A boa marcha da economía segue impulsando a creación de emprego
O sindicato lembra que aínda hai cuestións relevantes que resolver no funcionamento do mercado de traballo, principalmente no relativo á calidade de vida das persoas traballadoras
Fecha: 02 Dic 2025
A boa marcha da economía segue impulsando a creación de emprego
O sindicato lembra que aínda hai cuestións relevantes que resolver no funcionamento do mercado de traballo, principalmente no relativo á calidade de vida das persoas traballadoras
Santiago, 2 de decembro de 2025.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social correspondentes ao mes de novembro, publicados hoxe, reflicten unha caída do desemprego de 1.814 persoas e da afiliación en 2.346 persoas, algo que adoita suceder neste mes por motivos estacionais. En particular, o mes de novembro é tradicionalmente malo para o sector turístico, o que incide negativamente sobre as cifras de emprego globais.
A afiliación á Seguridade Social caeu en 2.346 persoas respecto a outubro (-0,21%), alcanzando 1.100.638 persoas afiliadas. En comparación co mesmo mes de 2024, contabilízanse 19.516 persoas afiliadas máis, o que se traduce nunha taxa anual de creación de emprego do 1,81%, un ritmo moi notable. Todo iso demostra que a tendencia do mercado laboral permanece positiva e sólida, á marxe das oscilacións estacionais propias de cada mes.
Pola súa banda, o desemprego descende en 1.814 persoas respecto a outubro, situándose en 111.572 persoas desempregadas en Galicia, a cifra máis baixa para un mes de novembro desde 1996. Este descenso vese favorecido polo inicio das campañas de Nadal, como o Black Friday, que activan especialmente sectores como a loxística, o comercio e a distribución. Ademais, en comparación con novembro de 2024, o desemprego caeu en 10.170 persoas, o que representa unha caída do 8,35%.
Durante este mes rexistráronse un total de 55.590 contratos, dos cales 17.590 son indefinidos, representando un 31,64% do total. Esta porcentaxe supón un incremento de 18 puntos respecto a novembro de 2021, antes da entrada en vigor da reforma laboral.
Doutra banda, a temporalidade da afiliación sitúase no 14,28%. Aínda así, a taxa de temporalidade sitúase 14,12 puntos por baixo da rexistrada no mesmo mes de 2021. Isto pon de manifesto que a nova normativa laboral continúa mostrando a súa eficacia para abordar un dos problemas estruturais máis persistentes do noso mercado de traballo.
Así, a boa marcha da economía española segue impulsando a creación de emprego, que ademais é de mellor calidade grazas aos cambios impulsados na última reforma laboral. A pesar deste positivo comportamento, aínda hai cuestións relevantes que resolver no funcionamento do mercado de traballo.
Neste sentido, aínda queda unha ampla marxe para seguir reducindo o desemprego, especialmente entre quen leva máis dun ano buscando traballo. Este colectivo require apoios específicos que faciliten o seu retorno ao mercado laboral. Por iso, UGT insiste na necesidade de reforzar as políticas activas de emprego, dotándoas dun deseño máis eficaz e dunha execución capaz de ofrecer orientación personalizada e servizos que realmente melloren a empregabilidade das persoas desempregadas.
Impulsar salarios máis xustos e elevados
Tamén resulta fundamental impulsar salarios máis xustos e elevados, acordes cos altos beneficios que están a obter as empresas e co sólido dinamismo económico actual. As subidas pactadas en convenio permitiron unha lixeira recuperación do poder adquisitivo en 2023 e 2024, impulsada polo V AENC, afianzándose en 2025 cun incremento salarial medio do 3,5%, fronte a un 2,7% de inflación. Con todo, o golpe inflacionario de 2022 provocou unha perda de poder de compra que aínda non se compensou por completo e que se ve agravada agora co aumento desmesurado dos prezos da vivenda. Recuperar esa capacidade de consumo é imprescindible para fortalecer a demanda interna e seguir impulsando a actividade económica e a creación de emprego.
Do mesmo xeito, a redución da xornada laboral sen diminución salarial continúa sendo unha reforma urxente que non pode seguir aprazándose. É unha medida necesaria para adecuar o marco laboral a unha realidade marcada pola dixitalización, a automatización, a IA e as grandes transformacións ecolóxicas e demográficas. Bloquear este avance —apoiado maioritariamente pola cidadanía— carece de sentido.
UGT seguirá loitando para estender a xornada de 37,5 horas alí onde sexa preciso, especialmente na negociación do VI AENC, que debe servir para seguir rebaixando a xornada media efectiva en convenio para mellorar a produtividade e calidade de vida das persoas traballadoras.
En definitiva, UGT continuará traballando para que a positiva evolución do mercado laboral vaia máis aló dos avances en calidade do emprego logrados coa última reforma laboral. O obxectivo é impulsar medidas que reincorporen ao mercado de traballo ás persoas en desemprego de longa duración e que garantan xornadas razoables, salarios dignos e unha repartición máis equitativa dos froitos do crecemento económico.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 1.814 persoas con respecto ao mes anterior (1,60%) e no Estado esta cifra tamén baixou, aínda que menos, un 0,77%. A mesma tendencia rexistrouse no ano, cunha contracción do desemprego, baixando en 10.170 persoas, un 8,35% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 111.572 persoas, mínimo histórico en Galicia nun mes de novembro dende 1996 e cuarta menor cifra da serie, todas rexistradas este ano.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades, aínda que dun xeito menos incisivo, xa que o paro tan só baixou neste grupo de idade nun 0,47%, só 24 persoas desempregadas menos. No ano a baixada foi dun 3,76%.
Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 0,31% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,50%. No ano baixou o desemprego tamén en ambos casos, o 8,95% entre os homes e o 7,92% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,3% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 65.064 mulleres, fronte a 46.508 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa en todos, excepto na construción. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 0,42%; no 1,81% na industria; no 1,82% no sector servizos; e no 1,56% no colectivo de sen emprego anterior. Pero sube na construción, nun 0,75%. No ano baixa en todos. Así, diminúe un 12,19% no primario; o 11,46% na industria; o 10,98 na construción; o 7,39% nos servizos; e o 9,50% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.
Territorialmente, o desemprego tamén baixa en todas as provincias. O 1,46% na Coruña, 0,33% en Lugo, 1,19% en Ourense e un 2,20% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 7,40% na Coruña, 8,61% en Lugo, 8,90% en Ourense e o 9,09% en Pontevedra.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 31,64%. Realizáronse en novembro un total de 55.590 contratos en Galicia. No mes de novembro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 13,5%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 68,87%, e no sector primario, do 53,3%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 30,7%, e na industria, do 22,5%.
En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 61,74%, moi por debaixo do 77,7% do Estado, con 63.468 persoas beneficiarias. Deste total, 24.563 perciben subsidios e 163 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 38.742. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.100.638 de media mensual, baixando o 0,21% no mes e aumentando un 1,81% no ano.