Bota a andar a ILP “Polo dereito á vivenda en Galicia”

Sumar Galicia e UGT-Galicia presentaron hoxe en Santiago esta Iniciativa, que tamén conta co apoio de Verdes Equo Galicia

Fecha: 07 Sep 2026

vivendailp

Bota a andar a ILP “Polo dereito á vivenda en Galicia”

Sumar Galicia e UGT-Galicia presentaron hoxe en Santiago esta Iniciativa, que tamén conta co apoio de Verdes Equo Galicia

Santiago, 7 de setembro de 2026.- O secretario xeral de UGT-Galicia e a súa vicesecretaria xeral de Dereitos Sociais, Cristóbal Medeiros e Ana María Pereiro, respectivamente, e o secretario xeral do Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, e a portavoz de Sumar no Congreso Verónica M. Barbero presentaron hoxe en Santiago ante os medios de comunicación a ILP “Polo dereito á vivenda en Galicia”.

 

Bota así a andar unha ILP que nace da necesidade de dar resposta a un dos grandes problemas que ten a sociedade galega, o acceso á vivenda. Nos últimos anos o prezo da vivenda, tanto en réxime de aluguer como de compra, disparouse moi por riba da capacidade económica media dos fogares e todo isto cun parque público de vivenda nesta Comunidade meramente testemuñal e cunha oferta privada cada vez máis excluínte e agravado todo isto pola ausencia dunha política autonómica decidida e transformadora por parte da Xunta.

 

Ante esta conxuntura de emerxencia habitacional, Sumar Galicia, UGT-Galicia e Verdes Equo Galicia decidiron poñer en marcha a ILP que hoxe se presentou e que aglutina unha serie de medidas destinadas a mellorar o acceso á vivenda nesta Comunidade, reducir a desigualdade e promover a cohesión social, protexendo os fogares de rendas baixas e medias e devolver á propiedade inmobiliaria a súa función social, evitando que a vivenda se converta exclusivamente nun instrumento especulativo.

 

Límite dun terzo do SMI no alugueiro

 

Nesta ILP establécese un límite máximo ao prezo do alugueiro para vivendas destinadas a residencia habitual, que quedaría vinculado directamente ao SMI, non máis dun terzo deste.

 

Prezos máximos nas residencias universitarias

 

Ademais, prevese unha regulamentación dos prezos máximos das prazas nas residenciais universitarias e apóstase por crear un Plan galego de prazas de residenciais universitarias que aumentará a oferta pública ata acadar o 80% en dez anos, asegurando tarifas accesibles e transparentes, perséguese con isto garantir a igualdade de oportunidades para o estudantado. 

 

Vivendas de uso turístico

 

En canto ás vivendas de uso turístico, a ILP pretende que a regulación deste uso no comprometa a función social da vivenda ni reduza a oferta destinada a residencia habitual. Así, apóstase por un sistema reforzado de control, coordinación e disciplina en materia de vivendas de uso turístico. Deste xeito, a inscrición no rexistro autonómico de vivendas de uso turístico quedará condicionada á previa acreditación da licenza municipal de actividade. Haberá que establecer un sistema de cruzamento de datos entre a Xunta e concellos para detectar situacións de ilegalidade ou incumprimentos. A Consellería competente tamén debe reforzar as inspeccións. 

 

Fogares vulnerables

 

Para os fogares máis vulnerables, colectivos con especial protección, a Xunta deberá establecer un programa de axudas co fin de cubrir o que exceda do 20% dos ingresos dispoñibles da unidade de convivencia no pago do alugueiro, cuxo prezo máximo quedará fixado nun terzo do SMI, como xa se aclarou en parágrafos precedentes.

 

Non discriminación

 

A ILP presentada hoxe tamén establece unha disposición concreta en materia de prohibición e prevención da discriminación no acceso ao alugueiro de vivenda. 

 

Por outra banda, as vivendas cualificadas como de promoción pública, protección autonómica de Galicia ou vivenda protexida de promoción privada deberán manter de xeito permanente o seu réxime de protección, sen que poidan ser obxecto de descualificación.

 

Xa nun eido máis estritamente formal, Paulo Carlos López aclarou que a ILP que hoxe bota a andar terá un percorrido de preto de 14 meses ata que chegue ao Parlamento galego, tras a recollida de, como mínimo, 10.000 sinaturas, recollida que se fará tanto de xeito presencial como telematicamente. 

 

Pola súa banda, Verónica M. Barbero deixou claro que a crise da vivenda non é inevitable, falta vontade política por parte do Goberno da Xunta que permaneceu expectante ante unha suba dos prezos do aluguer nun 60% nos últimos dez anos. Matizou que xa non se trata só dun problema das grandes urbes, a emerxencia habitacional esténdese en Galicia tamén ás medianas e pequenas vilas, sobre todo na costa, pero tamén ao rural. 

 

Ao respecto, o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros alertou sobre o feito de que a día de hoxe o problema escala tamén aos traballadores e traballadoras con nómina, con contratos estables, para eles e elas a vivenda converteuse tamén nun problema laboral de primeira orde. Precisou que un salario non é só o que entra na conta. É o que queda despois de pagar a vivenda.

 

En Galicia, a taxa de risco de pobreza rolda o 32 % entre as persoas que viven de alugueiro, fronte a pouco máis do 10 % entre quen vive nunha vivenda en propiedade

Explicou que en Galicia, a taxa de risco de pobreza rolda o 32 % entre as persoas que viven de alugueiro, fronte a pouco máis do 10 % entre quen vive nunha vivenda en propiedade. E tres de cada catro mozos e mozas de entre 18 e 29 anos continúan vivindo no fogar familiar. “Non temos unha mocidade acomodada. Temos unha mocidade bloqueada”, matizou. Bloqueada por salarios máis baixos, maior precariedade e alugueiros que non pode asumir.

Foi máis aló e indicou que ás veces, detrás da falta de traballadores está a falta de vivenda. Precisou que “non podemos pedirlle a unha enfermeira, a un mestre, ou a unha camareira que se traslade a unha localidade na que o alugueiro se vai comer boa parte do seu salario”. “Iso non é mobilidade laboral. Iso é facer imposible o emprego”, sentenciou.

En canto ás vivendas de uso turístico, aclarou que, segundo os datos difundidos polo Ministerio de Consumo, máis de seis de cada dez anuncios analizados en Galicia non incluían o número de rexistro ou a acreditación esixida.

Por iso, a ILP propón que, antes de inscribir unha vivenda como turística, exista unha licenza municipal de actividade ou un pronunciamento expreso sobre a súa compatibilidade urbanística. A apertura de calquera negocio leva consigo unha serie de trámites. Non se entende que para poñer en marcha unha vivenda de uso turístico abonde cunha simple declaración responsable.

E, como sindicato, hai outra realidade que non podemos esquecer: as condicións laborais das persoas que traballan nestas vivendas. Detrás de cada entrada e de cada saída hai limpeza, lavandería, recepción, atención de reservas e mantemento. Falamos dun traballo moi feminizado, cunha presenza importante de mulleres migrantes, no que unha mesma persoa pode realizar varias funcións, desprazarse dun piso a outro sen que ese tempo compute como xornada ou estar contratada a tempo parcial cando, na práctica, traballa máis horas das que figuran no contrato. Tamén existen riscos de emprego non declarado e importantes carencias en materia de prevención.

Control das condicións laborais nas VUT

Esta ILP actúa sobre a ordenación e o control das vivendas turísticas. E nós, como sindicato, dicimos que ese control tamén debe chegar ao emprego que xeran. Hai que garantir contratos, rexistro da xornada (sobre todo para destapar as miles de horas extras non computadas ou as xornadas parciais camufladas) aplicación do convenio colectivo, salarios dignos, cómputo dos desprazamentos que forman parte do traballo e prevención de riscos laborais. Non se pode facer turismo de luxo con emprego precario.

En canto á vivenda protexida, Medeiros indicou que no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia hai preto de 36.000 inscricións. Máis de sete de cada dez corresponden ao alugueiro ou ao alugueiro con opción de compra.

Por iso, esta ILP establece que todas as vivendas protexidas manteñan esa condición de maneira permanente.

Isto non significa que non se poidan transmitir. Significa que, aínda que cambien de propietario, deben continuar sometidas ás condicións e aos prezos da vivenda protexida.

Unha vivenda protexida non pode ser social ao principio e especulativa ao final. Se unha vivenda se construíu con solo público, con axudas públicas ou con condicións especiais para cumprir unha función social, debe conservar esa función.

O secretario xeral de UGT-Galicia concluíu pedindo á cidadanía que se achegue a esta ILP e a respalde coa súa sinatura, así como un achegamento tamén das forzas políticas porque  xa non abonda con describir o problema da vivenda, hai que buscar solucións. Porque, se unha persoa traballa a xornada completa e, aínda así, non pode pagar un fogar, non fracasou esa persoa, fracasou a sociedade.

 

TEXTO ILP

Fuente: UGT-Galicia