción e actividades inmobiliarias” (10,3%); e “servizos sociais” (17,3%). No primeiro caso, basicamente, porque o número de mulleres é escaso e as súas labores céntranse no eido técnico, comercial e de xestión, mellor retribuídas. No segundo caso, porque existe un gran peso do sector público.

O 46,8% das mulleres asalariadas galegas teñen ingresos menores ou iguais ó SMI, fronte ó 32,5% dos homes

Por outra banda, a análise das estatísticas amosa que o 46,8% das mulleres asalariadas teñen ingresos menores ou iguais ó SMI, fronte ó 32,5% dos homes. Se se analizan os salarios máis elevados a situación é inversa. 13.725 homes tiveron salarios cinco veces superiores ó SMI, fronte a 6.506 mulleres.

Resulta evidente que as situación de presente trasládanse ó futuro, ás pensións e prestacións por desemprego. Neste último caso a brecha é dun 6,6% pero hai que ter en conta que son moitas as mulleres que rematando a súa relación laboral non teñen dereito a prestacións debido ás súas precarias condicións que derivan en escasas cotizacións e as dificultades para acadar o mínimo solicitado para ser beneficiarias. Ademais, neste contexto, non se pode esquecer ás 24.185 traballadoras do Réxime especial de persoas empregadas do fogar que non teñen dereito ó desemprego.

No 2002 a diferenza da contía das pensións era de 188,48 euros e agora elévase ata os 418,89 euros

En canto ás pensións de xubilación, a brecha é do 35,4%. Un dato moi significativo é que, mentres no 2002 a diferenza entre a pensión de xubilación dun home e dunha muller era de 188,48 euros, no 2021 esta elévase ós 418,89 euros.

Os datos son contundentes, analícense por onde se analicen, e é evidente que, aínda que nos últimos anos implementáronse medidas na liña de paliar esta lacra do mercado laboral, aínda queda moito por facer para que as mulleres non sigan sendo a pata feble do mercado laboral e as maiores vítimas das súas grandes eivas.

Así, neste contexto, a UE ten agora a oportunidade de pechar a brecha salarial de xénero, adoptando unha Directiva sobre transparencia salarial que faculte ás traballadoras para que se reevalúe o valor do seu traballo, agora infravalorado; e impulsando unha Directiva sobre salarios mínimos adecuados que eleve os salarios mínimos a un limiar de decencia e elimine obstáculos á negociación colectiva.

UGT-Galicia lembra que en España contamos cun acordo de Salario Mínimo Interprofesional, que debemos seguir mantendo e reivindicando o seu aumento nos próximos anos, pero reclama ás empresas que cumpran co Real Decreto sobre Igualdade Retributiva e permitan ás traballadoras españolas coñecer os motivos da súa discriminación salarial e eliminalos, corrixilos e previlos nun futuro a través dos Plans de Igualdade e os Convenios Colectivos.

Ademais, UGT esixe unha maior acción da Inspección de Traballo ou dos xulgados correspondentes no cumprimento da Lei, xa que os Rexistros Retributivos, obrigatorios en todas as empresas españolas, e as Auditorías Salariais, imperativas para quen ten ou queren poñer en marcha un Plan de Igualdade, son imprescindibles para poder demostrar a discriminación cara as mulleres.

 

 

INFORME BRECHA SALARIAL GALICIA 2022

Fuente: UGT-Galicia